Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Actrices de noso

Hai días o dramaturgo e profesor Afonso Becerra, falando do tema que nos ocupa, preguntaba nunha revista de alcance internacional sobre a relación de María Casares con Cangas do Morrazo, ou mesmo con Galicia, pois tamén os premios máis importantes do teatro galego levan o nome seu. E a verdade é que nada ten que ver, máis aló de ter nacido na rúa das panadeiras, na Coruña, onde tiña casa seu pai, Santiago Casares Quiroga, unha das persoas máis pouco queridas polo galeguismo da época, e que morrería co exilio republicano. A súa filla fixo moito teatro en francés, algunha cousa en castelán ( El adefesio, de Alberti, en 1976), pero nada en galego, lingua que tería escoitado de pequena pero que ao mellor nin falaba.

E mesmo así converteuse en figura reverenciada e obxecto de investigacións e creacións onda nós, quizais pensando no que puido ser e non foi. E mulleres houbo no teatro feito en galego. No Liceo Brigantino, na Escuela Regional de Declamación, en Toxos e Frores, en Cantigas da Terra, no Conservatorio Nazonal do Arte Galego, na Escola Dramática Galega, na Coral de Ruada, ou na Agrupación Artística e na Agrupación Dramática, estas dúas de Vigo. En todas esas agrupacións hai moitas historias por contar, con mulleres que fixeron da arte e da lingua causa e bandeira, pois defender o galego no palco naquela altura provocaba máis mofa e ludibrio que admiración. Elas son parte fundamental do noso patrimonio; vidas por recuperar para nos recoñecer no noso pasado real, no que non haberá figuras rechamantes como a tal María, pero é o noso, o que elas fixeron coa súa presenza e palabra. Deberes aínda por facer.

Compartir el artículo

stats