Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Wagner Gutiérrez Barreira | Xornalista e escritor brasileiro

“O Vigo de 1918 era unha das cidades máis modernas de Europa”

O avó de Wagner Gutiérrez Barreira foi un daqueles galegos que, a principios do século XX, decidiu buscar un futuro mellor ao outro lado do Atlántico. Atopouno (ou non?) en Brasil, concretamente na cidade de São Paulo. O seu neto quixo reconstruír a súa biografía, pero saíulle unha novela: Demerara (Ed. Instante/Brasil).

Wagner Gutiérrez Barreira.

Por que se decidiu a escribir unha novela sobre o seu avó galego?

–En Brasil, país de migrantes, a procura de informacións sobre os nosos antergos é algo moi común. Do meu avó paterno, todo o que sei é que se chamaba Bernardo, que chegou a Brasil a bordo do vapor Demerara e, disque, morreu xusto o día do bautizo de seu único fillo, meu pai, tamén chamado Bernardo. A min, estes sinxelos datos parecéronme xa unha magnífica e orixinal idea de arranque para poñerme a escribir unha novela. Todo o demáis no libro é pura ficción. O Demerara, por exemplo, non pasou por Vigo no ano 1918; o roteiro orixinal era Liverpool/Lisboa e despois América do Sur. Eu son xornalista de formación e tentei obter informacións precisas sobre os feitos históricos para ambientar a historia. Daquela, na novela, atopamos datos reais: o desenvolvemento de Vigo, a viaxe no barco, as condicións de vida no Brasil das primeiras décadas do século XX.., pero só para soportar unha narrativa ficcional. No libro, o protagonista, Bernardo, non conta o que lle pasou ao meu avó, senón o que o seu neto (ou sexa, eu mesmo) imaxinou que puido terlle pasado.

Gustaríame que nos falase do proceso de documentación da novela. Teño entendido que estivo en Vigo investigando...

–Si, estiven en Vigo en 2017. Visitei o Instituto de Estudos Vigueses, o arquivo do porto, o Concello e os arquivos de FARO DE VIGO ​ na procura de informacións sobre como era a cidade nos primeiros anos do século pasado. O meu obxectivo era atopar datos que fosen alén dos asuntos estrictamente económicos e políticos. Por exemplo, na novela o protagonista mantén unha relación amorosa cunha prostituta, e todo o que conto está relacionado coa Rúa da Ferrería que, naqueles primeiros anos do século XX, xa era o centro de prostitución de Vigo. Buscando nos arquivos, encontrei datos sobre a saúde pública e control oficial de enfermedades venéreas, o que de certo que me pareceu moi moderno para a época. Tamén lín moito sobre a industria conserveira, os asteleiros e o desenrolo da arquitectura. Vigo era unha vila moi puxante neses tempos, nos que xogou un importante papel na Primeira Guerra Mundial.De igual xeito, tamén necesitaba datos dunha pequena vila onde, supostamente, naceu o protagonista. Descubrín Traspielas en Google Maps, e grazas á xenerosidade de Luís Bará, visitamos aquela vila. A vivencia real polas rúas,vilas e incluso a xente de Vigo coa que falei axudáronme moito a tratar a parte galega de Demerara.

Como era o Vigo de 1918 dende o que o seu avó marchou para Brasil?

–Era unha cidade fervente, coas novas liñas do tranvía, novos edificios, grandes e modernos, e, mais que todo, unha cidade cosmopolita, cos Cables inglés e alemán. Na Gran Guerra, Vigo foi un centro de espionaxe, unha “porta ao Atlántico”, tanto pola ría como por contar cun bo porto. Atopei noticias dun alemán, alcumado “El Cojo,” que era un espía que trataba de abastecer submarinos nas illas Cíes. Pero tamén descubrín que había moitos problemas económicos, nomeadamente as variacións dos prezos dos alimentos básicos como o pan. Tamén me abraioi atopar un Vigo moderno e rico, en sintonía coas grandes cidades de Europa, e sen os dramas da guerra

E como era o Brasil ao que chegaban os emigrantes galegos?

–A finais do século XIX e principios do XX, São Paulo era a segunda cidade do mundo en acollida de man de obra migrante, só por detrás de Nova York. Había un grande crecemiento da poboación (con moitos italianos, portugueses e españois, pero tamén xente do Medio Oriente, como libaneses e armenios), pero ata a metade do século XX aínda se falaba a chamada “lingua xeral” na cidade, con palabras en portugués e tupiguaraní (a língua dos indíxenas). Con tanta xente nova, e a industrializacioìn, xurdira un forte movemento anarquista, con folgas xerais e a consecuente represión policial. O Gobierno, por suposto, estaba formado polos donos da riqueza agrícola, que tiñan unha visioìn moi moderna e europeizante, malia que as condicións de vida dos probes, migrantes e locais fosen moi duras.

Con motivo da pandemia do Covid, estase a lembrar agora a epidemia de gripe española da que Vde. tamén trata na novela. Como se viviu en Brasil aquel andazo?

–Cunha completa inadecuación para tratar a pandemia, pero iso foi algo que pasou en todo o mundo. A medicinadaquela non tiña nin idea de como afrontar epidemias virais e os tratamentos eran paliativos. En Rio de Xaneiro, que naquela altura era a capital do país, morreron trinta e cinco mil personas, nunha poboación que non chegaba ao millón de habitantes. A Hospedaria de Imigrantes, en São Paulo, converteuse en hospital de campaña. O xornalista e autor teatral Nelson Rodrigues contaba que atopaba sempre cadáveres nos seus paseos. Houbo una expansión da gripe a todos os recantos do país, e na maioria deles non había médicos. En Brasil, a enfermidade chamábase, a demais de gripe española, “a danzarina”. Fulminante, mataba os infectados en tres días e a transmisión era moi veloz​. Por outra banda, as recomendacións, daquela, eran case as mesmas de hoxe: uso de mascarilllas, illamento social e repouso para os doentes.

E como se está a vivir agora a pandemia do Covid? (as noticias que chegan a España son alarmantes).

–Na miña opinión, a diferencia entre a gripe de 1918 e a Covid é que naquela altura tiñamos un Brasil en construción e hoxe temos un país en acelerado proceso de destrución. O presidente Bolsonaro é un negacionista, tivemos dous médicos cesados no Ministerio de Saúde no peor periodo da pandemia, porque se negaron a ofrecer cloroquina, unha auténtica parvada creada por Bolsonaro para tratar a enfermidade, sen ningunha comprobación cientiìfica. Somos o segundo país do mundo en número de mortos. O ministro da Saúde é un xeneral. O período de illamento social empezou en marzo e segue ata o de agora para os que poden traballar en “home office”. Pero nun país con tantas desigualdades sociais, os máis pobres pagaron ​o prezo. A pandemia, en Brasil, é un elemento máis, aínda que moi portentoso, no proceso do Goberno de desafiar as institucións como o Congreso e o Tribunal Constitucional, de dar as costas ao medio ambiente e aos dereitos sociais das minorías, como negros e homosexuais. O Pantanal, o biosistema lìquido máis grande de todo o mundo, sufriu un cuarto da súa área destruída polo lume, os incendios toman a Amazonia. A pandemia deixou aínda máis clara e transparente a visión anticuada e nefasta do actual goberno. A proposta orixinal de auxilio de emerxencia do presidente Bolsonaro foi de trinta euros mensuais a familias desasistidas. O Congreso triplicou o valor. O argumento do presidente foi que non se podía combater a pandemia e esquecerse da Economía. En 2020, a moeda brasileira tivo una desvalorizacioìn de case 50% fronte ao dólar. O número de parados bate récords e non hai un plan de recuperación económica.

En que cidades se apreza, na actualidade, maior presenza de descendentes de emigrantes galegos?

–Malia que o destino preferencial dos galegos fose historicamente A Habana e Buenos Aires, o certo é que moitos se foron establecer no Brasil. Hoxe hai unhas comunidades moi numerosas en Salvador de Bahia, en Rio de Xaneiro e, nomeadamente, en São Paulo e Santos (o porto da provincia). Hai moitos galegos que son donos de restaurantes. A finais do século pasado, a noite carioca estaba case totalmente dominada por galegos ou os seus descendentes. En São Paulo, por exemplo, tamén se chama galegos a todos os españois. Hai unha pasaxe na miña novela na que o protagonista anda na busca de españois nun barrio de São Paulo, e os brasileiros respóstanlle:“Non hai españois acáó só galegos”.

Vaise publicar esta novela en España?

–A min o que realmente me encantaría é ver publicado o libro na lingua na que falaba o meu avó. Ou sexa: en galego.

Compartir el artículo

stats