Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sempre a aventura

Con inocencia e afouteza

Sempre a aventura

Dende hai un tempo Rosa Aneiros vén explorando o eido da literatura infantil e xuvenil e abofé semella atoparse nel estupendamente. De feito chéganlle tamén neste ámbito recoñecementos en forma de premios e ao último "Merlín" con Xelís, o guiero das botellas de mar séguelle a publicación do "Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade."

Son sempre do agrado dos cativos historias nas que a aventura é unha compoñente importante da narración, nas que os nenos amosan actitudes de solidariedade cara aos máis necesitados, nas que un adulto, adusto ao comezo, devén bo e xeneroso, nas que se resolven os problemas de forma satisfactoria a pesar dos atrancos que a propia vida impón e todos estes ingredientes atopámolos en Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, relato no que a protagonista Edelmira, obrigada polas circunstancias, ha de ir pasar o verán co avó que nunca ten un sorriso e que sempre anda a rosmar cos dentes atravesados contra o mundo.

Logo os irmáns Daniel e André, sobriños da tía Ermitas, o can Troski, a gata Can e o entorno de Marabilia encárganse de achegarlle á narración o misterio preciso para que a expedición pirata na que se converte a xuntanza dos tres miúdos sexa todo un éxito.

E por riba do desexo, un aderezo extraordinario: a inocencia feita ensoñación e así mesmo a afouteza convertida en motor que guía os bos actos e que postas ao servizo da ficción transfórmanse en substanciosos elementos que darán que pensar aos rapaces acerca do verdadeiro sentido da diversión, da empatía e da fraternidade.

ANEIROS, Rosa, Tres bichicomas, dúas illas e una serea (Ils. Avi Castillo), Xerais, Vigo, 2010, PVP. 12, 11 ?

Compartir el artículo

stats