Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na xeira do contaxio

Os andazos a través das artes

Na xeira do contaxio

Dos chamados catro xinetes que aparecen no libro da Apocalipse, o que monta o cabalo amarelo é a Morte, que pode impoñer por diversos medios, entre eles a peste (Ap. 6.8). Malia ser aparentemente quen menos épica esperta, non hai dúbida que os seus estragos foron imparables, tal vez porque non se sabían as causas e as consecuencias, cousa que non sucede cos outros dous xinetes tanxibles, a Guerra e mais a Fame (o cuarto sería o Anticristo).

A reflexión sobre os andazos xa aparece na literatura grega clásica. Segue a abraiar o eloxio que Tucídides, en Historia da guerra do Peloponeso, facía do heroísmo dos médicos que "trataban por primeira vez unha doenza descoñecida", a epidemia que Atenas padeceu no ano 430 a. C., probablemente de tifo ou peste bubónica.

A primeira pandemia que afectou a Eurasia foi a peste negra, documentada en Occidente a partir de 1348. Entre os escritores que a tomaron como leit motiv temos a Giovanni Boccaccio e o Decamerón, cos contos que narraban uns mozos florentinos no seu confinamento rural, lonxe do que describía como "a mortífera pestilencia": "o sangue que saía do nariz era sinal manifesto da inevitable morte", mentres que a doenza comezou a "permutar en manchas negras e lívidas".

Fronte a esta descrición, Jacme d'Agramont, un médico do Estudo Xeral de Lleida, tivo coñecemento de que unha terrible peste chegara ao Rosellón, no outro lado dos Pirineos. Daquela escribiu unha carta á Paeria -o goberno local-, Rexemento de preservación da pestilencia, propoñendo diversas medidas contra o andazo, algunhas das cales aínda son vixentes, que constitúe un espléndido exemplo de literatura científica.

Daquela terrible peste -que matou un terzo da poboación europea- quedou memoria tamén no cadro O triunfo da morte, de Pieter Brughel o Vello. A escena representa o Xuízo Final pero a lembranza seguía presente dos séculos despois. Unha memoria transmitida polas diversas danzas da morte que, desde Francia, proliferaron por Europa adiante (sobreviviu a que se representa en Xoves Santo en Verges, no Empordà; temos unha mostra gráfica na igrexa de Sant Francesc de Morella). E con elas, as procesións penitenciais impulsadas por Vicente Ferrer. Unha influencia que chegou ata Gil Vicente ( Farsa da Barca da Gloria), o Barroco e os séculos XIX (a Danza macabra de Saint-Saëns) e XX ( O sétimo selo, de Ingmar Bergman, que enlaza coa tradición da Apocalipse).

Volvendo á literatura, o día que cumpría vinte e un anos, Josep Pla comezaba O caderno gris, unha das súas obras senlleiras, do xeito seguinte: "1918. 8 de marzo. Como hai tanta grippe, tiveron que clausurar a Universidade. A partir deste feito, o meu irmán e eu vivimos na casa, en Palafrugell, coa familia". Porén, se hai que salientar obras literarias inspiradas o ambientadas en andazos cómpre lembrar A peste (1947), de Albert Camus, que rememora a epidemia de cólera que padeceu Orán en 1849 e que constitúe un dos cumios do existencialismo; e nun rexistro ben diferente pero debedora da anterior, O amor nos tempos do cólera (1985), de Gabriel García Márquez.

Unha disciplina que apareceu como consecuencia dos andazos foi o urbanismo. Un ámbito non estritamente artístico pero que condicionou a arquitectura e as artes suntuarias. Contra as epidemias, as cidades creceron, facendo caer as murallas e esponxando os vellos barrios medievais (vala de exemplo a reforma de París feita por Haussmann durante o Segundo Imperio).

Ao actual andazo do Covid-19 non foron alleos diversos artistas, máis aínda cando a comunicación é instantánea. Unha mostra son dúas obras de Bansky: os ratos no baño da súa casa e Game Changer (un neno ergue unha sanitaria superheroína e deixa a Batman e Spiderman), no hospital de Southampton; ou a serie que Miquel Barceló ven de facer no seu confinamento na súa casa de Farrutx (Mallorca). Finalmente, Contaxio (2011), de Steven Soderberg, película de ciencia ficción inspirada no andazo de gripe A, que agora trocou de xénero ao de catastrofismo real.

Compartir el artículo

stats