Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Palabras desde o norte

A narrativa norueguesa, hoxe

Un dos escritores noruegueses Vigdis Hjorth.

As primeiras manifestacións da literatura norueguesa prodúcense entre os séculos XII-XIV, cando o país dependía do reino de Dinamarca, e falan das fazañas e viaxes dos vikingos (as sagas) e dos deuses e da sabedoría (as eddas), escritas en prosa ou verso épico respectivamente. A creación dunha literatura nacional non chega ata o s.XIX, cando, aínda baixo a dominación danesa, se crea en Oslo a primeira universidade (1811) e o poeta Ivar Aansen inicia un traballo de ordenación lingüística no que converxen o landsmal (lingua vella do país) e o bokmal (lingua libresca), hoxe cooficiais, co engadido da minoritaria sami. De acordo coa escritora e traductora Kirsti Baggethun, esta literatura posúe dúas etapas de notable relevo. Medieval a primeira e, situada na segunda metade do século XX, a segunda.

O século XIX é literariamente fundacional coa presenza de dúas grandes figuras,Bjornstjerne Bjornson e mais Henrik Ibsen, o celebrado e universal autor de Casa de bonecas (1879). Romantismo, realismo e naturalismo son as correntes estéticas do século, no que o conto popular de tradición oral coñece unha forte expansión no ámbito temático rural, centrado na terra e nos costumes da xente campesiña e mariñeira. Outra gran figura fundacional é Knut Hamsun, creador do espiritualismo inconsciente e autor de célebres novelas como Fame (1890) ou Pan (1894). Foi a súa existencia difícil, agravada pola súa colaboración cos nazis que invadiron a súa terra, feito que supuxo para el xenreira e odio dos seus concidadáns. En 1920, coa publicación de A beizón da terra, obtivo o Premio Nobel. En fin, Sigrid Undset - Premio Nobel tamén, foi pioneira no apoio e defensa da muller e aínda da promoción de mulleres escritoras. Introduciu a temática urbana na narrativa do país.

Despois da ocupación alemá (1939-1945), durante a Segunda Guerra Mundial a novela adquire unha clara dimensión social, histórica e política, referida a loita contra os nazis e a crise do mundo laboral. Entre modernismo e socialrealismo, nos anos sesenta é evidente a renovación técnica, a crecente nómina de escritoras e o pulo imaxinativo dos mundos de ficción. No ano 1991 prodúcese o espectacular éxito da novela O mundo de Sofía, de Jostein Gaardner. É notable, tempo despois, o pulo da literatura infantil, cuxa gran figura é Maria Parr. Igualmente na década de 1990 asistimos a un chamativo desenvolvemento da contística no que tamén as mulleres escritoras tiveron notable protagonismo. Mais é a eclosión da novela negra/policíaca o fenómeno máis determinante na expansión cara ao exterior das letras norueguesas, que contan, neste ámbito, con figuras relevantes como as de Jo Nesbo (espléndido no seu Macbeth, 2019), Karin Fossun (creadora do personaxe do inspector Sejer), Khell Ola Dahl (da que proceden os detectives Gunnarstranda e Frolich), Anne Holt (autora de novelas como Castigo, de éxito masivo) e Kjartan Flogstad, autor de Un coitelo na gorxa, igualmente exitosa.

Xa dende finais do século XX aparecen escolmas das letras nórdicas con privilexiada presenza de escritoras. De referencia específica norueguesa é Mulleres dos fiordos (traducida ao castelán por Ed.Nórdica, 2019) mentres que Fillas do frío (Ed. de la Torre 1997) é de ámbito nórdico. Máis actuais resultan as impactantes series televisivas como Borgen, Occupied, Millenium, A Ponte e outras, que ilustran os problemas dos países do grupo nórdico no que se refire á delincuencia, a corriupción, a dureza da vida cotiá, a sensación de illamento e os problemas sociais resultantes de feitos como as migracions de xentes de países moi diversos. En definitiva, das narradoras norueguesas de hoxe son nomes mais que salientables Ida Hegazi, Anne Holt, Vigdis Hjort, Karin Fossum, Erlend Loe e algunhas outras.

Hoxe en día, concretamente no ámbito do castelán, é a Editorial Nórdica a de actividade mais sobresaínte en dar a coñecer estas literaturas ata hai pouco descoñecidas agás contados casos de escritoes universais como Henrik Ibsen, Knut Hamsun, Jostein Gaardner, Isak Dinesen (pseudónimo da danesa Karen Blixen) ou Selma Lagerlöf. Na nosa lingua están traducidos, polo menos, os dous primeiros dos citados.

Vidjis Hjorth

  • Nun contexto literario no que a muller amosa un relevante protagonismo, aparecía, en 2016, A herdanza (Ed. Nórdica, 2019), traducida ao castelán por Asunción Lorenzo e Kirsti Baggethun. A súa autora, Vigdis Hjorth, viña acadar con ela o Premio dos Libreiros de Noruega e mais o da Crítica. A herdanza é a historia, cinguida estreitamente ao asunto central - unha herdanza familiar cuxo reparto perturba a xa deteriorada convivencia familiar de pais e fillos - , asunto tratado como núcleo temático único, excluínte, desenvolto nunha alternancia temporal pasado- presente e narrado a través dunha soa voz, a de Bergljot, a filla díscola que loita pola defensa da súa incómoda e persoal verdade. Con obxectiva frialdade , o texto de Hjorth discorre a crise da historia nos niveis das relacions de familia, de confrontación xeracional e de intimidade individual. A muller xoga realmente, nesta novela de declive vital, de morte e de aldraxe violento, un papel fundamental. O feminisno vai aquí parello ao pano de fondo freudiano e a presentación ameazante e traumática dos feitos do pasado. A prosa devén marcada, por unha crúa dureza expresiva e actúa como eficaz ferramenta de indagación e análise no plano existencial. Narrada en secuencias de media e breve extensión, resulta A herdanza devén unha sólida crónica dun vivir no que o pasado volve ameazante e destructivo. Non se sae desta novela, valente e reivindicativa, sen algunha conmoción no mais íntimo do noso ser.

Compartir el artículo

stats