Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rock'n'roll doente e afiado

O estraño falar dun mostro de aldea

Manifestación de Tesgal en Santiago de Compostela.

Manifestación de Tesgal en Santiago de Compostela.

Nunha valiña agochada do mundo, no concello de Andoain, en Gipuzkoa, está o casarío Garate. E nel, os Garate Studios de Kaki Arkarazo, ex-guitarrista de Kortatu, Negu Gorriak ou Nación Reixa. Aló, entre leiras e pasteiros onde as ovellas remoen con vagar e o tempo pasa igual, ao xeito da aldea, téñense cocido moitos discos fundamentais do rock estatal dos últimos vinte anos. A listaxe, longuísima, acolle case todo o interesante que se emite desde Euskal Herria: Fermín Muguruza, Betagarri, Kepa Junkera, Soziedad Alkoholika, Berri Txarrak ou Niño Pistola eta Chica Tornado. Mais polo estudio tamén pasaron grupos de fóra do País Vasco: Los Deltonos, Vetusta Morla, Banda Bassotti, a M.O.D.A., Habeas Corpus, Celtas Cortos ou Dixebra poden dicir con orgullo que algún dos seus traballos levan o selo do bo facer de Arkarazo.

Algunhas bandas do país teñen cabida nesa listaxe. O Sonoro Maxín, Nao ou hai agora un ano, Ruxe Ruxe. Os de Aríns saíron daquela por vez primeira fóra da Galiza para gravar un disco e semella que a experiencia foi boa. Van repetir neste outono, mais vai ser no Porto e por vez primeira co Xurxo Pinheiro, técnico da banda, na produción e gravando como antano, con todos os membros do grupo a tocar ao tempo.

Decerto que a comezos do 2021 teremos o novo disco dos Ruxe, mais apenas poidemos gozar aínda ao vivo do anterior, O estraño falar dun monstro de aldea. O traballo gravado nas dúas semanas que a banda pasou no casarío foi presentado en febreiro deste ano na Capitol, nesa tradición case anual de presentaren novo disco na sala compostelá, pero non tivo despois ocasión de xirar por salas e festivais no verán por mor da pandemia. Ben, nun primeiro momento pola pandemia e despois polo desleixamento que vén denunciando o sector cultural nesta nova realidade que nos está a tocar vivir.

É unha mágoa, pois neste súa décimo segundo entrega -13º, contando o EP Alfaia Punk - o grupo compostelán volta aos comezos de xeito consciente, armando un feixe de novas cancións pensadas para o directo e mostrando ás claras a súa predilección polo son de bandas como The Clash ou Kortatu. Eis quizais o motivo último de ir gravar con Arkarazo, mais como ten contado Vituco Neira, cantante do grupo e colaborador de FARO DA CULTURA, a estadía no casarío, illados do mundo por unhas semanas, envorcados no proceso de elaboración do disco, serviu tamén para unir e engraxar unha banda na que dous integrantes entraban por vez primeira no estudio cos Ruxe, Xulia Neira e David Barbas, e outro, Iago Jorge, apenas gravara o Alfaia punk despois das mudanzas dos últimos anos.

Non puidemos polo de agora gozar apenas ao vivo do disco, agás a presentación compostelá, mais podemos darlle unha escoita, tanto nas plataformas musicais na rede coma mercando o CD. Este último, con deseño de Aríns Punk coma sempre e que, contra o habitual nos últimos tempos na música en xeral, estaba a venderse dun xeito espectacular antes da pandemia. E o que nos mostran as trece cancións que conforman O estraño falar dun monstro de aldea, xa desde o comezo con "Sae o sol", e é que os Ruxe lle teñen tomada a medida á manufactura de temazos de punk-rock. Tamén que saben levar o pedal até o metal, acelerando cara a unha vertixe punk no tema que dá nome ao disco ou en "Cretino" ou virando cara a un ska vitamínico en "Aríns-Angrois", terceira canción. Ska que ralentizan despois en "Lume na aldea" ou "Terra nai", mesturado, iso si, sempre con retrousos guitarreiros, onde o Barbas mostra a súa mestría. Obviamente, tamén a entrada de Xulia lles dá un matiz nos coros inédito na banda, alén dunhas liñas de baixo old school presentes ambas, por exemplo, en "San Fins", tema que fecha o disco.

Eis a trepia que sustenta esta nova entrega de Ruxe Ruxe: punk-rock que sabe ser melódico e até melancólico cando é preciso, ska sustentado na gaita do Xocas e no saxofón de Xan -os outros dous integrantes da vella garda que se manteñen, co Vituco, na formación actual- e por último trallazos punk, rápidos e contundentes, quizais o máis novedoso con respecto aos últimos traballos da banda. Aproveiten a escoitalos ao vivo cando poidan. O seu rock'n'roll doente e afiado ben o merece.

Compartir el artículo

stats