Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Liña Betanzos-Londres

A creación da identidade familiar

Liña Betanzos-Londres

O último Premio Blanco Amor ofrécenos unha obra chea de forza e que recorre ao fenómeno da emigración para cerrar de xeito maxistral unha biografía novelada do propio autor. Estamos ante a última criatura literaria do multipremiado Xesús Fraga, quen nos descobre unha apaixonante achega á historia da súa familia centrada na figura da súa avoa.

Virtudes (e misterios) é un título que fai un xogo de palabras entre o nome da protagonista principal e o substantivo que definiría a historia antes de debullala. Porque o libro é o traballo de varios anos de escrita para descubrir os misterios que garda unha vida marcada pola emigración. Trátase dun exercicio literario para intentar atopar as respostas a unha situación de abandono dunha muller por parte do seu home. Nesta indagación o autor recorre a todo o que lembra el mesmo, a cartas, diarios, obxectos e episodios que foi recompilando grazas á memoria dos familiares e achegados e ao estudo de diferentes fotografías que se nos amosan a través das páxinas.

A novela é, xa que logo, unha ponte constante de case sesenta anos entre Betanzos (a terra orixinaria da familia) e Londres (a cidade onde tivo que emigrar a súa avoa) na segunda metade do século XX. A través de máis de 300 páxinas divididas en seis partes denominadas zonas, o autor, narrador en primeira persoa, achéganos o que foi a historia da súa familia, que ten como eixe fundamental a Virtudes, marcada pola necesidade da emigración e a ausencia do seu home (emigrado tamén a Venezuela e que pon terra de por medio). Cada unha destas partes focaliza a historia familiar nunha personaxe principal (as zonas 1 e 6 céntranse na figura matriarcal de Virtudes ou a zona 5, por exemplo, refírese ao establecemento temporal do autor en Londres) e desde o punto de vista desa personaxe vaise (re)construíndo o mundo familiar, intentando dar resposta a tantos misterios que depara a vida dunha galega sen estudos emigrada a Londres, que ten que termar ela soa do núcleo familiar que deixa en Galicia e que condicionará todos os seus integrantes (o propio autor, Xesús, nacerá na cidade inglesa). Pero a novela é ademais unha homenaxe ás heroínas da emigración. Virtudes ten que levar unha vida de traballo lonxe dos seus, soa, e coa única meta de sacar adiante a súa xente. O escritor crea unha personaxe rexa, fría, que se envolve dunha coiraza de desapego para salvar a situación, un desapego que iremos descubrindo que é falso e que, contra todo prognóstico, fará desta muller unha persoa tenra, espello no que podemos ver as nosas nais ou avoas.

Baseándose, xa que logo, en tres pés, a creación da identidade familiar, as buscas e reencontros vitais e a historia da Galicia emigrante, Xesús Fraga constrúe unha novela redonda que ha de agradar a todo tipo de lectoras e lectores.

FRAGA, Xesús, Virtudes (e misterios), Galaxia, Vigo, 2020, PVP. 18, 71 ?

Compartir el artículo

stats