Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rescatando particularidades

Un paseo pola fotografía de Koziol

Reprodución dunha das fotografías incluídas no proxecto Heritage, de Adam Koziol (2018).

Corría o ano do 2013 cando o fotógrafo polaco Adam Koziol decidiu cambiar o enfoque do seu obxectivo, abandonar a procura de insectos exóticos e comezar a retratar as particularidades das xentes pertencentes a tribos en perigo de extinción. Xestouse así o proxecto Heritage, presentado en 2018, que o levou a percorrer o mundo na arela de inmortalizar xentes de diversas culturas, moitas delas xa hoxe desaparecidas, co propósito de rexistrar as súas tatuaxes, perforacións, escarificacións, armas, xoias, adornos?corpos que na maioría dos casos amosaban as diferenzas de estatus dos membros do grupo social. Ante a súa cámara pasaron entre outros os Iban de Malasia, os Chin de Birmania, os Mursi de Etiopía, Os Mucawana de Angola, os Karo de Etiopía, os Kalinga de Filipinas ou os Apatani da India. Pasaron home e mulleres, sobre todo anciáns, que representaban maneiras de ser e estar no mundo incomprensibles ou sorprendentes desde o noso punto de vista occidental: aquelas que logo da menstruación gañaron o dereito a usar tatuaxes faciais e tapóns circulares aos costados do nariz, aqueles que puideron con orgullo amosar cortes no corpo tras cada victoria, os que tatuaban os ombreiros e traían a cabeza do inemigo como trofeo, logo da loita, ou aquelas ás que lles tatuaron a cara para que non resultaran atractivas e así o cacique do lugar non as raptara como concubinas. Historias que xa para ninguén teñen o seu porqué, pero que responderon ás necesidades dun grupo social nalgún momento e foron a solución atopada por este grupo para sobrevivir no seu medio, solución que fóra dos nosos canons de interpretación da realidad,e foi xestada e perfeccionada ao longo do tempo e serviu como modelo de actuación e interpretación da realidade para as xentes dese grupo social.

Heritage é, pois, máis ca un álbum fotográfico; é un rexistro documental de gran valor do que fomos como especie humana e de como demos en resolver a adaptación ao noso medio en distintas partes do mundo; un rexistro contra o tempo, contra o reloxo que ameaza co progreso a toda costa, co avance e a uniformización, coa globalización que tantas vantaxes ten pero que ao mesmo tempo tantas particularidades arrasa. O que somos como grupo confórmanos como individuos e moldea o noso ser de tal xeito que nos chega a determinar a vida. O cambio cultural, que algúns dan en chamar progreso pero diso tamén poderiamos debater, é unha tendencia inevitable aínda que para nós se estea a convertrr nun movemento en certo modo patolóxico, a xulgar pola súa extremada rapidez que fai que non teñamos nin tempo para asumilo. Nisto diferenciámonos con creces doutras sociedades moito máis pausadas na súa evolución que, a pesar de todo, tamén van experimentando adaptacións co devir do tempo. Cómpre que aprendamos de proxectos coma estes e que os apliquemos na nosa vida diaria. Porque tamén ao noso redor hai diariamente modos de vida tradicionais que se perden, ditos, cantigas, modos de facer... que se van coas últimas persoas que os mantiñan e que nos dicían moito do porqué hoxe somos como somos. Fálase do baleiro do mundo rural, do abandono das formas tradicionais, da desertificación de certos núcleos poboacionais; pero ese abandono implica tamén a deixadez dunhas maneiras de facer e de entender o mundo. Non se trata de retroceder, nin tan sequera de parar demasiado, pero si de pousar a mirada, de rexistrar, de intentar entender; trátase en definitiva de comprender que existen máis respostas que as que proporciona ter o mundo a un click, e que estas, ensaiadas como foron durante anos e anos, ao mellor poden dicirnos aínda algo que integrar tamén no noso mundo.

Vivimos en tempos de crise sanitaria: algo, podemos dicir, inesperado para nós, occidentais do primeiro mundo que non para outros habitantes do planeta máis resignados a desastres de todo tipo, e poderiamos aproveitalos para repensar un pouco os nosos modos de ser e facer; e aproveitando que temos que parar, non estaría de máis recuperar dalgún xeito o que fomos para mellor entender o que podemos chegar a ser.

Compartir el artículo

stats