Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No Día das Artes Galegas

A obra de Domingos Antonio de Andrade

Vista da Torre do Reloxo (1676-1680) da catedral de Santiago.

Este ano, pola crise sanitaria, foi imposíbel celebrar o pasado mes de abril o Día das Artes Galegas dedicado ao arquitecto Domingos Antonio de Andrade (Cee, 1639-Santiago de Compostela, 1712), figura chave da arte barroca no noso país e autor de obras senlleiras na catedral de Santiago ou no Convento de Bonaval, coa súa famosa escaleira.

Andrade formouse no ambiente vinculado ao mundo construtivo da catedral, onde comeza a traballar en 1662, cando nela se asiste á unha importántisima renovación arquitectónica e decorativa. Principiaría o seu labor no altar maior onde entraría en contacto cos motivos decorativos importados de obradoiros madrileños, como o de Pedro de la Torre, e encontraría mestres como Francisco de Antas ou Bernardo Cabrera, este último introdutor da columna salomónica que se utilizou por vez primeira no retablo da capela das Reliquias da catedral entre 1625 e 1630. Tamén coñecería alí o traballo de José Peña de Toro, a quen sucedería como mestre de obras á súa morte en 1676 e con Vega y Verdugo, figura central para entendermos todo o período, de quen recibiu unha segura influencia intelectual e estética.

Mais Andrade, ademais dun mestre con amplos coñecementos prácticos, é home de sólida formación teórica, que proba, alén da súa obra, o que coñecemos da súa biblioteca, da que se conservan exemplares na actual biblioteca universitaria compostelá. Igualmente sabemos que tiña un bos coñecementos de latín, que lle permitían escribir nesta lingua aínda moi importante no contexto cultural do seu tempo. De feito deixou un poema latino dedicado a Santiago e chegou a escribir un tratado intitulado Excelencias, antiguedad y nobleza de la Arquitectura (1695), unha defensa da arquitectura como actividade artística mais tamén como labor baseadado en sólidos alicerces técnicos e profesionais. Ao tempo, no libro sinala o papel propagandístico que a súa xeración asume para a arquitectura galega e subliña como esta, cos seus éxitos de ciencia construtiva, fai as cidades "insignes", e que ese é o papel que se lle asigna en Compostela, considerada unha nova Roma, velaí as súas palabras: "Mas digo, que no solo ennoblece (a Arquitectura) à sus profesores, sino que haze memorables à Príncipes, y insignes a Ciudades como à Roma, que vulgarmente se dize insigne por sus edificios".

Neste propósito, a súa actuación na Quintana e nas Pratarías en Santiago definirá de vez este espazo exterior, con tres intervencións relevantes: a Torre do Reloxo (1676-1680), a Sancristía (1695-1723) coa reforma do Pórtico Real (1695?-1700) e a Escaleira da Praza das Pratarías (1705). Neste último espazo probabelmente deseña a famosa vieira que terma do pasadizo ao Tesouro da catedral, que sabemos que contou coa intervención do seu discípulo Simón Rodríguez.

No primeiro caso, Andrade, nun exemplo de "actualización" do patrimonio medieval, remodela a antiga torre do século XV -da que aproveita o primeiro corpo- ergue sobre ela unha estrutura cúbica e engade outras estruturas decrecentes, para rematar nunha lanterna circular cunha pequena cúpula que recorda modelos italianos e tamén á Giralda de Sevilla.

É a súa primeira obra en pedra, logo da aprendizaxe na arquitectura en madeira na capela maior, o que explica moitas das súas características, en especial o uso de oco e baleiro. A súa esvelteza serve de contrapunto á horizontalidade do cerramento da Quintana. Polos seus motivos ornamentais, de mesta vexetación con froiteiros enfiados, que serán moi repetidos posteriormente, foi chamada no século XVIII por Mendoza de los Ríos "Torre do Xardín" e no XIX Murguía- tan pouco afín ao gusto barroco- cualifícaa, porén, como "preciosa torre". O certo é que Andrade fai da torre o teito arquitectónico de Galiza e un auténtico facho xacobeo de alto valor simbólico, un xeito de asumir o pasado compostelán con orgullo para renovalo vigorosamente.

A sancristía da catedral (hoxe capela do Pilar), realizada en mármores de vivas cores, está intensamente decorada con vexetación, heráldica e motivos xacobeos e remata nunha espectacular cúpula. Esta obra obrigou a desmontar o Pórtico Real, que fixera Peña de Toro. No remudado pórtico reutiliza pezas da obra anterior. Nesta obra Andrade crea modelos decorativos e un tratamento de marcos e portas que será exemplo para o barroco compostelán, cun último corpo sobre un van que proba a súa audacia escenográfica.

No convento de San Domingos de Bonaval leva a cabo intervencións que afectan á fachada, claustro e interiores (1695-1705), pero o máis relevante, unha auténtica obra mestra, é a espectacular escaleira de caracol, que comunica celas e cuartos, quizais derivada de Palladio, unha escaleira tripla que se enrola en espiral, tan pura na súa concepción que é tan radicalmente xeométrica que carece de relanzos.

Urbanas e pacegas

  • Outra obra notábel súa é a sancristía da catedral de Lugo, máis contida decorativamente que a de Compostela, pero cos característicos motivos vexetais do mestre e cunha vistosa porta na que destaca o relevo do encontro entre Abraham e Melquisedec. Andrade tamén vai realizar construcións urbanas e pacegas. Entre as primeiras cómpre destacar a Casa da Conga (1709-1715) na Quintana compostelá. Entre as segundas, é autor dun dos mellores exemplos desta arquitectura no Pazo de Ortigueira, Santa Cruz de Ribadulla, Vedra (1674), unha obra que, ao comparármola co conxunto do seu labor, chama a atención pola súa austeridade. Entre os numerosos traballos en madeira que realizou podemos indicar: o retablo-relicario de San Paio de Antealtares (Santiago), de 1675; o camarín-baldaquino do Santo Cristo de Ourense (1679) e o retablo maior de Bonaval (1687), hoxe na igrexa de Carril (Vilagarcía). A partir das súas trazas foron realizados moitos outros, como o de San Domingos (A Coruña) o o retablo maior de Santa Clara (Santiago). Entre os destruídos está o baldaquino de Oseira (1675) cuxo intento de retirada por parte do bispo de Ourense en 1909 causaría un masacre ao disparar a Garda Civil sobre os veciños que querían impedir o traslado da obra.

Compartir el artículo

stats