Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xoán Curiel: "Construín este disco desde os universos do propio Antonio Fraguas"

O teatro e mais a danza tamén forman parte do caudal creativo do cantautor

Xoán Curiel durante un concerto. FOTO: j. luis rúa

-Como xurdiu a idea de facer un disco sobre as cantigas de Cotobade, recollidas por Antonio Fraguas?

-Este traballo xurdiu dunha colaboración coa Editorial Galaxia. Decidimos facer un libro-cd acerca de Antonio Fraguas, utilizando o seu Cantigueiro de Cotobade. Tiven unha liberdade creativa total, coa única premisa de que tivese unha orientación infantil. Comecei a mergullarme na figura do autor, na súa biografía e tamén nas cantigas que el recolleu, e nun primeiro momento decidín enfocar o traballo imaxinando ao Antonio Fraguas de neno, correndo polas rúas de Cotobade, aprendendo cantigas con "mamá Antonia", que era como el chamaba á muller que quedou a traballar e a vivir na súa casa e que era unha grande coñecedora das cantigas populares. Imaxinei aquel neno que tiña o seu pai vivindo no Brasil, traballando como canteiro, construíndo as vías do tren. Souben do soño que tiña Antonio Fraguas de neno de ser maquinista de tren. Percibín tamén a importancia das pedras na "terra dos canteiros", que era Cotobade (o pai e o avó del eran canteiros de profesión). Nesta pesquisa chegou o título, Canta miña pedra, canta, a partir dunha cantiga recollida a escasos metros de onde el vivía. Xurdiron tamén algunas cancións de creación propia falando da súa biografía e outras a partir dunha selección que fixen das cantigas do seu Cantigueiro de Cotobade. Así, aos poucos, foise construíndo este universo daqueles días lonxanos que foi completado coas magníficas ilustracións de Nuria Díaz. Todo isto, co grande apoio e presenza constante do benquerido, e tristemente falecido, Xulio Amigo, da editorial Galaxia, que fixo que me sentira moi acompañado en todo o proceso.

-Chama a atención a variedade musical do disco.

-Este é un disco con aires das músicas tradicionais galegas. Hai xotas, muiñeiras, rumbas, alguna mazurca? A idea de que tivese esta cor tradicional (sen ter eu unha traxectoria neste sentido), foi así porque partiamos da materia prima destas cantigas populares, e non podía ser doutro xeito. Tiñan que estar moi presentes estes ritmos e estilos. Foi por iso que contei con músicos que levan toda a vida bebendo do tradicional, como Carlos Freire en prcacticamente todas as percusións; Jara Ortiz nas voces e pandeiretas e Roberto Grandal no acordeón. Tamén contei coa voz de Pablo Díaz, que é un dos grandes da música infantil galega, moi ligado tamén ao tradicional. En segundo lugar, quería que estivese presente a música do Brasil, porque foi o país onde emigrou o pai de Antonio Fraguas nos seus primeiros anos de vida e tamén porque é un estilo no que me sinto moi cómodo. É por iso que chamei a Sergio Tannus para que metese o seu cavaquiño e percusións en dous dos temas. Curiosamente Sergio é de Niteroi, a terra que acolleu ao pai de Antonio Fraguas cando emigrou ao outro lado do Atlántico. Por último, ao ser un disco infantil, decidín tomarme a liberdade de xogar con outros estilos coma o reggae ou o folk norteamericano, sinxelamente porque sentía que así o pedían as cancións creadas por min.

- Canta miña pedra, canta é un disco, pero é tamén un espectáculo en directo para nenos. A idea de facer este espectáculo naceu antes, despois ou durante o proceso de creación do disco?

-Naceu no momento en que comezamos coa idea do disco. Neste espectáculo participa conmigo actriz e contadora Charo Pita, coa que levo anos traballando e coa que temos un tándem que funcionou moi ben. Na escena, creamos dous personaxes que son dous expertos en Antonio Fraguas que van falar del á capital e se atopan nunha estación de tren. A partir daí, facemos un percorrido por cantigas e contos populares tamén recollidos por Antonio Fraguas.

-Coñecía a dimensión da obra de Fraguas antes de sumerxirse neste Cancioneiro de Cotobade ?

-Coñecía a súa figura e sabía da súa importancia, pero a descuberta que máis me chamou a atención foi a súa infinita curiosidade, e sobre todo na faceta de etnógrafo, que lle facía recoller dun xeito case compulsivo cantigas, contos, lendas e todo o patrimonio inmaterial que el sentía que podía perderse no tempo, coa entrada na modernidade. Grazas a esa curiosidade e amor polo propio que persoas coma el tiveron, puidemos coñecer moito máis das nosas raíces culturais e eu, sen ir máis lonxe, puiden facer este disco.

-A súa discografía iniciouse con Nai , un álbum no que puxo música a poemas dalgunhas mulleres poetas.

-Realmente neste disco só había dúas poesías: unha de Antia Otero ("Bágoa de Pataca") e outra de Gisneide Ervedosa ("Mãe"); o resto dos temas son meus e neles falo do feminino que existe dentro de todas e todos nós. O feminino non entendido coma unha loita ou polaridade entre homes e mulleres, senón coma unha esencia necesaria de coidado e preservación de nós mesmos/as e da natureza. Nai foi un disco que falaba das deusas antes que dos deuses do patriarcado; unha homenaxe ás nosas raíces máis arcaicas nas que a muller era a dadora da vida e, polo tanto, divina.

-Unha das características da súa traxectoria é a de alternar as cancións para nenos coas obras dirixidas a un público adulto. Ademais, é Vde. moi polifacético.

-O certo é que dende a miña adolescencia, sempre estiven en contacto con algunha actividade artística. Primeiro foi a pintura, a escrita e a fotografía; despois a guitarra; logo chegaron o teatro e a danza dun xeito máis profesional. Un dos primeiros traballos que tiven dentro do "teatro físico", o "clown" e coma músico e bailarín, foi coa compañía profesional "Os Quinquilláns", cos que estiven uns oito anos. Daqauela traballabamos para nenos e público familiar e, namentres, eu xa estaba tocando por todos os bares de concertos de Galicia. Esta dobre faceta foi evoluíndo ata o día de hoxe no que teño tres discos infantís e tres discos de adultos. De ambas facetas sinto que me alimentan moito, cada unha á súa maneira. Mais, ás veces xera un pouco de confusión, pois non é a primeira vez que nun espectáculo para adultos, ten caído por alá algunha familia con nenos pensando que era un espectáculo infantil e viceversa. Pero eu penso que a música é universal e polo que me teñen contado, eses despistes non foron malas experiencias tampouco.

-Supoño que para Vde. foi moi importante interpretar dúas cancións de Silvio Roderíguez para a banda sonora de película animada Meñique .

-Pois si, foi un agasallo que me chegou dun xeito inesperado. Silvio sempre foi un dunha das miñas iconas como artista comprometido, como guitarrista e sobre todo como creador de cancións e absoluto monarca da palabra cantada en lingua hispana. Xunto con Chico Buarque no idioma portugués, son dous dos meus referentes ou "mestres", que non deixo de escoitar.

-Imaxino que estes días pasados quedaría na casa pola pandemia do coronavirus. Aproveitou o tempo para preparar un novo traballo do que xa poida adiantarnos algo?

-Pois si que estou argallando un novo disco, neste caso para "adultos". As cancións xa están perfiladas e nestes dous meses estiven traballando xa nos arranxos, mais os tempos para entrar de cheo no proxecto parece que os van determinar máis ben as circunstancias actuais. Agardamos poder continuar co que máis nos fai felices que é o noso traballo ou, como di a miña compañeira Silvia Penide, a nosa "oficina"

Compartir el artículo

stats