Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rock de Furacán

Das boas novas de Hortensia

O recentemente falecido Pau Donés (1966-2020), líder de Jarabe de Palo.

Hortensia: velaí o título do primeiro traballo de Furacán que chega onde nós. Trátase dun disco publicado neste pasado, extraño e, desde logo, pandémico abril do 2020. Un EP conformado por seis temas propios e tamén unha adaptación da "Be yourself" dos Audioslave que para eles, os Furacán, quedou nunha moi ben achegada "Tira meu".

Digamos xa que os Furacán apostan, de principio a fin, por un rock de corte sólido, asentado na vella, e sempre efectiva, fórmula do trío de batería, baixo e guitarra e sumando unha voz que xoga ao ouveo de palabra afiada pero tamén aos aloumiños de area, mel e melodías perfectamente artelladas. Deste xeito, atopamos en Hortensia riffs e atmosferas de cheiro noventeiro e moita crema ceibada, asemade con certa raiba contida, que se remexen entre estrofas e retrousos, contaxiándonos unhas moi indubidables ganas de velos xa na súa posta en directo, onde estamos certos de que a proposta virá ser das que saben golpear certeiramente o espectador. Presta moito tamén unha produción que irremediablemente leva a ese gusto por poñer nos rexistros sonoros todo o posible para que o que escoites reflicta o que certamente fai o grupo no ensaio e mais nos directos.

Contan eles que o xénero no que se moven está a medio camiño entre o orballo e mais a treboada e que son banda de forza sete, compoñente nordés, poñéndolles xa os bois ao carro dende a primeira intención que percibimos. Xa que logo, deveñen estacazos do grunge, do hard rock de toda a vida e tamén esoutros ecos punk e de macarreo ben levado. Eu diría aínda que se trata de rock galego: rock de noso e do que alimenta e que de novo pon de manifesto que este país bota por fóra de calidade nunhas producións que despois teñen sempre moi difícil o seu espallamento mediático para chegaren a un público que con toda a certeza alucinaría con elas.

Furacán conforman, pois, moi boas novas para a nosa música, para a nosa cultura e para o noso idioma nuns anos 20 deste segundo milenio que prometen compromiso musical dende unha horta que non para de producir marabillas. Hortensia, como aquel ciclón trópical que tanto azoute deixara ao seu paso por Galiza hai xa máis de tres décadas, vén ser, dito queda, a primeira achega duns Furacán formados por David O. Pampín (guitarra), F. J. Tren (voz), Simón L. Caldeiro (batería) e Borja Neira (baixo) polos universos da Coruña no 2018. En fin, unha moi recomendable carta de presentación que xa está dispoñible en plataformas como Spotify, e tamén en Bandcamp para a súa descarga de balde .

Compartir el artículo

stats