Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na vertente especulativa

Poesía sólida

Na vertente especulativa

Carlos Lema (San Sadurniño, 1958) é un reputado editor, escritor, pensador? recoñecido pola súa obra plural. Como poeta, é posuidor dun mundo radicalmente de seu, onde habitan as disciplinas que acenden o seu interese e motivan a súa escrita: as reflexións sobre a súa propria actividade literaria, vital e filosófica. Álbum da cuarta dimensión, magnificamente editado por Chan da pólvora (detrás da lapela está oculta a fotografía dun cubo na cuarta dimensión), incide desde o título na vertente especulativa.

Despois das tres dimensións (liña, plano, espazo) a cuarta só podemos observala (ou imaxinala) como unha sombra proxectada polo teseracto. A nosa perspectiva limitada só permite contemplar segmentos dese hipercubo que se transforma enxendrando outras figuras xeométricas. Constatamos que non diferente resulta o que fai a memoria coas vivencias: recobra e altera, resgata e rompe. Carlos Lema opera do mesmo xeito. Todo o poemario devén un exercicio de recuperación e de reelaboración pola memoria do vivido. Nas primeiras pezas descríbese o desolado ámbito doméstico: "No armario penetran/sabores confusos/mentres porfiamos/nos resquicios do inútil". De aí pasamos á percepción do espazo sideral: "a carón da folla vencellada á orixe: talo, tronco, terra/perante nimbos, astros e fulgores". Na continuación ingresamos no microcosmos do mundo onírico: "Chorar pola mañá, e lamentarse/é consecuencia dos soños;/algo especialmente inconcibible:/o ido e o presente,/na mesma escena aterradora". Chegando ao delirio "Pasos" ou a espléndidas intuicións metafísicas, "Aversión do corpo alado". Mais tamén instantes de persoal clarividencia: "Durmo enriba do mundo onde nacín:/as mesmas pólas, o pestanexo das follas vivas".

Poesía sólida e reflexiva, enchida dunha riqueza e dunha exactitude verbal asombrosas, que se abeira aos abismos da intelixencia e ás materias quiméricas, que procura a unidade orgánica perdida na cuarta dimensión que nos constrúe e nos destrúe. Nun eterno principio de incerteza, sempre.

LEMA, Carlos, Álbum da cuarta dimensión, Chan da pólvora, Santiago, 2020, PVP.16, 15 ?

Compartir el artículo

stats