Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A tradición da natureza morta

Manuel Vilariño: Rizoma

Algunhas das diferentes pezas que conforman a exposición.

Manuel Vilariño (A Coruña, 1952) presenta con Rizoma, unha nova mostra de aspectos significativos da súa traxectoria. O título fai alusión ao interese de Vilariño polo concepto filosófico desenvolvido por Deleuze e Guattari, a partir dunha analoxía botánica: un rizoma é un tronco subterráneo con varias xemas que medra de xeito horizontal emitindo raíces e gromos. En concreto, no proxecto "Capitalismo e esquizofrenia" os filósofos subliñaban que calquera elemento pode incidir na concepción do conxunto dunha determinada estrutura. Deste xeito un punto do rizoma pode conectarse con outro punto dunha estrutura, sen necesidade dunha conexión a través dun tronco ou dunha raíz.

Para Deleuze e Guattari o rizoma é unha unidade heteroxénea ao existiren multiplicidades que interactúan para conseguir unha obra que comprendemos como entidade. Mais, para eles, unha obra prodúcese entre diversas intensidades e concéntrase en liñas de articulación entre tema e tema, entre capítulo e capítulo, entre distintas formas de abordaxe; segmentariedade entre bloques significativos diferentes atravesados por algún sentido compartido, e estratos ou conformacións sedentarias como opuestos ao movimiento, ao nómade; os estratos constituen a materialidade significativa da obra.

O Rizoma de Manuel Vilariño concíbese como unha esculca no universo creativo e poético do fotógrafo partindo destas liñas de articulación, coa música, a poesía, a ciencia e a imaxe como ámbitos complementares e decisivos na construción do universo creativo do artista.

A exposición achega unha multiplicidade de lecturas e puntos de vista nunha obra que desde unha fonda orixinalidade dialoga dun xeito acusado coa tradición plástica do pasado, e en concreto, coa paisaxe e coa natureza morta.

Como é ben coñecido, ambos os xéneros: paisaxe e natureza morta, serviron ao longo da historia da arte occidental non só a unha finalidade puramente decorativa -que evidentemente tiveron- senón para moitos artistas elaboraren sólidas estratexias de representación. Os xéneros tornáronse axiña, xa desde os seus comezos no século XVI, en vehículos para a ostentación e para a demostración da mestría do artista, tanto na natureza representada como nos seus máis requintados pormenores.

En concreto, na natureza morta, o apelo ao sensitivo e ao sensual foi neste proceso fundamental, ligado a unha vontade de creación duns ambientes reconfortantes e a unha sensación de benestar. Nun sentido distinto, e case que poderiamos afirmar que contraposto, estaban non poucas naturezas mortas en que as estratexias realistas eran parte dunha singular concepción formal e simbólica. No "bodegón" peninsular este aspecto era ben evidente xa que nel os elementos simples da vida cotiá tornábanse obxecto dunha análise en que a simetría e o tratamento austero dos obxectos e do espazo deviña en fundamental. Nesta pintura confluían, sen se excluíren, o cartesianismo e o ascetismo, a ordenada xeometría, a composición, a austera sobriedade e a espiritualidade.

A natureza morta nos séculos XVII e XVIII era considerada un xénero menor, moi por baixo da pintura de "historia", a pesar diso sempre gozou do aprecio dun coleccionismo culto e refinado que procuraba nela mensaxes de oculto simbolismo. Posteriormente pasou a ser un xénero cada vez máis valorado e recuperado para a sensibilidade moderna, a razón quizais estea en que permitía de xeito excepcional combinar a liberdade expresiva desde o universo da intimidade e o cotián. As simples cousas representadas, por moi realistas que pretendan ser, son en realidade distintas percepcións afastadas de calquera obxectivación, porque a natureza morta é, de facto, un campo de experimentación plástica e tamén un reflexo do mundo emocional dos pintores, cando neles aparece o talento creativo. E este agroma de xeitos ben desemellantes; para algúns o formal domina no tratamento dos obxectos; noutros, as naturezas mortas teñen unha carga emocional, un aspecto que pasa ao primeiro plano, por exemplo, cando aparecen os cranios, alusións funerarias evocadas polas vanitas do período barroco.

Título: Rizoma. Artista: Manuel Vilariño. Comisario: José Luis Estévez. Local: Igrexa da Universidade, Santiago de Compostela. Até o 2 de abril.

Poesía e ritual

  • Non é dificil encontrar no sutil traballo de Manuel Vilariño ecos e diálogos estreitamente unidos a esta tradición, con múltiples obras nas que se producen cruzamentos entre a vida e a morte, dun simbolismo nítido ou conxuncións de imaxes nas que a citas das vanitas é manifesta. O noso fotógrafo converte as súas creacións en vehículos para a mensaxe poética, para a transmisión da memoria, do ritual e da alegoría. Nas súas obras achamos a presenza do pasado mais tamén a evocación dun futuro inevitábel -coa morte nun plano ben relevante-, que en ningun momento deixa de estar presente no ollar do espectador. A quietude, o estatismo das fotografías transpórtanos á natureza morta barroca, mais still life -vida detida- que bodegón, no sentido de ser máis evocación poética que simple amálgama de obxectos, permitíndonos establecer un diálogo con pintores como Francisco de Zurbarán, Juan Sánchez Cotán ou Lubin Baugin, cos que Vilariño comparte unha sobriedade compositiva, xeométrica, e unha intensa espiritualidade case que rigorista. Ambos os mundos, o pictórico e o fotográfico, ao someteren as imaxes á nosa contemplación, convídannos a unha experiencia visual que sempre segue a ser controlada e manipulada polo artista, no sentido de que é este o que dirixe o noso ollar. As fotografías de Manuel Vilariño, como as naturezas mortas barrocas, provocan o efecto dunha extrema percepción, unha hiperpercepción, e, se cadra, aí resida a súa capacidade de comunicación poética, crando un mundo ateigado de espiritualidade e límpida perfección técnica.

Compartir el artículo

stats