Letras mancadas
Escritores e doenzas

Manuel Antonio (1900-1930).
Armando Requeixo
A pandemia do coronavirus vai camiño de se converter na praga bíblica dos nosos días e leva xa causado moita dor e irreparables perdas. Desafortunadamente, as ausencias tamén se contan entre aqueles que andaron os seus días facéndonos felices coa maxia das palabras. Velaí o caso do escritor chileno Luis Sepúlveda, quen falecía o pasado mes de abril en Asturias, logo de loitar durante varias semanas coa covid-19.
Infelizmente, non é a primeira vez que a Humanidade se ve en tal situación e, ende mal, que o gremio dos escritores contempla como este letal e silandeiro inimigo que son as enfermidades infectocontaxiosas fai desaparecer parte dos seus activos.
Na Idade Media a peste bubónica fixo auténticos estragos entre a poboación da vella Europa e ese mesmo mal volveu castigar o continente con dureza no século XVII. Os escritores, dende Bocaccio no Decameron ata Defoe no Diario do ano da peste, deixaron testemuño daquel horror, que levou por diante o poeta francés Gautier de Châtillon (autor do longo poema Alexandreis, que serviría de inspiración ao célebre Libro de Alexandre, obra cimeira do mester de clerecía hispano); o florentino Matteo Frescobaldi (voz destacada do Dolce Stil Nuovo e amigo de Petrarca); o dramaturgo inglés John Fletcher (un dos máis gabados do seu tempo, xunto ao propio Shakespeare e Ben Jonson); o fundador da narrativa albanesa Pjetër Bogdani ou a poeta e intelectual norueguesa Vendela Skytte (ilustrada erudita que morreu da enfermidade xunto ao bebé que acababa de ter).
E o que aconteceu coa peste sucedeu tamén ao longo do XIX co temible cólera, que feriu definitivamente o poeta e dramaturgo alemán August von Platen-Hallermünde (no que se inspirou Thomas Mann para o personaxe de Gustav von Aschenbach de Morte en Venecia); a escritora e crítica literaria británica Maria Jane Jewsbury (falecida na India, onde contraeu a enfermidade); a escritora e pintora italiana Bianca Milesi (que feneceu deste mal xunto ao seu marido, que era médico) ou a grande intelectual e feminista, heroína da revolución rusa, Inessa Armand, que foi un tempo compañeira sentimental de Lenin e que terminou os seus días vítima do cólera que contraera durante unha viaxe ao Cáucaso.
Pero se hai dúas enfermidades infectocontaxiosas que asociamos moi a miúdo coa literatura esas son a tuberculose e a sífilis. Á primeira adoitamos engadirlle —dun xeito totalmente arbitrario, xaora— unha aura romántica que a identifica como a forma propia na que morren os poetas, sobre todo os grandes cantores do amor. E velaí como por este mal feneceron, si, John Keats, Gustavo Adolfo Bécquer, Jacint Verdaguer ou Joan Salvat-Papasseit, mais tamén grandes da narración como Emily Brontë, Antón Chéjov, Leopoldo Alas Clarín, Franz Kafka ou D. H. Lawrence.
Pola súa banda, a sífilis, que os descubridores trouxeron de América, foi o azoute do París bohemio, arrasando con Charles Baudelaire, Alphonse Daudet, Guy de Maupassant ou Alfred de Musset.
A lista de males bíblicos non acaba aí e cómpre saber que inclúe tamén a lepra (que terminou co poeta paraguaio Manuel Ortiz Guerrero e co venezolano Cruz Salmerón Acosta, ambos os dous destacados autores nos seus países); o tifo (que foi o final para Charlotte Brönte, Arnold Bennet, Irene Nemirovsky e Gerard Manley Hopkins, quen, malia iso, despediu a vida repetindo no seu leito de morte "son tan feliz, son tan feliz!"); a disentería (que fixo presa de Erasmo de Rotterdam, Thomas Coryat, Pierre Choderlos de Laclos ou Helen Von Druskowitz, autora esta última que atopou tan feroz morte recluída nun psiquiátrico, onde levaba vivindo case trinta anos); a septicemia (que non tivo piedade nin co holandés Louis Couperus, nin co cubano Guillermo Cabrera Infante nin coa ensaísta e novelista británica Mary Wollstonecraft, autora da referencial Vindicación dos dereitos da muller, que faleceu tras dar a luz a súa filla, quen logo se converteu en Mary Shelley, a famosa autora do Frankenstein); a meninxite (que arrastrou o narrador italiano Alessandro Manzoni e moitos outros); a difteria (que se levou a sufraxista inglesa Lydia Becker); a pneumonía (inmisericorde con Francis Bacon, Friedrich Nietzsche, Lewis Carroll, Leon Tolstoi, Dylan Thomas ou Simone de Beauvoir); a hepatite (definitiva con Wolfang Borchert, que sobreviviu ás tropas nazis pero non a ela; ou o gran poeta romanés Nichita St?nescu, bebedor consumado que apedrou o fígado); ou a máis recente sida, que nos arrebatou tristemente a autores da categoría de Michel Foucault, Hervé Guibert ou Severo Sarduy e aínda tantas outras persoas, por non falarmos da febre amarela (coa que marchou Matthew Lewis), a leishmaniase (Marguerite Higgins), a pleurite (Juan Montalvo), a malaria ou a moi común gripe (Bertrand Russell), tamén causantes de sentidas perdas.

Letras mancadas

Letras mancadas
Suscríbete para seguir leyendo
- Una camarera tras probar de la botella que abrasó al empresario Pablo González: «Esto no es agua»
- El trago de agua que casi acaba con la vida de Pablo González: «En segundos noté que me quemaba vivo por dentro»
- Última hora en Galicia: sin luz al menos hasta la noche en una jornada de caos total en la comunidad
- «Tosí, él dijo ‘aquí no era’ y siguió pinchando; no me avisó de los riesgos»
- Ratifican la condena a un fisioterapeuta que perforó los pulmones a una paciente por una «evidente» mala praxis en la punción con agujas
- El cirujano Diego González Rivas sorprende a Alba Carrillo con este menú gallego: «Debería ser patrimonio de la Humanidad»
- Carmen quedó parapléjica en el hospital de Ourense a los dos días de una cirugía de rodilla: «No quiero vivir así»
- Parte de la millonaria indemnización por la caída de una losa salió del bolsillo de los dueños del edificio