Para remarcar esta característica, a maior parte das pezas mostran un ton vocativo e evocativo: "e advertíchesme, mamá/o tempo é un caramuxo obstinado". Asistimos a unha exaltada lembranza da nai, á resurrección da nenez e da felicidade estival: "abrir as mareas/saber de mil vidas ao redor dos pés/o bule bule dos moluscos". Falamos de sobriedade, podemos matizar de frugalidade luminosa. Con pouquísimas palabras adentrámonos no estío e, con el, advertimos a celebración da vida en total ardimento: "e así, a epiderme como un vínculo". Que, por veces, mostra a outra cara da moeda: "esa contradición que me enchía/esa contradición no esófago", pois tamén hai sombras baixo a plenitude solar.
A figura da mai, plural e única, vai empapando os poemas dunha delgada tenrura que nos emociona. A esta finura da dicción vaise apegando a cotidianidade do vivir: a vivencia do mar como unha descuberta, "recordarnos líquidas/escapando da ruta das fanecas/sen naufragar nunca"; o astro solar calcinando os vocábulos: "no crepitar do primeiro sol/a inocencia, a crema que estendías delicada, mamá"; a nena que medra, en todos os sentidos da palabra: "todo naquel chándal azul ceo/era un propósito rebelde". Todo isto configura un clima de exaltación indeclinábel magnificamente pincelada: "cartografar/a túa man de utopía quente". Moi fermoso.
NOGUEIRA, Arancha, Dente de leite, Xerais, Vigo, 2020, PVP.12, 50 ?