Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Zubizarreta e Basta xa!

Unha novela gráfica contra o acoso escolar

Viñeta de Subnormal, a novela gráfica de Iñaki Zubizarreta.

«O bullying é un monstro con cara de neno»: sen dúbida, trátase dunha mensaxe poderosa en poucas palabras. Así describe Iñaki Zubizarreta (Madrid, 1972) o acoso escolar, que coñeceu cando era un cativo.

A súa historia, coa que tristemente se sentirás identificados bastantes (acaso demasiados e demasiadas), cóntase novamente en Subnormal (una historia de acoso escolar), novela gráfica guionizada por Fernando Llor (Vigo, 1982) e con Miguel Porto (Vigo, 1980) como debuxante. Mención para Irene Ríos, Livia Garcia e Greta Debelius, que colaboraron no proceso de coloreado. O proxecto contou coa colaboración continua de Zubizarreta e foi escollido por José Luis Córdoba, editor de Panini Cómics desde o ano 2004, como obra de despedida antes da súa xubilación.

Estaba previsto que Subnormal fose a grande estrea de eVolution -selo de Panini Cómics especializado en autores nacionais e historias máis aló do mainstream- no Salón do Cómic de Barcelona a pasada primavera. Como moitos outros eventos, o salón foi aprazado para o ano 2021 polo que Subnormal foi publicado o pasado 27 de agosto. Quizais esta data non é a ideal desde un punto de vista editorial pero, sen dúbida, é perfecta para o calendario escolar.

Co seu impoñente título, que, lonxe de pretender ser ofensivo, sintetiza a crueza do cómic que temos entre mans, Subnormal narra o acoso sufrido nun colexio de Getxo polo ex xogador profesional de baloncesto cando tiña once anos. Trátase dunha obra dura e impactante na que o lector presencia de forma impotente como un neno é sistematicamente discriminado polos seus compañeiros debido ao seu aspecto físico e a súa grande estatura. Non só discriminado; acosado e insultado. Perseguido, humillado e maltratado emocional e físicamente.

A obra divídese en tres partes. A primeira está centrada nos malos tratos sufridos no colexio por Iñaki, con algunhas escenas especialmente sensibles, ata o punto de que o protagonista contempla o suicidio como a única saída real para fuxir. O punto de inflexión, con todo, nin sequera chega entón; alcánzase coa malleira brutal que o deixa no hospital e que o leva a aferrarse ao que se converterá no seu berro de guerra: «Xa basta!». Na segunda parte, Iñaki xa é un adulto que leva unha vida tranquila, ata que un día ve no telexornal a noticia do suicidio dun mozo de Getxo despois de meses de acoso. Ese suceso desencadea a reaparición de antigos medos e pesadelos€ e a necesidade de resolver ese episodio «devolvéndolla» aos seus acosadores. Esta segunda parte cóntase dunha forma bastante superficial, probablemente porque non querían desviar a atención do tema principal. Unha pena, xa que as secuelas e o proceso de recuperación, pasando por esa rabia e desexo de vinganza tan humanos, podería ser un tema igual de relevante. Por último, a terceira parte é un epílogo co testemuño do propio Zubizarreta, sinxelo e moi honesto, ilustrado por fotografías da súa vida. Subnormal constitúe, pois, unha novela directa e clara, explícita, cunha composición e narración clásicas que permiten unha lectura fluída, deixando que o protagonismo recaia no peso do que se conta, que atrapa ao lector nunha mestura de expectación, rabia e tristura.

Ademais da importancia de dar un espazo para expoñer estas inxustizas, a obra ten varios puntos interesantes e igual de relevantes: destacar que unha traxedia social se disfraza moitas veces cun odioso «son cousas de nenos», sinalar a profesores cómplices que optan pola omisión de axuda, xa sexa por comodidade, autoengano ou, como no caso da profesora da historia, por unha falta absoluta de empatía e dotes para a educación, e apelar aos pais e nais para que non opten por ignorar determinados sinais.

Compartir el artículo

stats