Construír a nación

Arredor de Galicia, de Nós a nós

Construír a nación

Construír a nación

Carlos L. Bernárdez

"A existencia dun pobo con sustantibilidade, con caracteres diferenciais que a expresan e manifestan, ofrece sempre á nosa consideración un conxunto de problemas independentes de índole etnográfica, xeográfica, filolóxica, histórica, económica, psicolóxica, etc. Pero hai outro problema que os envolve a todos e é un problema político. Por iso dixemos que o problema de Galicia é, na base e no cume, un problema político." A referencia (Vicente Risco, O problema político de Galicia, 1930) coa que encabezamos este artigo sitúa á perfección o sentido fondo dunha publicación como a revista Nós, nacida hai exactamente cen anos, e á que a Cidade da Cultura dedica unha mostra, comisariada por Ana Acuña e Afonso Vázquez-Monxardin, que contén abondosísima documentación textual e visual e que permite múltiples achegamentos ao labor que o grupo promotor da revista realizou e tamén ás variadas facetas da realidade galega desa altura.

Lembremos que o 30 de outubro de 1920 sae do prelo en Ourense o número 1 da revista Nós. No núcleo fundacional da publicación aparece como director Vicente Risco, o xerente é Arturo Noguerol, sendo xefe de redacción Xavier Pardo (Lameiro) e secretario Xulio Gallego. Tamén figuran como redactores Ramón Cabanillas, Castelao, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo e Florentino L. Cuevillas. A partir do número 17 (1-3-1923) Castelao, responsábel desde o comezo do deseño da publicación, consta como director artístico. A este grupo tamén se uniría Ánxel Casal como editor a partir de 1925.

A creación da revista Nós cómpre situala nun cadro político e cultural máis largo. O proceso de construción da cultura galega moderna -e o propio concepto de "cultura galega"- aparece ligado desde o século XIX á formulación dunha idea de reconstrución da identidade colectiva, dunha idea de nación plasmada segundo o momento histórico so diversas denominacións: provincia, país, nación. O punto de partida é, pois, o Rexurdimento, un movemento que propugna a recuperación dos valores culturais e da identidade política de Galicia, que ten en Rosalía, Pondal, Curros Enríquez e Murguía as súas figuras cimeiras.

Ao longo deste máis de século e medio que nos separa do Rexurdimento son constantes as referencias e debates que ligan a visión dunha cultura e artes propias ao desenvolvemento político e social en xeral, en que o feito literario e lingüístico tiña e ten un papel de primeira importancia.Cómpre termos en conta que a creación do movemento galeguista é chave para a comprensión deste proceso xa que este movemento implica, en palabras de Antón Figueroa: "a instauración dun espazo cultural público galego do que a arte constitúe un elemento fundamental para a pedagoxía interna da nación e tamén para a súa representación externa". Trátase dun proceso,pois, que está ligado ás tentativas que en materia de proxección da lingua galega se desenvolven en ámbitos como o literario, o musical, o teatral ou a investigacións sobre os máis variados aspectos da realidade galega, que ten na revista Nós un sobranceiro expoñente. Estamos perante unha iniciativa de longo alcance, orientada cara a conformación e construción dun espazo cultural nacional, que adquire unha importante aceleración no primeiro terzo do século XX e só se ve freado pola violenta fenda que supuxo a Guerra Civil.

A creación da revista Nós é, por tanto, chave para a comprensión da creación dunha cultura galega autorreferenciada. Otero Pedrayo explicou na súa novela Arredor de si (1930) o camiño emprendido pola súa xeración. Na obra nárrase a vida de Adrián Solovio, un mozo intelectual que realiza unha viaxe formativa por Europa ao tempo que se reencontra afectiva e intelectualmente coas súas raíces galegas e opta por pór toda a súa enerxía e talento na construción dunha cultura nacional. O camiño emprendido por Adrián Solovio sitúa á perfección o marco en que se move a nosa cultura desde 1916, plenamente convencido de que para chegar á universalidade hai que partir da galeguidade, algo que supón o centro do discurso de todos os números da revista Nós desde o inicio en 1920 até a desaparición en 1936, froito da persecución dos sublevados fascistas.

Título: Galicia, de Nós a nós. Comisariado: Ana Acuña Trabazo e Afonso Vázquez-Monxardín. Local: Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura, Santiago de Compostela. Até o 17 de xaneiro de 2021.

Construír a nación

Construír a nación

Construír a nación

Construír a nación

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents