Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Admiración e intervención

Un poemario libérrimo

libro

Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988) vén de editar Árbores no deserto, un poemario de admiración e de intervención. De admiración cara ás mulleres cuxo talento, tesón e esforzo logrou dobregar e superar a oposición acérrima dunha sociedade patriarcal que as negaba e que as trataba de ocultar ou anular. De intervención porque as súas composicións, apoiándose en textos de mulleres excepcionais, actualizan mensaxes liberadoras que nunca perderán vigor e vixencia, apesar da reacción de certas dereitas recalcitrantes que se opoñen á igualdade.

Sempre experimental, sempre vivaz, sempre sorpresiva, a obra da nosa autora destila unha ansia de expandir o caudal impetuoso da súa creatividade a partir de estruturas ou discursos foráneos ao texto literario propriamente dito. Este procedemento xa o aplicara con éxito no seu proxecto narrativo, moi atractivo e fresco, Bonus Track, mais aquí adquire unha dimensión crucial e unha intensidade inaudita. A partir de fragmentos que van de Sojourner Truth a Malala, a poeta extrae as palabras e as frases das autoras homenaxeadas recreándoas, reelaborándoas, espreméndoas (variacións por permutación) outorgándolle unha nova vida até confeccionar “un atlas de mulleres/tan salvaxes coma min”.

Especialmente afortunadas son as de Rosalía: “tamén ancoro raíces/no distrito de ningures”; Virginia Woolf: “O meu cabelo é un talo;/a boca, rosa./O raio bicoume.”; Clara Campoamor: “Considero que a cabeza/é a espada da muller./No corazón colocou/a súa balanza”. E estremecedora, á vez que moi reveladora, a de María Zambrano: “Cando meu pai me advertiu/que non podía ser nada,/erixín/un fogar onde nacer”. Sen esquecer a proposta “Kate Millett, Performance trans-crita”, onde a escritora nos propón ir a unha páxina de Youtube para tecer un diálogo entre as palabras da estadounidense e as recreacións da galega, que improvisa e declara: “o vento recolle/o que quedou de nós/este poema náufrago”. Libro, en fin, libérrimo e gozoso que convén degostar como unha afirmación.

FERNÁNDEZ RIAL, Rosalía, Árbores no deserto, Galaxia, Vigo, 2020,

PVP. 14,25

Compartir el artículo

stats