Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rusty Brown, obra mestra

Chris Ware na BD

O autor de BD galego Xaquín González Veira. FOTO: CARLOS PARDELLAS

O autor de BD galego Xaquín González Veira. FOTO: CARLOS PARDELLAS

Rápida presentación de Chris Ware: Historietista cincuentón estadounidense, obsesivo e meticuloso, algo que se reflicte no estilo. Ausencia de figura paterna, algo que se reflicte nas historias. Humor amargo. Colaborador en This American Life e The New Yorker. A súa novela Jimmy Corrigan, o rapaz máis listo do mundo (Reservoir Books, 2016), pertencente á serie The Acme Novelty Library, gañou en 2001 o Guardian First Book Award, outorgado ata o momento a novelas escritas, e o premio ao mellor álbum no Festival de Angulema de 2003. O seu virtuosismo formal e o seu afán experimental conseguíronlle un espazo na Bienal do Whitney Museum en 2002, así como unha exposición no Museo de Arte Contemporánea de Chicago en 2006.

Rápida sinopse de Rusty Brown: Rusty Brown é un neno con moita vida interior, fantasioso e namorado de Supergirl, e con ningunha habilidade social. É o centro sobre o que orbitan o resto de personaxes, incluído o propio Chris Ware, que pasean por un colexio do Medio Oeste americano, en Nebraska. Dos personaxes que Ware presenta, percorre a vida -que rápido se di!- de tres: o pai de Rusty, a súa profesora e un compañeiro que abusa del.

A novela recompila dezaito anos de páxinas anteriormente publicadas (en New City, Chicago Reader e Drawn & Quaterly entre outras) ás que se lle suma algo de contido orixinal. Trátase dun texto expansivo, formado por retrincos creados nun período de tempo extenso que, sorprendentemente, ou non tanto, dada a fama de perfeccionista do autor, se presenta cunha gran consistencia e solidez. Como un manto de neve formado por múltiples flocos, similares pero únicos. Porque, que sería dunha recensión de Rusty Brown sen mencionar o floco de neve? Así comeza a novela, explicando a complexidade das folerpas; aínda que parezan simples, están formadas por moitas capas e nunca se atopou unha igual a outra. Esta introdución é un resumo abstracto e certeiro do que segue, tanto a nivel formal como semántico.

A nivel formal, como un floco de neve, unha forma fractal con infinitas ramificacións, atopámonos ante composicións de páxina calidoscópicas, cheas de viñetas ás veces de tamaños e textos imposibles que mesturan tempos, recordos, pensamentos e puntos de vista alternados. Canto ao contido, somos os espectadores de tres vidas ordinarias, bañadas pola sombra da melancolía, o anhelo de conexión e pertenza, os soños perdidos e o paso traizoeiro do tempo; todo con resaibo a mediocridade e patetismo. Poderían ser as vidas de calquera e, de feito, si que o son: similares pero únicas, e contadas con ese pesimismo característico do autor que non sabes que activa primeiro, se a empatía ou a compaixón.

Na que xa se considera a culminación da súa carreira, Chris Ware é fiel ao seu reconocible estilo narrativo e estético, mestura do cru e o poético. Foxe da narración lineal, é extraordinariamente detallista, mestura diferentes estilos (sempre con cores planas) e estimula cunha gran cantidade de información sen caer na obscena sobreexplicación. A sutileza impera.

Fíxoo de novo. Outro libro-obxecto. Non só polo coidado estético do contido; a propia camisa desprégase e atopámonos ante unha sorte de póster que completa, se é que se poden completar, as historias da novela. Compre aplaudir á edición, que está á altura. Rusty Brown é unha marabilla. Pero quizá non unha marabilla que lle goste a todo o mundo. É incómoda, tanto emocional como fisicamente. Prepárate para abrazar a angustia existencial e deixar os ollos e as costas nesas viñetas e textos minúsculos. Se me preguntas, é un deses sacrificios que si merecen a pena.

Galegos nos Pulitzer

  • O pasado 4 de maio celebrouse dunha forma un tanto especial a cerimonia dos Premios Pulitzer. Nesta ocasión e tras 72 anos de celebración, os, probablemente, máis famosos premios que recoñecen os logros no xornalismo, a literatura e a arte, cumpriron coa súa cita anual a través dun vídeo. Outra cousa especial este ano foi que dous galegos formaban parte do equipo gañador da categoría "National Reporting" polo proxecto Disaster in the Pacific. Death and negleth in the 7th fleet, unha serie de reportaxes publicados pola axencia Propublica. Os seus nomes: Denís Galocha (Santiago de Compostela, 1986) e Xaquín González Veira (A Coruña, 1980). Denís, home orquestra: Ilustrador, pintor, grafitero e deseñador de bonecos, e Xaquín, infografista recoñecido polos seus traballos como editor gráfico en medios tan prestixiosos como Newsweek, National Geographic, The New York Times ou The Guardian, foron os encargados da parte gráfica do proxecto. Ao longo das catro reportaxes que conforman o proxecto, investíganse varias colisións mortais entre buques da Armada estadounidense no Pacífico. As reportaxes demostran que as causas desas fatalidades atópanse na propia Armada, nas súas deficiencias e mal funcionamento debido a tecnoloxía inadecuada e falta de mantemento e ao pobre adestramento e esgotamento por exceso de horas de traballo da tripulación.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats