Experiencia enriquecedora

Sobre a pel dos astros

Experiencia enriquecedora

Experiencia enriquecedora

Román Raña

Observo nestes últimos anos o fenómeno dos poemarios compartidos. Así o fixeron Domínguez Alberte e Mercedes Queixas, Xavier Queipo e Ramón Neto, Pepe Cáccamo, Vítor Vaqueiro e Carlos Negro€ Agora tócalle a vez a Baldo Ramos (Celanova, 1971) e Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, 1961), que veñen de publicar Quérote canto. No meu criterio, considero estas experiencias máis que enriquecedoras tanto para os poetas participantes como para os lectores, que podemos desfrutar dos dispares bouquets (nos dous significados do vocábulo: o aroma que exhalan ou o ramo cromático que se elabora para as nupcias) que as poéticas atesouran. No caso presente o fío que os orixina e cohesiona procede dunha estancia de varios días no mosteiro de Oseira.

Non é banal esta información, pois os textos que imos ler serán froito dese ámbito de recollimento interior, dese locus amoenus que aílla e que confina e que, portanto, nos achega a unha sucesión de vislumbres metafísicos: "o que me pertence é como un cuarto baleiro que me obriga a saír/o que non me pertence é un lugar deshabitado que me obriga a entrar/pertenza e casa/desaloxar o corpo que xa non é noso". Por iso ao longo do volume aparecen fulgores irracionais que se petrifican nos versos: "as horas eran lentas como o momento de nacer", onde observamos a obstinación da felicidade: "fun feliz para non darme por vencido"; ou a repentina chegada do desánimo: "vólvome escura/como o interior dunha nave"; ou a estremecedora intuición do acabamento: "un oco onde caer e caber".

Os dous planos da existencia (a realidade exterior e a íntima) conviven, coliden e unifícanse, entón, por medio das palabras. Estas moldéanse, á súa vez, polos sentidos que nos conforman e moldéannos asemade cando compomos eses estraños artefactos que chamamos poemas (que acaban sendo anacos do espírito que inmortalizamos no papel). De aí que a misión do escritor consista en "hospedar a escrita/que a luz deixa no corpo". Sobre a pel dos astros e dos días, como unha invitación ao misterio, os labios pronuncian o silencio.

RAMOS, Baldo/Veiga, Eva, Quérote canto, Galaxia,Vigo, 2020, PVP.15, 39 €

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents