Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Influencia e consideración

A influencia e consideración da obra de Charles Dickens é extraordinaria. Chesterton considerábao inigualable. Thomas Hardy respectábao como un mestre e nos nosos días Siri Hustvedt, Tom Wolfe ou John Irving recoñéceno como un referente. O seu legado cultural é enorme e dende 1902 existe incluso un selecto club literario chamado The Dickens Fellowship no que estudosos e seguidores se reúnen para discutir aspectos e cuestións da súa vida e obra.

Dickens cativou por igual a poderosos e humildes. A raíña Vitoria, que o recibiu en audiencia privada, era fan súa e quixo facelo sir, pero el estaba coas clases populares das que proviña, que lle agradeceron sempre que retratase as súas inhumanas condicións de vida sen edulcoralas e clamando pola súa mellora.

Está enterrado na Abadía de Westminster, no lugar coñecido como Recanto dos Poetas, a carón de Chaucer, Spenser, Browning, Hardy, Kipling ou Tennyson, aínda que el deixou dito que prefería que o soterrasen cunha cerimonia discreta na catedral de Rochester. Talvez por iso circulou á súa morte un epitafio impreso que dicía del que fora "simpatizante do pobre, do miserable, e do oprimido". Son razóns máis que suficientes para explicar por que aínda hoxe centos de persoas peregrinan ao 48 de Doughty Street en Londres para presentarlle os seus respectos diante da que fora a súa casa durante anos, a mesma admiración que anima estas liñas para lembralo no seu sesquicentenario.

Compartir el artículo

stats