Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Presas, calzadas ou pesqueiras

Un patrimonio fluvial en perigo

Calzada do Muíño do Brasileiro (río Tea, Mondariz).

A Confederación Hidrográfica del Norte vén de comunicar a algúns concellos galegos a súa intención de derrubar as presas, calzadas ou pesqueiras dos ríos que son da súa competencia incluídos na Zona de Especial Conservación (ZEC) e na Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). A Confederación argúe que estas calzadas están en desuso e que "no presentan expedientes de autorización aprobados y vigentes", ao tempo que "suponen un obstáculo en el curso de agua al movimiento natural del agua y de la fauna piscícola".

Desde logo, estamos a falar dunhas obras de enxeñaría fluvial, compostas por pequenos muros, que se foron construíndo dentro do leito fluvial dos ríos para derivar unha parte do caudal xa co fin de fornecer auga para as levadas, ben para regar as terras de labor, xeira para abastar os muíños que se ergueron nas súas marxes. En ocasións, as calzadas serviron tamén para derivar auga cara as centrais hidroeléctricas, caso da que se localiza en Ponte Caldelas, a mesma que dá nome á súa principal praia fluvial. "La voz presa, de prehendo es una como tomada o tomadura de agua o toma o tola, y todo de tollo, tolo" escribe o ilustrado Padre Sarmiento (1746-1770). Derivado da voz latina "prensa", participio do verbo "prend?re" (coller, agarrar), Eladio Rodríguez (1958-1961) definiu a presa como un "muro de piedra con que se ataja el curso del río a lo ancho de su cauce, para encaminar el agua a un molino o sacarla fuera de la madre del río". O inconcluso proxecto Galicia Nomeada compila un total de 1.093 topónimos que integran a palabra "presa", o que fai dela a voz maioritaria para designar a infraestrutura primeira do muíño, aquela que permite captar a auga do río.

O dicionario da Real Academia Galega (RAG) non recolle a acepción da voz "calzada" vinculada ao mundo fluvial, mais si o fai o de Estraviz, que a define como unha "represa de pedra que, interposta no leito de um rio, desvia as águas para uma acéquia destinada à rega ou ao acionamento de engenho hidráulico, como moinho, pisão, etc". Galicia Nomeada recolle 230 chamadeiros que inclúen este substantivo, aínda que referido maioritariamente a un "camiño co pavimento de pedras" como recolle o da RAG. Mentres, e para a voz "pesqueira", a RAG ofrece unha definición, cremos, incompleta: "dique ou presa construídos no curso dun río, desde onde se pesca ou coa que se desvía a auga para poder pescar". Xulgámola parcial por canto as pesqueiras tamén serviron para fornecer auga para muíños, serradoiros, batáns ou pequenas "fábricas da luz" que necesitaban da forza da auga como enerxía motriz. A primeira referencia clara deste uso atopámola no dicionario de Cuveiro Piñol (1876): "pesquera o sitial donde se cogen salmones y otros peces, por lo general cerca de los molinos ó aceñas". Don Eladio Rodríguez (op. cit) defínea como a "presa formada para llevar el agua fuera del cauce de un río a fin de hacer una pesquera". Rivas Quintas (1978) completa a definición no sentido que aquí nos ocupa: "Presa de río para llevar agua a un molino o para regar". En todo caso, a presa, que en ocasións tamén se denomina caneiro (lat. canu) ou guiar (lat. guidare), vén conformar unha auténtica obra de enxeñaría hidráulica que, en palabras de Caamaño Suárez (2003), "consiste nun gran muro de contención, formado por una parede inclinada construída con cachotes de grandes dimensións, en casos de carácter ciclópeo. Van colocados formándose primeiramente unha base de certa anchura para logo irse reducindo ata rematar cunha fileira de pedras ben colocadas que impiden o paso da auga. A súa magnitude depende da amplitude da corrente de auga e tamén das condicións do terreo."

Ramón Cabanillas (Poesías ventureiras; 1959) cantou o silencio dos muíños, que hoxe corre da man das súas presas, calzadas e pesqueiras: "silandeiro está o muíño / como unha casa queimada.../ a ágoa vaise perdida / ¡ai! como a túa mirada". A pausa destes "azudes en desuso" en palabras da Confederación Hidrográfica, non é un baleiro sen memoria, senón unha obra de enxeñaría centenaria que é testemuño dun aproveitamento racional, histórico e sustentable dos ríos de Galicia. Ignoralo ou descoñecelo provoca alarma social por canto declara o desprezo dunha administración por unha parte do patrimonio fluvial do noso país. Xa que logo, que a Confederación actúe sobre os grandes saltos e presas artificiais que provocan un dano obxectivo, mensurable e contrastado aos nosos ríos, garantindo así a migración dos peixes e a conservación da flora e a fauna autóctona de ribeira. Ese tipo de infraestruturas, construídas durante unha ditadura e, polo tanto, de costas a calquera consideración ambiental ou patrimonial, si provocan un severo impacto sobre o noso medio natural e cultural, aínda que conten con "expedientes de autorización aprobados y vigentes".

Compartir el artículo

stats