Na parroquia que lle dá nome, no concello da Cañiza, o santuario da Franqueira emerxe con todo o seu esplendor entre a paisaxe montañosa da Paradanta desde a que se enxergan os vales de Covelo e Mondariz. O templo acolle unha das imaxes máis veneradas e máis antigas de Galicia -xunto coa Virxe da Barca e a das Ermidas- que conta con miles de devotos. Tal é o culto multisecular, que hai xa case sesenta anos tivo lugar a coroación canónica da Virxe.
A romaría que se celebra dúas veces ao ano, a de As Pascuillas de primavera e a de principios de setembro, congrega a fieis chegados de todos os puntos, pero tamén todas as fins de semana -e a diario- son moitos os que acoden a honrar a esta Virxe "alcaldesa"da Cañiza, cuxa imaxe se venera desde séculos atrás. A manifestación de devoción mariana ocupa un lugar destacado entre as festas relixiosas de Galicia e pola súa antigüidade e orixinalidade a romaría está declarada de interese turístico.
Conta a tradición que, ante a falta de acordo dos fregueses sobre o lugar exacto onde se apareceu a Virxe, no límite dos termos de Luneda e A Franqueira, tapáronlle os ollos aos bois para dirimir o enclave onde levantar a capela. Cargaron a imaxe nun carro de labranza e no primeiro punto no que se detivesen os animais para beber, construiríase a ermida. Hoxe queda a igrexa como testemuño do que foi mosteiro de Santa María da Franqueira, cuxa orixe mergulla na lenda, co arranque do culto á Virxe titular. Parece que a primeira manifestación relativamente segura da existencia do cenobio procede do 9 de xuño de 1063, día no que, "segundo referencia do pai Jerónimo Ávalos transmitida por Hipólito de Sa" -como recolle textualmente na súa historia o propio santuario- "Fernando I fai unha doazón ao seu abade Alvito e aos monxes que o acompañaban, especificando que a casa fora fundada por viri boni in Sancata vita degentes." O mesmo padre Ávalos, freire de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, invocado de novo por Hipólito de Sa, dá conta doutro documento, o segundo por orde cronolóxica, relacionado coa Franqueira. Trátase agora dun privilexio expedido ao seu favor en xuño de 1144 por Afonso VII. A nota, á parte de confirmar os dereitos e propiedades que o mosteiro tiña e a concesión de todo o que ao rei lle pertencía, especifica taxativamente que a comunidade, comandada polo abade Odoario, vivía baixo a regra benedictina.
O paso seguinte na vida desta congregación, da que pouco se sabe, sería a súa incorporación á Orde do Císter. Adoita datarse ese feito no ano 1293, pero non existe ningún documento que ratifique a súa validez. O século XIV é o de plena consolidación do complexo monástico, que foi recibindo doazóns á vez que se ía difundindo o culto á Virxe titular. Con poucos monxes e escasas rendas ao final da súa traxectoria monástica, chegou o cenobio a 1835, ano no que, como consecuencia das leis desamortizadoras auspiciadas por Mendizábal, os relixiosos abandónarono, pasando ulteriormente a igrexa a servir como parroquial, misión que segue cumprindo na actualidade. Mais resta aínda o templo abacial que, se ben que reformado ao longo do tempo, conserva unha magnífica portada gótica con reminiscencias románicas, de arquivoltas semicirculares nas que destacan as esculturas. No tímpano figura a Adoración dos Reis Magos coa Virxe sentada baixo un cupulín oxival e o Neno sobre os xeonllos. No interior, detrás do altar maior está a imaxe pétrea de Nosa Señora da Franqueira, colocada nun templete elevado.
Ademais dos itinerarios dos romeiros e da beleza serrana do lugar, na contorna atópanse outros puntos de paraxe como o Alto da Coroación, levada a cabo o 21 de xullo de 1963 polo bispo José López Ortiz.