Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Deseño e Creación

Arredor da Colección DIDAC

A cultura, desde os momentos iniciais da súa definición por parte da humanidade, maniféstase, en boa medida, na construción e elaboración de obxectos que se caracterizan pola súa íntima fusión co ámbito do cotián e polo seu carácter utilitario, xa que a fabricación de obxectos é xunto co pensamento racional que o posibilita e fundamenta a nosa condición humana desde o comezo da nosa existencia. O deseño, un dos produtos do desenvolvemento das nosas sociedades nos últimos dous séculos, non fixo máis que acentuar ese sentido do obxecto ligado á funcionalidade máis plena, ao seu valor utilitario.

A exposición que presenta DIDAC en Santiago de Compostela, até o 12 de abril, ofrece ao espectador unha ollada singular sobre o deseño actual e a súa ligazón coa creación artística, unha ollada que se torna sintomática da nosa realidade cultural -no sentido máis amplo da acepción- porque nos presenta certas tendencias no uso no deseño e na arte mais achegada a el no mundo actual e tamén porque permite a reflexión sobre o sentido profundo, sobre o valor plural, mesmo desde a perspectiva puramente lingüístico-conceptual, do deseño na sociedade contemporánea, na que non hai practicamente ningunha tenza da nosa realidade en que non estea presente.

A Colección Fundación DIDAC -agora presentada nunha coidada escolma- é un acervo en construción que nace cunha clara vontade de proxectar o deseño e a arte contemporánea. Preténdese xerar un mapa visual e documental do acontecido fundamentalmente desde os anos setenta até hoxe, para o que esta colección reúne, alén de obras de arte e obxectos de deseño, libros de artista e catálogos, revistas e carteis, informacións primarias e todo tipo de material que contribúe ao estudo do deseño e a arte contemporánea, nomeadamente en Galicia. Para iso compleméntase con pezas de artistas e deseñadores do ámbito internacional que axudan á contextualización desta colección ao tempo que permiten abrir argumentalmente o relato e xerar unha multiplicidade de conexións.

A interesante proposta que presenta suxire dúas liñas de reflexión, ambas de enorme actualidade no panorama artístico contemporáneo. En primeiro lugar salienta o que respecta á orixe dos fondos expostos, xa que se trata dunha selección da Colección Fundación DIDAC, unha empresa cultural para a que o mesmo concepto e punto de partida como coleccionistas, incluso desde a perspectiva da adquisición de obras, semella conformar unha postura de diálogo coas diferentes creacións, dándolles un papel relevante, actuando como axentes creativos que permiten que as obras dialoguen entre si, o que posibilita e facilita o xurdimento dunha grande diversidade de lecturas.

E este último aspecto é o que nos leva á segunda faceta que a mostra nos ofrece, porque o que se nos presenta nas obras escolmadas por David Barro é unha reflexión sobre conceptos xenéricos: as ligazóns entre creación, produción e proceso, por medio de creadores dos últimos cincuenta anos, aínda que se expoñen tamén obras e autores anteriores que completan o sentido do exposto ao abriren diferentes liñas de lectura.

Título: Colección Fundación DIDAC

Comisario: David Barro

Local: Fundación DIDAC, Santiago de Compostela

Até o 12 de abril de 2020

Galicia como punto de partida

  • Programaticamente, o proxecto da Fundación DIDAC ten como cerna argumental Galicia e remite aos obxectivos do Laboratorio de Formas, creado nos anos sesenta por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane e ligado ao proxecto de Sargadelos, que pretendía dotar o noso país de institucións con capacidade para abrir novos traxectos interdisciplinares de investigación para a arte e o deseño. Un sentido que se complementaba coa recuperación da memoria, todo concibido para servir de elo entre a modernidade da época e a tradición e historia de Galicia no ámbito do creativo. É dicir, un diálogo entre unha tradición claramente nacional e unha vontade de universalidade, mais tamén un diálogo por riba dos límites temporais, co compromiso de transmitir ese coñecemento, proxectándoo e renovándoo. De todos os xeitos, e volvendo ao fío expositivo, o resultado do presentado na mostra da Fundación DIDAC é un interesante mosaico de certos aspectos do deseño contemporáneo, abundando nela as imaxes en diálogo; os espazos de vida e traballo como marco relacional e creativo e as referencias temporais ao pasado e futuro. A exposición permite, ademais, percibir a multiplicidade do deseño e a súa relación coa creación artística, mesmo cando determinadas obras alteran as esperadas convencións en canto ao seu uso, posiblitando neste terreo novas perspectivas. O mesmo acontece cando cuestionan os valores de estabilidade e inmobilidade do deseño tradicional, dominando neles a fugacidade, lixeireza, a levidade como valor formal e conceptual ou cando na obra se esvaece a relación forma-función como conformadora da modernidade, salientando a pluralidade de uso. En resumo, unha "obra en marcha", aberta a múltiples expansións argumentais, ligazóns conceptuais e lecturas abertas.

Compartir el artículo

stats