Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As outras xeografías

Apaixonante e entretido

As outras xeografías

Unha das lecturas que me ten resultado máis amena e sorprendente nestes últimos meses é a do volume Fóra do mapa, obra do profesor de Xeografía Social da Universidade de Newcastle Alastair Bonnett, agora en galego mercé á tradución de Moisés Barcia para Rinoceronte Editora.

Fóra do mapa, como o seu propio subtítulo aclara, é un libro sobre os "espazos perdidos, cidades invisibles, illas esquecidas, lugares salvaxes e o que nos ensinan sobre o mundo"; vale dicir unha emocionante viaxe por xeografías que aínda permanecen agochadas e gardan, intacto, o seu fascinante misterio, o que nun tempo coma o noso, onde todo parece ter sido explorado, cartografado, descrito e analizado ata o último milímetro, non deixa de ser un convite para se mergullar na aventura do ignoto e arcano.

En Fóra do mapa cóntase de Sandy Island, a enigmática illa do Pacífico, a setecentas millas de Queensland, que os mapas oficiais do Almirantado Británico rexistraran pero á que ninguén fora nun século, ata que no 2012 unha expedición se desprazou ao lugar para descubrir que... non existía! E tamén sabemos de New Moore, a illa do Golfo de Bengala que emerxeu tras un ciclón en 1971 e que agora aparece e desaparece coas inclemencias meteorolóxicas mentres a disputan India e Bangladesh, pois está no límite dos seus territorios.Do mesmo xeito, coñecemos a triste historia de Príapat, a próspera cidade contigua a Chernóbil que, logo do terrible accidente nuclear de 1986, ficou deserta, converténdose nunha cidade fantasma.Non menos curioso é o caso de Baarle-Nassau e Baarle-Hertog, a mesma poboación dividida en dous por unha liña imaxinaria que supón a fronteira entre os Países Baixos e Bélxica, de xeito que cruzando unha rúa da mesma localidade se atravesa tamén dun Estado a outro.

Moitas veces pensamos que as tensións independentistas catalás respecto do estado español son unha singularidade, pero Bonnett lémbranos o caso da Unidade Territorial Autónoma de Gagauzia, en Moldavia, unha sorte de república independente, non de todo recoñecida, na que viven case duascentas mil persoas de orixe turco-búlgara. E que dicir de Sealand? Resulta case que o argumento dun filme distópico, pero o caso é que fronte á costa de Essex existe unha plataforma de artillería abandonada duns 550m2 que se declarou estado independente e foi recoñecida así dende os anos 60 do pasado século por algúns outros países.

Os exemplos poderían multiplicarse ata o medio cento que se recollen neste apaixonante Fóra do mapa, mais os aquí dados abondarán para asegurar o entretido da lectura dunha obra que cómpre agradecer ao psicoxeógrafo Alastair Bonnet, pois demostra que as descubertas neste século XXI aínda son posibles e, en ocasións, están ben máis preto de nós do que poida semellarnos.

BONNET, Alastair, Fóra do mapa, Rinoceronte, Cangas, 2020, PVP. 19, 95 ?

Compartir el artículo

stats