Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Afán experimental

Contra as forzas escuras

Afán experimental

Descubro en Xenealoxía dun intruso de Isaac Xubín (A Coruña, 1978) un certo afán experimental que esconde e sostén unha voz propria, orixinal no noso panorama lírico. O cimo desta singularidade atopámolo na primeira peza do poemario, "O paso dunhas nubes", cuxo verso inicial nos derrota: "É fráxil o que sinto cando existe a túa ausencia". O suxeito poético encóntrase no estrañamento, que é unha forma de estar expatriado de si mesmo. Na Dalmacia, en terras mediterránicas, renacen as lembranzas que se mesturan co lugar afastado: "Dionisio sinálame a parábola neste momento,/cunha canción, o paso dunhas nubes,/que non hai ninguén coma min para darme o que preciso,/a capacidade infantil de apagar a escuridade".

Nesta magnífica habilidade para expresar estados da alma con recursos sutís reside un dos puntos chave do seu lirismo. Unha delicadeza que agacha o amargor da decepción e a ira contra o inxusto. Como podemos constatar nos textos: "O discurso é un ourizo ferido/que pode transformarse en nación e estado/o que antes era paisaxe:/pódese recoñecer o amor pola combustión,/o odio". Do mesmo xeito, o noso escritor convoca a insubornábel lealdade aos seus afectos: a terra familiar, o fogo vernáculo que pode acender o verbo caudaloso que o expresa con paixón torrencial: "Tinta femia vibrante de acidez de vidro nos ollos,/quen puidera coser a terra con bacelos,/sacramentos".

O poeta litiga coa senrazón do mundo, contra as forzas escuras que anubran o país. Axúdase dos antepasados, das mitoloxías pretéritas, da épica dos tempos idos, mais tamén do cansazo e da derrota dos xustos, das contradicións que os atenazan: "non aqueles que inspiran/a verdadeira razón pola que se ama/a destrución que implica estar no certo". Por iso constrúe os seus proprios mitos de afouteza e rebeldía, tratando de fuxir do cilicio dos dogmáticos, das cavernas abafantes, para por fin declarar: "todo o que enterrei baixo as costuras/dos meus invernos,/baixo as lousas das cidades e linguas,/templos que tanto amei".

XUBÍN, Isaac, Xenealoxía dun intruso, Galaxia, Vigo, 2020, PVP. 9, 02 €€

Compartir el artículo

stats