Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

En Tagen Ata

Historias da nación

Tagen Ata sobre as táboas, no espectáculo realizado polo Teatro do Noroeste.

Retorno a Tagen Ata é o título dunha novela ben coñecida de Xosé Luís Méndez Ferrín que publica en 1971 Edicións Castrelos. Tagen Ata será o título dun espectáculo que estrea en 1990 a compañía Teatro do Noroeste, creado a partir dunha dramaturxia que Eduardo Alonso e Manuel Guede realizan da dita novela, e que dirixirá Alonso. Na peza, actuaban, entre outros, Inma António Souto e máis Miguel Pernas, que encarnaban a dous dos principais protagonistas da trama, Ulm Roan, dirixente do movemento nacionalista azerrata, e Rotbaf Luden, unha moza solteira de vinte e tres anos que chega do exterior para tomar contacto coas forzas da resistencia que naquela Terra se tiñan organizado para combater o dominio secular imposto polas xentes de Terra Ancha. Trinta anos despois daquela importante novidade teatral, chéganos agora o texto do espectáculo, editado por Edicións Positivas na súa colección "Diteatro".

A novela de Méndez Ferrín, que en 1987 volve publicar Edicións Xerais de Galicia, constaba dun total de nove apartados de diferente feitura, nos que domina o relato en primeira persoa de moza de nome Rotbaf. Pode entenderse como unha alegoría verbo das loitas de liberación nacional, e na que, desde o acontecido coas nacións, linguas e pobos que sobreviviron ou se desenvolveron despois da caída do imperio Len, se mostra un fito transcendental na historia recente de Tagen Ata. E cando dicimos Tagen Ata podemos dicir Galicia, e entón podemos recuperar parte do acontecido nos anos sesenta cando o nacionalismo galego se fragmenta entre os posibilistas e os que entendían que outras loitas, máis radicais, eran necesarias.

Calquera persoa que teña vivido aqueles anos ben podería poñerlle nome a algúns dos personaxes que asoman pola novela, identificar a procedencia real dalgunhas das frases que conteñen o ideario político do dito Ulm Roan ("é preciso darlle prioridade ao espírito"), e igualmente explicar fitos transcendentais do nacionalismo galego naquela altura, moi especialmente certas quebras e rupturas. Nesa dirección, malia que o propio Méndez Ferrín semella ter dito que se trataría dun panfleto literario, poderiamos pensar que estamos diante dun documento con valor histórico, pois a cerna do relato de Rotbaf e as razóns últimas da súa causa poden identificarse sen maior problema con feitos acontecidos realmente. Sen esquecer a calidade literaria da proposta, que se enmarca no que se chamou Nova Narrativa Galega, que comezaría con textos prodixiosos, coma Memorias de Tains (1956), de Gonzalo Rodríguez Mourullo, ou Percival e outras historias (1958), do propio Méndez Ferrín.

Manuel Guede e Eduardo Alonso compoñen unha proposta de espectáculo que, de partida, se constrúe en modo narrativo, acompañando a palabra que se escoita polos altofalantes con escenas que se proxectan sobre un pano translúcido (imaxe que se esvae, como unha metáfora), e no que se vai debullando a épica da nación oprimida e a loita por manter o pulo da revolta, alternando o discurso mítico con algúns feitos históricos que serven para mostrar aquilo que en determinados sectores se considerou unha traizón. Mesturando o formato audiovisual coa presentación de escenas ao vivo, o texto resultante nesa dramaturxia afortunada ten unha clara dimensión documental, o que potencia a súa condición de reportaxe posible sobre a historia do presente, e potenciando a súa procura de obxectividade.

O texto vai precedido de dous interesantes proemios escritos por Inma António Souto e Miguel Pernas, que tamén serven para explicar moitas cousas e acontecementos do teatro galego nos últimos trinta anos, verbo do que se ten feito, arredor do que se ten construído ou destruído, lembrando ilusións e frustracións, ou cismando sobre ese camiño que non ten fin e que por veces parece que sempre nos leva ao mesmo lugar, camiño de ningures, a pesar de tanta paixón e teimosía. Como tamén pode ter acontecido no eido da política, pois ao mellor a nosa situación en ámbitos concretos é ben máis parecida é que viviron os primeiros rexionalistas, malia avances aparentes. Mentres, a grande fraga desaparece, sen posibilidade de retorno.

Relatos por contar

  • Na historia da nosa literatura, habería que facerlle un sitio á literatura traducida, para calibrar impactos, se é que os houbo. Igualmente ao falar da literatura dramática, non deberiamos esquecer ese campo das traducións pero tamén o das versións e adaptacións, diso que se chama comunmente dramaturxia, que torna dramático aquilo que non o é. De todo iso temos moitos exemplos xa, como aquel Percival que sobre textos de Méndez Ferrín constrúe Roberto Vidal Bolaño en 1983, ou o Tic-Tac que con textos de Suso de Toro presenta Teatro de Ningures en 1995, con dirección de Etelvino Vázquez. Hai tantos exemplos que con todos ben se podería armar unha boa historia que moito diría do noso teatro e dos que traballan coa palabra para compoñer historias. Nese universo por describir e presentar hai que destacar o traballo realizado por Eduardo Alonso e Manuel Guede, que desde hai ben anos veñen traballando man con man no campo da dramaturxia e da dirección escénica, como mostra o recente espectáculo Da Avaricia, a Luxuria e a Morte, feito con retallos diversos da obra dramática de Ramón María del Valle-Inclán. Mais se hai un traballo no que esa tarefa de recompoñer textos teña dado resultados excelentes, esta versión que agora presentamos constitúe un referente fundamental, moi especialmente en aspectos formais que teñen que ver coas formas de facer e refacer. Porque lendo esta magnífica versión un sente a necesidade de retornar ao texto orixinal, e ao facelo tamén se quere volver ao texto resultante. Así de boa é esta adaptación desa obra magna de Méndez Ferrín.

Compartir el artículo

stats