Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con mente vencedora

O Leo de Matamá: persoal e auténtico

O Leo Arremecághona: underground enxebre desde Matamá (Vigo). // Fotos: Ka&RA

"Eles -os ingleses, quero dicir- teñen a Billy Bragg; da nosa parte, nós temos ao Leo." De certo que esa idea se me foi pasar pola cabeza moitas veces vendo algún concerto do Arremecághona. Lembro, desde logo, o primeiro, en Compostela, no ano da pataca e abrindo un concerto para Albert Pla onde moitos dos alí presentes quedamos bastante máis prendados do Leo, e daqueles seus suspiros de caña, que do quefacer do músico catalán. E dende aquela xeiro teño que admitir que eu tamén son medio de Matamá. E é que o Leo ten esa capacidade, tan pouco común, dalgunha xente que sobe a un escenario e é quen de terte imantado a el, deixarte hipnotizado e sobre todo descolocarte ben descolocado. Porque o Leo pode sacarche o mellor dos sorrisos ou, directamente, facerte escachar cun sentido do humor tan intelixente como retranqueiro e ao mesmo tempo poñerte a pensar, arrebolándoche unha boa man de fungueirazos de realidade. El é quen de camiñar así mesmo sobre a auga con esa aperente inocencia dos que saen á batalla con versos de poetas vellos en vez de pólvora e coitelas, pero todo é, nada máis, unha manobra para, collerte desprevido, amarrarte da lapela e soltarche de contado esa labazada de rigor que tanta falta che fai.

O Leo de Matamá cántalle á vida e faino dende o "underground" máis enxebre e auténtico. Cántalle,daquela, a loita de clases, á sociedade das bandeiras inflamables, á poesía de hoxe e a de outrora; cántalle ao idioma, á realidade do que somos e do que fomos e faino cun talento tan único e persoal que o converte nunha das nosas alfaias musicais maís arredadas do común. Debo recoñecer que, cada vez que sae o Leo nunha conversa un, que se declara fan del, desfaise en encomios; pero francamente penso que pouco abondan para tentar poñelo onde se merece. Na súa música escoito moitas cousas, mil músicas remexidas, mil punkis ouveando e mil poetas recitándolle ao vento nun inverno deses que levantan silveiras; mais, iso si, sempre lonxe de calquera cuestión lóxica no ámbito comercial, musical ou estético xa que o Leo vai ao seu cavando un rego no que ninguén máis pode espetar a ligoña.

Puidera, polo tanto, estar o Leo no medio e medio daquelas Voces Ceibes ou tamén en calquera banda bravú ou en calquera formación de crista e coiro do pub rock inglés, ou aínda botándolle unhas con Victor Jara antes da barbaridade terrible que aqueles lle sentenciaron. Podería estar abrindo en Woodstock para Joan Báez ou deixar palabras nalgún papel daquelas irmandades dos primeiros anos do século pasado que aínda nada coñecían das vantaxes creativas e proletarias que o punk rock puxo nas mans de calquera con talento para saír a desbrozar conciencias. Gústame o Leo e non concibo unha Galiza na que a algúen non lle goste.

Agora o Leo ten novo disco e, digo mal, ten nova casette con dúas caras, dez cancións -"iso do si", "non", "son un piñeiral", "camarada", "o paseo", "x guerrilleirx", "blue monday", "terra ciao", "may", "outubro 18"- e de novo xorden nelas mil músicas, mil palabras, mil coiteladas doces e mil emocións agochadas detrás dunha musicalidade punk, libre, luminosa, enxebre, pedregosa e fermosamente auténtica. Sé [mente de vencer] é unha entrega de escoita obrigada para gozar dun dos nosos músicos máis persoais e auténticos. Buscádeo na súa canle de bandcamp e despois contádeme.

Cé Tomé: Mad:ame

  • Cé Tomé é un vigués que vive en Bruxelas dende hai vinte cinco anos. Alí é onde come e onde a súa actividade artística atopou o lugar para poder sair adiante con innumerables exposicións da súa obra plástica ademais de varias residencias na súa faceta como DJ, baixo o nome de MisterChoco. Agora vén de publicar o segundo disco do seu proxecto Hi-Fi:Wi-Fi, un concepto que basea a súa natureza no equilibrio de ideas tan opostas coma o analóxico e o dixital, o acústico e o electrónico, o intelectual e o hedonista ou o urbano e o rural. Mad:ame é o título que xa podemos escoitar na plataforma bandcamp e no que nos atopamos cunha electrónica de cheiros orgánicos na que conviven con toda naturalidade elementos tradicionais que arredan sempre do sampleado. É un traballo complicado de etiquetar aínda que para os non moi avezados nestes mundos ben poderiamos caer na tentación de chamarlle House ou incluso Acid, aínda que o despiste pode ser continuo a cada peza que escoitemos. El mesmo cataloga a súa música como "electrónica de aldea. Feita con ordenadores, pero fervida con leña na cheminea e con todo o recendo a terra mollada despois dunha noite de chuvia". Igual en tempos desta aldea global aínda non acabamos de acostumarnos a que a música xa non teña fronteiras e todo é de todos e soa a todos lados, máis na música de Cé Tomé queda claro de onde é e de onde vén quen a fai. Algún sampleo de voz, o emprego de moitos instrumentos da música tradicional de varias culturas e a unha certa atmosfera cinematográfica dánlle o aquel deses traballos que se fan ben gozosos de escoitar.

Compartir el artículo

stats