Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nos salóns da condesa

Casa Museo Emilia Pardo Bazán

Nos salóns da condesa

A que fora vivenda familiar da escritora e aristócrata Emilia Pardo Bazán é sede da Real Academia Galega e tamén dun museo no que pode coñecerse o día a día da autora de Os pazos de Ulloa. Mobles, cristalerías, cadros e outras pezas conservan o ambiente da época nun sobrio, amplo e blasonado edificio do século XVIII no número 11 da rúa Tabernas, adquirido polos pais de dona Emilia cando ela era unha nena e no que pasou parte da súa vida na capital coruñesa.

Emilia Pardo Bazán naceu o 16 de setembro de 1851 nunha casa xa desaparecida da rúa Rego de Auga onde casualmente tivo a súa primeira sede a RAG. Pouco tempo despois, en 1855, os seus pais, José María Pardo-Bazán e Mosquera e Amalia María da Rúa-Figueroa,mudáronse á residencia da rúa Tabernas onde a futura autora, desde moi cedo, comezou a mostrar grande interese pola escrita e a lectura, afeccións que puido desenvolver pola gran variedade de libros aos que tiña acceso na biblioteca do seuproxenitor. De feito, en máis dunha ocasión, Dna. Emilia declarou que entre os seus títulos preferidos entón estaban Don Quixote de la Mancha, a Biblia e a Ilíada. Na casa coruñesa leu tamén La conquista de México de Antonio de Solís e as Vidas paralelas de Plutarco. Seguiu aínda descubrindo o mundo e outras culturas a través das páxinas escritas e da esmerada educación que lle proporcionaron os seus pais.

Aínda que casou moi nova con José Quiroga y Pérez Deza e viaxaron por España e Europa -tamén residiron en Madrid- a nosa protagonista continuou vivindo cos eu marido na casa da Coruña (Marineda nos seus relatos). O edificio foi escenario importante na súa vida debido a que alín aceron os seus tres fillos e que nel se levaron a termo importantes actos literarios e festivos. Entre outros, a homenaxe ao poeta Zorrilla (1883) ou o dedicado a Unamuno. Taména acollía faladoiros literarios os xoves e foi sede da dirección da Revista de Galicia e da Sociedad del Folclore Gallego.

O museo recrea agora os territorios públicos e mais o universo íntimo da escritora cunhas salas de reconstrución histórica e unha interesante aposta. Na entrada hai tapices, mobles da época e retratos de familia. Tamén libros do pai da condesa e do seu fillo Jaime. Sen dúbida, a sala de estar é un dos espazos principais, pois foi o eixo de reunións e homenaxes, como o referido a Unamuno en 1903.

Outra das dependencias museísticas está dedicada á produción literaria, con libros de autoría propia e outros dedicados a Dna. Emilia. Os logros conseguidos por ela e outras mulleres, o seu apoio á emancipación e dereitos femininos ou a faceta xornalística conforman outros percorridos que se poden facer nesta viaxe pola vida e a obra da autora que tamén se pode descubrir no museo. Ademais hai aínda fotografías, obras manuscritas, notas autobiográficas ou un prólogo á primeira edición de Os pazos de Ulloa, entre outros documentos.

Se ben que intelectual aberta a todas as tendencias ideolóxicas, erudita, viaxeira incansable, defensora da condición feminina, políglota, de intensa vida social e cultural, Dna. Emilia non deixou nunca de pasar tempadas na súa terra natal.

A casa posúe un patio, espazo de reflexión e descanso, igual que en tempos da autora, onde é posible revivir os momentos da época e gozar da lectura acougada dalgunha das súas obras. Os obxectos orixinais que garda a vivenda contan tamén a historia de pezas mestras: dous Madrazos, un Sorolla, a vaixela de Limoges, a cristalería de La Granja, abanos antigos? O museo pretende que a visita sexa dinámica co fin de achegar a obra e a figura de Emilia Pardo Bazán.

Historia dun edificio

  • Segundo os documentos, do 4 de maio de 1956 proveñen as primeiras noticias acerca da creación do museo a través da acta de doazón das últimas herdeiras directas: Manuela Esteban Collantes e Sandoval, condesa viúva de Torre de Cela, e María das Nieves (Blanca) Quiroga e Pardo Bazán, marquesa viúva do xeneral José Cavalcanti. Filla e nora, respectivamente, de dona Emilia, ambas estiveron presentes no acto de doazón en Madrid na rúa Goya, 23, residencia de Blanca. Na segunda cláusula pode lerse: "(?)Perpetuando el recuerdo de su vida y de su ingente obra literaria, y teniendo presente la noble adhesión y entrañable afecto que aquella sentía por la "Real Academia Gallega", se concreta tal deseo en la creación de un "Museo Emilia Pardo Bazán" y cesión de la casa descrita a dicha Real Academia, a cambio de ésta asistir y proveer al cuidado y conservación del Museo". Os responsables da casa museo promoven numerosas accións para divulgar a gran figura e os espazos da que foi activa e prestixiosa escritora: unhamuller culta e avanzada que ás súas múltiples facetas sumou a de crear unha revista de pensamento social e político totalmente escrita e financiada por ela: Novo Teatro Crítico. Ao pechala, ao cabo de tres anos,declarou aos lectores que perdera na empresa humor e diñeiro.Unha faceta máis das moitas da súa vida.

Compartir el artículo

stats