Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

True Reggae

No adeus a Frederick “Toots” Hibbert

Frederick “Toots” Hibbert, un dos pais do reggae

Nos últimos tempos a morte non para de lle dar malas novas ao mundo da música. Para alén de pandemias e de seguidores da coñecida frase pronunciada por Humphrey Bogart en Knock on any door, o certo é que o engrosamento paulatino da nómina de Defuntos do Rock nos mostra que as iconas do estilo musical máis influínte no século XX xa non son mozos rebeldes senón venerables anciáns.Little Richard, Peter Green (guitarrista dos Fleetwood Mac), Paul Chapman (guitarrista de UFO), Kenny Rogers (líder de The First Edition)..., a listaxe é longa, aínda que só aboie na superficie do balbordo mediático cando o finado é –como o primeiro dos citados– unha auténtica estrela do rock.Polo demais, outros estilos máis novos, ás veces fillos ou cando menos parentes –recoñecidos ou non– do rock, tamén comezan nestas primeiras décadas do novo século a ver como os seus referentes deixan de estar entre nós.

Porén, non sempre os focos mediáticos lles prestan a atención que a súa obra xustificaría e así aconteceu, apenas hai agora un mes, con Frederick “Toots” Hibbert, quen sendo un mozo de vinte e seis anos no afastado 1968 puxéralle nome, nunha súa canción coa banda The Maytals, a un novo estilo que nacía na Xamaica dos 60. O tema era “Do the reggay” –termo apañado da xiria da rúa xamaiquina e co que se cualificaba unha persoa mal coidada ou desatrousada– e obviamente o estilo musical que conquistou o mundo desde os Sound System de Xamaica era o reggae.Toots Hibbert e os seus Maytals, xunto a Bob Marley e os seus Wailers, foron a chave do espallamento da música reggae polo mundo nos anos 60 e sobre todo nos 70 do século pasado.

Nunha rivalidade por seren os máis aclamados na bulideira escena musica local da illa na altura, Toots & The Maytals coaron trinta e unha cancións na listaxe de máis vendidas de Xamaica, máis cque ningún outro artista, incluído o propio Bob Marley. E cando o reggae chimpou o Atlántico e floreceu entre o neboeiro dos barrios obreiros de Londres, o chamado 2 Tone, as músicas dos Maytals foron, sen dúbida, as que máis influencia acabaron exercendo en formacións como The Clash ou The Specials. Un influír, aínda, que seguiron exercendo ao longo da súa longa e prolífica carreira –cun derradeiro álbum, Got To Be Tough (Trojan Jamaica/BMG, 2020), publicado o 28 de agosto deste ano– en moitas outras bandas como No Doubt, Amy Winehouse ou, no Estado español, Kortatu, cuxo coñecido tema “Sarri, sarri” é unha versión do Chatty, Chatty dos Maytals.

Toots, cando aínda era só Frederick, medrou nun fogar adventista -ambos os pais eran predicadores- de May Pen e arrimouse á música cantando gospel no coro da igrexa. Orfo desde novo, marchou para a capital, e aló coñeceu, sendo un rapaz, aos que serían os seus compañeiros nos Maytals, Henry “Raleigh” Gordon e Nathaniel “Jerry” Mathias. Baixo a tutela de Coxsone Dodd, omnipresente produtor musical na música ska, rocksteady e reggae da illa e propietario do primeiro estudio, Studio one, rexentado por unha persoa negra en Xamaica, este trío gravou os seus primeiros temas, que moi logo viraron en éxitos na capital. Coa base instrumental de The Skatallites, a banda do estudio e desde logo outra referencia ineludíbel da música xamaiquina, as harmonías de ar gospel do trío soaban unha e outra vez nos Sound System que armaban a festa nas rúas de Kingston.

A carreira da banda engalou de vez cando gañaron o 1º Concurso de Canción Popular no Festival da Independencia de Xamaica en 1966 e apenas se viu afectada cando Toots pasou nese tempo un ano na cadea por posesión de marihuana. De feito, despois da súa saída do cárcere, a banda comezou a traballar co produtor Leslie Kong e con el gravaron unha presada de hits no final dos 60 e comezos dos 70: “Monkey Man”, “Pressure Drop”, “54-46 (That’s My Number)”, “Sweet And Dandy”... todas elas clásicos do reggae escoitados e reinterpretados millóns de veces nos últimos cincuenta anos en todo o mundo.Catapultados cara á fama na altura, Toots e a súa banda desenvolveron até hai un mes unha intensa carreira, que só era traída á tona dese balbordo da actualidade mainstream de cando en vez, como cando gravaron no 2004 o disco True Love, duetos con grandes nomes da música anglosaxoa que os levou a gañar un Grammy.

O recentemente falecido Eddie Van Halen, membro fundador da banda de hard rock que leva o seu apelido.

Van Halen, mestre

Nesa listaxe que pouco a pouco medra e apenas esquivan xa os derradeiros dos mohicanos do rock’n’roll, ingresou o pasado 6 de outubro Eddie Van Halen. Sen esquercermos obviamente a Little Richard, o pasamento do guitarrista americano-neerlandés supuxo a perda máis importante para o rock, desde logo na súa variante máis dura e metaleira. Considerado pola revista Rolling Stone como o oitavo mellor guitarrista de todos os tempos, a andaina de Eddie vai ensarillada na da banda que formou co seur irmán Alex e á que puxeron por nome o apelido que denotaba a súa orixe holandesa. Instrumentista virtuoso, Eddie popularizou nos 80 o tapping, esa técnica que leva a tocar con ambas mans no brazo da guitarra, imprimindo gran velocidade á melodía e que deriva de técnicas semellantes xa empregadas, entre outros, por Paganini co seu violín. Ademais, Van Halen foron probabelmente a primeira banda en apostar por ese concepto de concerto espectáculo, con escenarios xigantescos e producións grandiosas que hoxe chegou incluso ao mundo das orquestras.

Máis alá do seu éxito, incontestable nos 80 cando o seu álbum 1984 foi cinco veces disco de platino en apenas un ano ou cos seus trece nº1 na Lista Billboard, en Eddie Van Halen encontramos un intérprete maxestuoso e un grande inventor, creador das súas propias guitarras, deseñador de amplificadores, innovador estilístico e referente senlleiro do hard rock dos últimos corenta anos.

Compartir el artículo

stats