DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Zeitgeist e moda

Sobre as artes transversais

Instalación de Joana Vasconcelos no Museo Guggenheim (Bilbao).

Instalación de Joana Vasconcelos no Museo Guggenheim (Bilbao).

Cada época agocha formas de expresión e movementos artísticos que son o espello dese tempo. A cultura no século XXI atopa na interdisciplinariedade e na reunión dos creadores nos movementos transversais o seu zeitgeist; xa que logo, co gallo da tempada de feiras de arte nacionais e internacionais, un cumio de artistas e espazos veñen guiarnos pola creación de hoxe.

O filósofo Gilles Lipovetsky explica que nos nosos días estamos rodeados de obxectos deseñados, todo canto temos arredor está concibido esteticamente para cumprir unha función tradicional ou desenrolar unha nova actividade. Nas artes, e fóra delas, o que se procura é traspasar as barreiras clásicas ou académicas, tanto nas temáticas como na execución. Deste xeito, atopamos pintura alén da pintura ou fóra do lenzo mentres a escultura vén presentarse sen pedestal, a arquitectura é sostible e a moda devén de vangarda. En fin, contamos con soportes dixitais para todo e a imaxe en movemento resulta perenne.

Neste mesturado postmoderno ou hipermoderno das artes e a cultura, hai dous eidos incorporados polos artistas a nivel global que resultan moi representativos da nova estética colaborativa e transversal: o téxtil e a cerámica captan o espírito dos tempos actuais. Esta nova escena integradora de técnicas é apreciable a nivel internacional (Joana Vasconcelos, Edmund de Waal, Craig Green), onde un gran grupo de artistas emprega decote a louza, a cestería, a xastrería... para representar o seu discorso.

Chelo Matesanz (Reinosa,1964) fai pezas verticais, cadros ou pendóns, de gran formato con técnicas mixtas, nas que destaca o labor de costura, como no monumental Peliqueiros do ano 2007, feito en pespunte sobre tecido que mide tres metros de alto e longo. Noutras obras como Credulia, exposta no ano 2018 na galería Espazo Olvera, combina o barro esmaltado, madeira e tea para unha peza de gran formato; xa no Drawing Room deste ano presenta traballos coa galería sevillana. Ademais, esta artista e profesora de artistas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ten aplicado o téxtil e a cerámica nas súas creacións, construíndo un discurso ao poliédrico, procesual, intelectual, humorístico, evidentemente feminista.

Outro mestre de mestres na Universidade de Vigo é Nono Bandera (Málaga,1958), quen pinta e recolecta imaxes e obxectos encontrados para incorporalos a cadros, xerros, cráteras, esculturas, tecidos e varia. En Desayuno en la hierba (2018 na galería Espacio Mínimo) había pezas cerámicas e pinturas que desenrolaban un discurso de trampantollo, ironía e sátira, realidade e ficción das imaxes. Nos Nuevos jarrones black and white que presenta na mesma galería, en Arco 2020, combina a cerámica coa pintura, en formas grecorromanas postmodernas e estampacións xeométricas.

Atopamos asemade artistas que teñen incorporado o téxtil e a cerámica á súa bagaxe: así Mauro Trastoy, premio Díaz Pardo da Deputación da Coruña 2019, presenta na galería Marisa Marimón cadros e obxectos feitos con procesos de bordado, tecido e cosido, toda unha produción de arte téxtil que dialoga ca pintura expandida ou postpintura. En Just Mad deste ano, está coa galería ourensá compartindo espazo con Tamara Feijoo, quen presenta uns debuxos de grafito sobre táboa. Esta artista desenrola asemade unha actividade como ilustradora de tecidos. Mentres e da súa parte, o colectivo Formabesta, formado por Salvador Cidrás e Juan Cidrás, explora os extremos do téxtil e da cerámica dende unha perspectiva escultórica. Na galería Casado-Santapau,Arco 2020, presentan traballos onde trocan relacións espaciais e incorporan novas texturas. En fin, Christian García Bello ten sido seleccionado no IV Premio Cervezas Alhambra e presenta asemade o froito da súa proposta na feira Arco deste ano. Baixo o título Almuqárbas, fai un achegamento contemporáneo ao mocárabe: a peza de porcelana patinada e policromada está feita en colaboración coa ceramista Verónica Moar e vén orixinada pola inspiración da arquitectura da Sala Dos Hermanas, Palacios Nazaríes da Alhambra de Granada.

Labores e artistas

  • Outros artistas desenrolan o seu espazo creativo apoiados na moda. Sheila Pazos ten feito, entre outras propostas, a colaboración co fotógrafo Eugenio Recuenco na serie de fotografías 365 que está recolleita nun catálogo e que se expuxo en Madrid e Berlín. Melania Freire foi, á súa vez, premio Ego MBMFW 2019 coa colección Me Compré una Postal de David Hockney na que presentaba unhas siluetas con estampados feitos a partir de cadros e memorabilia do famoso pintor británico. Ten participado como directora de arte no filme L onga noite de Eloy Enciso, premiado e aclamado internacionalmente. A moi recoñecida firma Loewe conta nas súas coleccións con traballos en cestería de Idoia Cuesta; os seus obxectos son pezas de arte sempre a dispor por medio das webs da casa de luxo e a da propia creadora. Asemade resultan ben salientables as creacións téxtiles de Sara Coleman que se expuxeron recentemente na fundación RAC de Pontevedra; os traballos do corpo cyborg de María Castellanos e Alberto Valverde, que veñen de verse no salón Première Vision París, e as esculturas febles de Román Corbato, que estiveron hai pouco na Cidade da Cultura. Todos os labores destes artistas poderán verse nas galerías e Feiras de Arte 2020 en Madrid nos mesees de febreiro e marzo e nas páxinas web dos creadores e galeristas.

Compartir el artículo

stats