Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Verfremdung e resistencia

Secuencias de María Solinha

Grial Montes, Mabel Rivera e Laura Míguez, protagonistas de María Solinha.

Grial Montes, Mabel Rivera e Laura Míguez, protagonistas de María Solinha. Foto: archivo FARO

Poucos filmes asumen na súa posta en forma tanta fidelidade ao termo "representación" como acontece no cado de María Solinha (Ignacio Vilar, 2020), a historia dunha muller natural de Cangas, acusada de meiga e condenada pola Santa Inquisición a perecer na fogueira no século XVII -en realidade, o referente real, María Soliño, procesada polo Santo Oficio, foi torturada e condenada por este a levar o hábito de penitente durante seis meses, se ben que nunca foi acabar queimada nas lapas-. Iso si, "representación" sempre e cando fagamos alusión á súa etimoloxía: re (volver a) presentar (facer presente. Non se recupera, pois, un feito acontecido hai catro séculos para facer unha simple recreación, senón que se rescata para observalo e poñelo en contacto co presente. En María Solinha, o material que enfía ambos tempos é o da intolerancia, que semella mudar para adaptarse ás distintas épocas e poder, así, pasar desapercibido. Para tal propósito, Ignacio Vilar estimou acertadamente que esa "representación" debía ser visible. Por esta razón, narra os feitos da meiga canguesa a partir dunha obra teatral que ten lugar na actualidade. Deste xeito, os ensaios, as localizacións e os preparativos axudan a dar esa visibilidade á representación -trátase dunha representación dentro doutra representación—, como un mecanismo "metateatral", para distanciar o espectador da trama e co obxecto de que asuma conscientemente o seu rol de observador e non perda a conciencia crítica.

A fita que comentamos constitúe, entón, un exemplo maxistral do efecto distanciador de Bertolt Brecht (Verfremdung). O autor alemán pretendía crear un espectáculo tribuna onde o espectador fose quen de sentir as circunstancias da personaxe, pero, á vez, devitr o seu crítico, para que puidese tomar conciencia dunha realidade social. Con todo, Brecht non consideraba oportuno en ningún caso conformar una relación fría entre a representación e mais o espectador, senón que buscou implicalo emocional e cognoscitivamente mediante o efecto distanciador, para que fose capaz de apreciar aspectos da vida cotiá como algo de interese social. O autor teatral estimou que no escenario debían representarse temáticas de forma fragmentada, pero dando ao espectador os elementos necesarios para que el mesmo integrase esa información, construíndo a súa propia visión global do asunto tratado.

Dita fragmentación brechtiana xorde arreo no filme de Ignacio Vilar a través das secuencias que alternan os ensaios da obra teatral e mais as vivencias cotiás dos actores, filmadas moitas veces sen unha clara liña que separe a representación da realidade, fortalecendo deste xeito os lazos entre ambos mundos, polo menos nun nivel simbólico. Fragmentación e visibilidade dos mecanismos da representación, visibilidade que por momentos nos recordan a Dogville (Lars von Trier, 2003) con ese escenario esquemático e intencionadamente teatral que, secomasí, sitúa o espectador nunha posición suficientemente distante para acadar a conciencia crítica, pero sen adormecer a implicación emocional. Neste senso, a secuencia na que María Solinha é queimada na fogueira, xoga un importante papel, filmada de forma sobria e prolongada, logrando de tal formar turbar o espectador.

En definitiva, María Solinha non é un relato sobre unha bruxa axustizada pola Santa Inquisición, senón a historia dunha forza castradora, patriarcal e autoritaria que pretende reprimir as pulsións, aquelas que representan os requirimentos que lle fai o corpo á vida anímica, causa última de toda actividade. Na relación homosexual das protagonistas, mais a busca dun estadio harmónico coa natureza circundante, vén sintetizarse un comportamento que, a ollos da forza represora actual, sempre axexante, é considerado unha desviación similar á que, catro séculos atrás, carrexaba a execución pública por ser "cousa de meigas". Mais tamén asemade certos sucesos que acontecen alén dos ensaios da obra teatral veñen lembrar que a faciana da maldade segue presente entre nós con aspecto ideado para pasar desapercibido, como un demo que o tribunal da Santa Inquisición procuraba exorcizar do corpo de mulleres, sen caer na conta que, en realidade, ese demo atopábase na man que prendía o lume da pira na que ardían inocentes.

Compartir el artículo

stats