Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pedras que falan

Petróglifos de Monte Farelo (Antas de Ulla e Agolada)

Pedras que falan

O cumio do Monte Farelo, con case mil metros, é un miradoiro privilexiado dos concellos de Agolada (Pontevedra) e de Antas de Ulla (Lugo), aínda que en realidade, a vista pode alcanzar moito máis. Din que, en días claros, se poden contemplar as catro provincias galegas. Quizais de aí veña o seu halo máxico e a súa lenda. Polas súas ladeiras transitaron xeracións durante milenios que deixaron gravados que falan. Círculos concéntricos, aneis, cavidades redondas, sucos e outras marcas que forman un repertorio case inesgotable. A concentración de petróglifos no Monte Farelo débese probablemente á súa condición de zona de paso entre os vales do Ulla e o Arnego. A súa abundancia, tamaño e localización estratéxica fan que este lugar estea considerado como un dos santuarios da arte rupestre galega.

Trátase, pois, dunha das áreas arqueolóxicas máis importantes de Galicia, pero aínda con moito por estudar. O propio topónimo "antas" fai referencia á abundancia de monumentos megalíticos que debeu ter o territorio e á antigüidade do poboamento no que hoxe é o municipio de Antas de Ulla. Desde a aldea de San Fiz é fácil acceder a pé ata algúns dos gravados. Aí xa se ven as espirais típicas doutros lugares de Galicia, cuxa interpretación varía moito segundo os diferentes estudos na materia. Desde mapas ata alusións á morte ou a espíritos sacros, non se sabe con certeza que quere dicir esta arte milenaria. Tampouco a súa datación é doada, aínda que adoitan situarse ao redor da Idade do Bronce.

Este museo ao aire libre desde hai miles de anos está cheo de símbolos aínda por descifrar. As marcas van desde as formas xeométricas a figuras en cruz que poderían semellar seres humanos. As creacións son obra de diferentes épocas e culturas, polo que é difícil saber o seu significado exacto. Parece descartarse a finalidade estética destas insculturas, e as teorías van desde ser representación dos ciclos agrícolas a ser lugar de cerimonias ou de culto. Mesmo poderían ter unha función política para delimitar o territorio. Mais sexa como sexa, queda moito para saber a función e intencionalidade dos gravados do Monte Farelo. Este tesouro pétreo esténdese entre as aldeas de Somoza, Ermide, Bellós e San Fiz, en Antas de Ulla, e as de Axiaz, Laxosa, Gurgueiro e Ventosa, no de Agolada. Chan da Gorgulla, Laxe Ferrada, Pena das Pías ou os gravados de Monte dos Chaos son algúns destes magníficos petróglifos cuxa localización na paisaxe segue dando lugar a diferentes interpretacións. Son unhas cincuenta rochas con marcas en Antas de Ulla e unhas trinta e cinco en Agolada que esconden un museo milenario taiado na pedra.

Ademais no Farelo hai un espectacular miradoiro cun panel colorido que explica que é o que se pode ver desde as súas alturas, que é practicamente toda Galicia. Desde a serra do Careón á do Xistral, pasando polos Ancares, a Serra do Faro e O Candán. Cheo de lendas, unha delas asegura a existencia baixo terra duns pasadizos que comunican a fortaleza de Amarante coas alturas do monte. Tamén de cultos druídicos e de tesouros escondidos entre as súas pedras.

Entre os petróglifos de Agolada están os do penedo situado en Ventosa, onde está a igrexa románica do mesmo nome. Atesoura no seu interior un dos conxuntos escultóricos máis interesantes do románico en Pontevedra. Bautizada por Filgueira Valverde como a "catedral rural de Galicia", cumpriu oitocentos anos cun alarde de estilos, especialmente no seu interior. O mausoleo coa tumba de Lope de Ventosa, o seu baldaquino con frescos do Antigo e do Novo Testamento, a representación dos chamados homes verdes ou a singular policromía enxalzan a fermosura desta obra.

Compartir el artículo

stats