Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Monoulious Dop: Black Album

Un cd cheo de matices

Baixo estas liñas: os Monoulious Dop sobre o escenario. Na imaxe pequena: The Lelly Kellys, "it´s only rock and roll, pero préstame."

Ameazaban os Monoulious Dop con que, despois da experiencia sensorial do LP Padre, ían volver ao ataque coa experiencia relixiosa do Black Album. Meu dito, meu feito; e pensando en que se os de Metallica o "petaron" co seu disco negro, eles dende logo que non ían ser menos. Trece cortes vestidos cun cd digipack inmaculadamente branco e sen nin unha soa referencia a absolutamente nada, coma un papel virxe no que se algo queremos saber nada máis hai que poñer o cd a dar voltas nun reprodutor e escoitar con atención.

Non agardabamos menos do novo dos Monoulious, vaia por diante, pois son deses proxectos sempre absolutamente impredecibles en todas cantas posibilidades se lle propoñan. Ao primeiro, hai xa uns anos e antes de entregar pezas en formato disco, a súa aposta foi polo video e botando por fóra, que digo por fóra?, moito por fóra cuns videos caralludos, sen complexos e sen teitos. Si, exactamente así: se Britney Spears podía, eles non ían ser menos. O caso é que nas plataformas de video e pola internet adiante logo tiveron unha man de seguidores e unha man de reproducións desas que dan vertixe. Mon e Ula , que ollo, viñan de tocar en bandas de metal e rollo punkeiro, contábame Ula non hai moito: "quen me ía dicir daquela que a día de hoxe ía andar a encher salas polo país adiante caa miña banda de pop?" Pois igual diso se trata: de facer e facer ben e deixar as etiquetas para os que nos presta enredar con elas, xa que a música é música e só hai dous tipos dela: a que nos presta e a que non nos presta, e ademais dende a perspectiva particular e gusto de cada quen, pois para gustos é que se pintan cores.

O caso é que o Black Album é un traballo cheo de matices e que vai moito máis aló das bromas e brincadeiras nas que eles acostuman habitar. O disco vén ser un auténtico ensaio sobre como, dalgún xeito, somos nesta Galiza de século XXI, e non esaxero pois escoito os temas e recoñezo a moita xente neles, recoñezo a colegas, recoñezo á sociedade e recoñézome até a min mesmo; recoñezo como somos e como andamos por este mundo de tan inquietante presente. "Antes eras heavy agora gústache Maluma"; "hai universos de mamás máis xoves ca nós"; "teño un corasón brutal pero teño un problema: gústanme todas"; "vámonos a O Porto de postureo". Tamén versos ao amor tinder de novo século, como "dáme candela que estamos no verán e fai un frío que pela", ou o pulso a un tempo que sempre se escapa en "os cantautores están de capa caída" ou "teño 40 e confúndenme cun millenial".

Podes pasar un anaco agradable e botar uns risos coa retranca aceda dos Monoulious pero tamén, e de paso, escoitar un disco que soa caralludo, que está impecablemente arranxado e moi ben gravado. Non sabemos por quen, iso si, pois o libreto en branco é o que ten, aínda que si sabemos por outras fontes que foi nos estudios Bungalow en Compostela. Black Album, o novo dos Monoulious Dop xa está en toda plataforma internáutica canta hai e de contado en moitos dos escenarios do país. Unha manchea de cancións, en boca deles, coas que namorar, conquistar, odiar, especular, pintar, decorar, flamear e contrachapar os nosos corazóns.

The Lelly Kellys, Congamonga

  • Naceron no 2016 aló por Moaña. Catro músicos fascinados polo poder salvaxe e frenético do rock´n´ roll más directo e primitivo e dispostos a pasar á acción. E por aí andan Tonho Nogueira nas voces e nas guitarras, Pollete MC na batería e nos coros, Muerto Rodríguez baixo e coros e Culebra Pills na outra guitarra e tamén nos coros. O seu é prenderlle lume ao palleiro en cada tema e sen demasiada perda de tempo en moitos refinamentos: rock para bailar e queimar a churrascada. Teñen novo Ep baixo o título de Congamonga e nel chaman a prender o motor da vella furgoneta e acelerar diante da policía, sen mirar atrás, sen cinto posto e ouveándolle a congamonga coma se non houbera mañá. Se teño que escoller etiqueta diría Boogie Rock, catro por catro, e boureo a sacho até perder o control. "Congamonga" "Vai arder", "Para nada" "A ver hostia" "Mojo" e "Cromagnon" non deixan lugar ás dúbidas no ideario musical da banda. Gravado, mesturado e masterizado nos estudos Hertz Control en Seixas (Portugal) por Marco Lima excepto os dous últimos títulos gravados por Talker Sound e misturados no Estudio Bonobo por Gonzalo Maceira. Comentar tamén a chamativo arte da portada, asinada por Santiago Paredes e Antonio Cascante nun formato físico que nos retrae á estética setenteira que tamén tanto se deixa cheirar nas cancións. A bailar todos moito e rápido que a vida logo pasa e aquí non imos quedar despois de que a dama da gadaña nos meta a súa irremediable fouciñada. De novo cavilamos sobre aquel credo Stoniano, persignámonos e soltamos aquilo do I´ts only roc&roll, pero préstame.

Compartir el artículo

stats