Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arredor de DramaturGa 20

Faixas de vello na dramática galega actual

Un momento na representación de Unha cuestión familiar (2017) de Francisco Oti.

Da man de Francisco Oti Ríos, publicado en parcería por Invasoras e DramaturGa, chega un volume con once pezas breves agrupadas co título de DramaturGa 20, que, segundo conta a capa traseira, foron escritas coma un brado urxente en defensa da escrita dramática nestas condicións extremas, pois extrema é, certamente, a situación da creación e da difusión artística asentada na comunicación directa entre creadores e espectadores, máis aínda en tempos de crise, moi agravada pola pandemia.

DramaturGA, ou Asociación Galega de Dramaturxia, agrupa persoas que traballan no eido da autoría dramática, ben que na Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) exista unha sección de literatura dramática. Creada en 2016, o seu manifesto fundacional poñía de relevo unha idea directriz, e ao tempo bisectriz, que fan súa algúns movementos en culturas periféricas: a de nacer afirmando a propia morte, pois nel puidemos ler que “a dramaturxia galega nin se crea nin se transforma: destrúese”. Mais fronte á estética da derrota, lembremos que os castiñeiros non dan landras, e mesmo o dito aquel dos percebes, e do que hai que mollar por eles. Como deixou escrito Publio Virxilio Marón, Labor omnia vincit improbus. Porén a Asociación realiza actividades diversas a prol da promoción e da visibilidade da escrita, coma este volume. Hai nel textos dispares que serven para tomarlle o pulso á nosa escrita e saber das tendencias formais e temáticas que abrollan neste primeiro cuartel do século, e que non difiren moito das que estouraban, con tanta furia e ruído, nos comezos do vinte, cando emerxen vangardas que condicionan o rumbo das artes todas ata o momento actual. Porque a brevidade, como escolla, pode derivar das formas populares nas que sobreviviron os teatros das xentes do común, e da apropiación que das mesmas fixeron creadores coma Nikolai Evreinov, Vsevolod Meyerhold, ou Nikita Baliev, de quen recolle Castelao o seu teatro de caretas.

Asoma pois a idea de xogar coa expresión e coa recepción, tan querida aos futuristas italianos, e así temos Play, de sther f. carrodeguas (sic.), ou a paixón pola colaxe dos dadaístas, con mesturas aleatorias, coma Por exemplo, Biona, de Roi Vidal Ponte, pero tamén os xogos de composición escénica debidos a Rudolf von Laban ou Oskar Schlemmer, e daquela diremos Soños de cinza de Ana Abad de Larriva, ou Corporal, de Afonso Becerra de Becerreá. Dalgunha maneira, tamén hai superrealismo, en Alicia morreu de sobredose, de Noelia Toledano, ou en O corazón dos peixes, de Julio Fernández Peláez. Son textos nos que cobra relevancia formal o monólogo, a veces en alternancia, pero tamén a enunciación da acción como motor do acontecer escénico, ou os diálogos desaqueloutrados, que tanto contribúen a mostrar o balbordo das vidas e da existencia diaria.

Por veces os textos falan da memoria, moi especialmente da histórica, e velaí temos Aba e Don, de Ernesto Is, con dous personaxes que tanto din de si propios cando descobren que no seu brazo se pode ler un número de seis díxitos, ou cando deitan a mirada en vellas fotografías e diarios. Tamén Carlos Labraña, con Alzheimer, nos traslada un conflito aínda por resolver neste noso país, que abrolla co bruído das máquinas que removen terras na procura de cadáveres, ante a mirada fuxidía dun avó que non é tal. Nas memorias do cotiá, Un bolso grande de máis, de Raquel Castro, recrea os problemas de tantas nais con fillos pequenos na hora de dispoñer dun tempo propio no que poder respirar e ser, en tanto Bisesto, de Fran Godón, mostra problemas que padecen os adolescentes na conformación da identidade e da autonomía persoal, ao tempo que denuncia formas novas de sociabilidade suposta. Finalmente, Unha cuestión familiar, de Francisco Oti, unha dura instantánea sobre o valor da vida en culturas marcadas pola intransixencia relixiosa, peza premiada e estreada en Chiclana de la Frontera, Cádiz, en 2017.

Once casos, once probas, once mostras, para calibrar a situación e perspectivas da nosa dramática actual. Textos que reclaman lectura, e, se acaso, escena.

O futuro

Vai agora para dous ou tres anos, nun foro de debate celebrado nunha cidade galega, unha autora nova, ao mellor non tanto por idade canto por presenza no campo, emitía un discurso moi acedo no que, imitando o infantilismo esquerdista que tanto criticara Lenin, cuestionaba calquera posibilidade de colaboración do mundo creativo coas institucións, contradicindo o que Francisco Oti defende no prólogo do volume. Un limiar no que se reclama un futuro posible para unha profesión necesaria, que noutros países conta con enorme relevancia, a que tanto defendera Percy MacKaye nun texto de 1909, The Playhouse and the Play.

Non se falou moito de escrita dramática no Congreso Internacional do Teatro Galego, celebrado en Compostela hai días, como tampouco non se falou da conversión dos teatros en casas de vida a tempo completo, como tamén explicou MacKaye nese texto fundamental. Sostiña el que cando un teatro se converte en centro de produción e difusión, cando hai que facer nove espectáculos por ano e acoller outros tantos por un tempo, a necesidade de pezas dramáticas aumenta de forma exponencial. MacKaye foi un dos defensores dos Resident Theatres, axentes conformadores do City Beautiful Movement, do que tanto sabía Antonio Palacios. Compañías residentes, vaia, coma en Europa. O futuro está aí, lonxe dos laios e panos da derrota.

O dramaturgo e poeta americano Percy MacKaye (1875-1956).

Compartir el artículo

stats