Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Esplendor monacal

Mosteiro de Sobrado dos Monxes

Esplendor monacal

Esplendor monacal

Na comarca de Terra de Melide, o mosteiro de Sobrado dos Monxes, no concello do mesmo nome, destaca pola súa monumentalidade moito antes de chegar ás súas portas. Hoxe segue sendo un importante lugar de espiritualidade e de acollida de peregrinos, ademais dun valioso ben cultural que, pola súa arte e historia, forma parte do Patrimonio da Humanidade integrado nos Camiños de Santiago, declarado pola Unesco en 2015.

Na súa longa vida o mosteiro experimentou numerosos avatares. Sábese da súa existencia desde o século X, cando aparece citado en documentos co nome de San Salvador. Da vida monástica inicial pouco se coñece. É a partir de 1142 cando Bernardo de Fontaines -San Bernardo- envía desde Claraval (Francia), de onde é abade, unha comunidade de monxes. Así, o 14 de febreiro dese ano comeza en Sobrado a senda cistercense. Xa nos dous séculos seguintes o complexo experimenta un gran desenvolvemento espiritual e económico. Como outros cenobios de España e de Europa, viviu despois unha etapa de decadencia que vai superar a partir de 1498, cando pasa a depender da Congregación de Castela. A maioría dos edificios que se conservan na actualidade son desa época. A monumental igrexa rematouse a finais do século XVII e no ano 1708 tivo lugar a consagración solemne.

Pero volvería outra fase de declive. En 1835, tras a Desamortización de Mendizábal, o mosteiro sofre o abandono e case a ruína. Virían anos de esquecemento ata que a mediados dos anos 50 do pasado século comeza o labor de reconstrución. En 1966 unha pequena colonia monástica procedente de Cóbreces (Cantabria) pasaba a habitar o cenobio dotándoo de nova vida.

O monumental edificio está cheo de salas e espazos de gran beleza arquitectónica. O Claustro da Hospedería, tamén chamado "dos Peregrinos", é de estilo herreriano contruído entre os anos 1623 e 1632. Forma ángulo recto coa igrexa, outra das xoias deste cenobio patrimonio mundial. De estilo barroco galego, conserva lixeiramente algunhas liñas do Renacemento. A súa obra prolongouse ata o século XVIII, polo que ten indicios doutras correntes artísticas. Con planta de cruz latina e tres naves, os alicerces soportan a gran cúpula que ilumina unha parte do templo. Canto á fachada, esta devén asemade espectacular, obra de Pedro de Monteagudo, na que se aprecia un anhelo de verticalidade. Tal efecto conséguese mediante dúas altas torres campanarios rematadas con tambor e cupulín.

O cenobio conta con outras dependencias de interese como o Claustro Procesional, tamén chamado Regular ou das Caras, polos medallóns con imaxes que serven de adorno á pranta superior sobre as xanelas e nas que hai apóstolos, bispos, cabaleiros? . No centro do patio levántase unha fonte e á beira sur está a cociña, sen dúbida, unha das habitacións máis chamativas do conxunto monacal, un verdadeiro monumento gótico case tan grande como un claustro cunha enorme campá de cheminea e bóveda de cruceiría. Trátase dunha das dependencias medievais que non sufriu alteracións ao longo dos séculos e avatares do mosteiro.

Outros espazos deste extenso cenobio é o Claustro Grande, chamado así precisamente polas súas dimensións, construído entre os séculos XVI e XVIII; a sancristía, desenvolta entre 1561 e 1575 segundo os planos de Juan de Herrera, ou a sala capitular, que se abre ao claustro procesional ou regular. Edificada a principios do século XIII, é de planta cadrada con nove bóvedas de aresta.

Sobrado dos Monxes conta con albergue para os peregrinos que seguen tanto o Camiño do Norte como o Camiño Primitivo. Para continuar desde o cenobio hai dúas alternativas: cara a Arzúa nunha etapa de 23 quilómetros; ou o antigo Roteiro do Camiño do Norte, que leva directamente ao itinerario Francés nas inmediacións de Brea.

Os condes fundadores

  • Sobre a orixe inicial do mosteiro de Sobrado dos Monxes hai aínda bastante incerteza. Ás veces non coinciden as datas ou os nomes, pero os relatos e documentos recompilados aluden a que puido ser unha fundación dos condes de Présaras ( Hermenexildo e Paterna), baixo a advocación de San Salvador. En principio erixiuse cun carácter familiar e dúplice: tiña unha sección para os homes e outra para as mulleres da familia. Pertencía aos monxes benedictinos negros, chamados así pola vestidura superior desta cor. Tras uns anos de desenvolvemento e bonanza, a vida monacal entraría nunha fase de decadencia que remataría co abandono do mosteiro. Probablemente en 1060 xa estaría deshabitado e habería que esperar a 1135 para que empece a rexurdir. Coa chegada dos cistercenses franceses a terras galegas, os condes de Traba e Alfonso VII tomárono baixo a súa protección no ano 1142, sendo o primeiro que se integra na Orde do Císter na Península. Nesta etapa ou mosteiro convertirase nun dos máis poderosos de Galicia. Cambia a advocación a Santa María e vivirá séculos de ampliación e grandes reformas e sufrirá múltiples avatares como a invasión francesa ou as guerras carlistas. Preto do conxunto monumental está a lagoa de Sobrado, construída polos monxes entre os anos 1500 e 1530, represando as augas de varios arroios que forman as fontes do río Tambre.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats