Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Esoterismo nazi

De Hitler, magos e astrólogos

Unha escena da representación da ópera A valquiria, de Richard Wagner (1870).

A guerra que a Alemaña nazi encetou en setembro de 1939 transcendía a condición convencional de calquera outra guerra anterior. A razón fundamental era a connotación ideolóxica que o réxime hitleriano lle impuxo e, dentro dela, o compoñente esotérico que a definía e conformaba. Porén, cando rematou a contenda, a posterior operación de desnazificación ficou limitada a combater as manifestacións racistas e políticas pero sen facer o mesmo na irracionalidade das súas orixes: o ocultismo e certo esoterismo.

Esta reflexión é o punto de arranque do estudo do xornalista canario José Gregorio González en Magia, ocultismo y sociedades secretas en el Tercer Reich (Almuzara). Nesta obra aborda aos perpiaños que fixeron do nazismo non so unha opción política senón tamén unha manifestación relixiosa neopagana. A tal situación chegouse por diversas circunstancias que, separadamente, non houbesen producido esa mestura irracional, fanática e criminal que callou no nazismo. Unha traxectoria que continuaba a tradición de setas e sociedades que fixeron do secretismo unha forma de actuar, especialmente por ter unha condición iniciática e de pensamento que chocaba coas leis vixentes, especialmente as relixiosas.

Estes colectivos colleron forza contra as transformacións sociais e científicas que consigo traían a industrialización e os réximes liberais. Entre estes movementos en que callou tal actitude refractaria fronte ao progreso estaba a teosofía, que promovía unha división xerarquizada das razas humanas, doutrina que colleu forma, nas terras xermánicas, na ariosofía, que proclamaba a superioridade da raza branca aria.

Procurou unha base en supostas lendas e tradicións, moitas das cales eran feitas converxer nalgunhas óperas de Wagner. Este esoterismo, relativamente latente, colleu forza coa derrota de Alemaña de 1918 e coas condicións humillantes que os vencedores lle impuxeron. Engadamos a iso a ameaza da Revolución bolxevique e as que a seguiron (Baviera, Hungría) para que o que era un conflito social fose percibido como unha ofensiva desde os países eslavos e, moi especialmente, polo internacionalismo xudeu.

Entre os diversos grupos que promovían esa visión supremacista dos arios figuraba a Sociedade Thule, que defendía as orixes hipérboreas dos pobos xermanos, facía súa a antiga escritura (runas) e a mitoloxía escandinavas (Thor, Wotan), e unha actitude abertamente contraria aos xudeus. Engadían a iso unha práctica iniciática de clara inspiración masónica e medieval.

Despois da derrota de Alemaña en 1928, na súa converxencia cos promotores do que sería o NSDAP aportaron unha bagaxe ideolóxica que perdeu calquera sofisticación cando pasou a ser asumida polos sectores pequenoburgueses, obreiros e do lumpenproletariado que o conformaron: os alemáns eran superiores e os xudeus eran unha raza inferior. Cando estes sectores, encadrados nas SA, comezaron a resultar molestos para a xerarquía nazi foron eliminados na "noite dos coitelos longos" en 1934. Daquela, a facción ocultista, esotérica e aristocratizante, organizada nas SS e comandada por Heinrich Himmler, gañou a hexemonía dentro do partido nazi.

A partir de entón, desde o poder político, o réxime nacionalsocialista puxo os recursos do Estado ao servizo das políticas raciais, euxenésicas e esotéricas; en paralelo, as manifestacións de masas foron organizadas de maneira case relixiosa, cunha liturxia que se impuña ao contido. Un dos obxectivos do réxime nazi foi a recuperación ou recreación dunha mitoloxía de seu: a expedición de E. Schäfer ao Tíbet na procura dos primitivos arios, a procura do Graal e da lanza de Lonxinos, ou a consagración, como reliquia, da Blutfahne, a bandeira bañada co sangue duns caídos no golpe de Múnich de 1923.

As consecuencias son coñecidas dabondo. Desde a eliminación sistemática de xudeus, xitanos, eslavos, discapacitados e homosexuais, ata o delirio irracional da cúpula nazi, que non dubidou en solicitar os servizos de astrólogos e adiviños para orientar as súas accións.

Un aprendiz galego

  • Non sempre unha causa ten os mesmos efectos. Así, da doutrina de Xesús derivaron tanto os correntes católicos e evanxelistas ultrareaccionarios como a teoloxía da liberación. Do mesmo xeito, a doutrina teosofista foi base para a ariosofía e outras correntes esotéricas que conduciron ao nazismo, pero tal cousa non supón que todos os seguidores de Elena Blavatsky chegasen a esta ideoloxía. Este sería o caso de Vicente Risco, que pertenceu á loxia teosofista "Marco Aurelio" de Pontevedra e tivo contactos con Mario Roso de Luna, teósofo estremeño residente en Madrid, cando estudou na capital de España. Pero así como moitos dos teósofos galegos serían progresistas, Risco colleu a versión dogmática da doutrina para elaborar a revista La Centuria e despois a súa peculiar proposta de nacionalismo galego, e con ela unha delirante Moi Nobre Orde Galega do Santo Grial. Na súa teoría política, Risco salientaba a superioridade racial dos galegos en tanto que celtas, asimilables polo tanto á raza superior defendida por Blavatsky. Pero Ourense non era Berlín ou Múnich, nin a realidade galega -menos daquela- podía ser comparada con Alemaña, unha auténtica potencia na industria e na cultura. Nin Risco era celta: a súa familia procedía de Almansa e de Málaga, Afroiberia en estado puro.

Compartir el artículo

stats