DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Signos dunha quimera

A ilustración de Cándido Fernárdez Mazas

Ilustración aparecida nas páxinas de El Combatiente Rojo (1937).

Ilustración aparecida nas páxinas de El Combatiente Rojo (1937).

O pasado 30 de xaneiro, coincidindo co aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, celebrouse o Día da Ilustración, dedicado esta ano a lembrar a traxectoria do pintor, ilustrador e escritor Cándido Fernández Mazas (1902-1942). No contexto desta homenaxe a Biblioteca de Galicia inaugurou unha pequena mostra bibliográfica -intitulada Cándido Fernández Mazas: signos dunha quimera- que se pode ver na Cidade da Cultura, en Compostela, até o próximo 10 de marzo.

Cándido Fernández Mazas seguiu, desde Galiza, un singular vieiro de ligazón coa arte internacional. Sobrancea polo seu traballo de ilustración en revistas e xornais como Alfar, Nós, Gaceta de Galicia, P.A.N. (Poetas andantes y navegantes), L a Zarpa, La Nueva España ou E l Pueblo Gallego e en libros ligados á vangarda galega da súa xeración. Cómpre tamén sinalar a súa activa participación nas Misións Pedagoxicas republicanas, para as que realiza decorados e bonecos para espectáculos teatrais. As obras súas, moi típicas da figuracion de entreguerras, salientan pola presenza figuras femininas, cun tratamento lineal moi delicado, completado con amplas zonas de cor de grande harmonía, "con cores que orixinan liñas" como defendía en textos de carácter teórico ( Fauves y Pompiers, 1929). Mozuela (1927, Deputación de Ourense), óleo significativamente pintado en París polo pintor ourensán, é un excelente exemplo.

Velaí un marco preciso en que situarmos unha obra que parte dun linealismo admirador do fauvismo coñecido en París, e do clasicismo da "volta á orde", e que acaba por configurar unha linguaxe que, vista coa perspectiva que o paso do tempo favorece, salienta pola súa calidade plástica, en que domina o debuxo de enorme precisión e rigor. Formalmente, a súa estética está marcada por unha opción pola síntese, aspecto chave e razón de fondo que explica o seu abandono do volume e e a súa actitude de denuncia sobre a fobia ao espazo baleiro que, segundo el, caracterizaba a pintura galega do momento. O seu será un modelo estético de ecos clasicistas, oposto ás ideas de celtismo atlántico dunha parte do nacionalismo galego, aos que cualifica de "dolmenistas", aínda que exclúe da súa crítica a figuras como Otero Pedrayo ou Risco ("Una recta en la cultura galaica", 1929).

A súa escasa e atractiva obra dos anos vinte e trinta transmite a intensidade vital, a pulsión dun tempo, unha pulsión con moito de refinado sensualismo, que resalta pola capacidade do pintor para se identificar co ambiente cultural e vital que lle tocou vivir. A figura humana e, en concreto, o nu, son os seus temas predilectos, tratados con grande estilización e decorativismo, non alleo aos influxos Art déco.

Debuxos de guerra

  • Durante a Guerra Civil, no bando republicano, Fernández Mazas utiliza a súa arte ao servizo da propaganda seguindo o ronsel dos seus achegamentos á crítica política realizados antes da Guerra nas páxinas dos xornais La Zarpa e El Pueblo Gallego ou La Nueva España. Desde Valencia, Fernández Mazas colabora en diversas publicacións, entre elas El Combatiente Rojo do POUM, diario que dirixiu outro galego: Eugenio Granell, que logo sería un coñecido pintor surrealista. Fernández Mazas ilustra tamén revistas como a anarquista Umbral (1937-1939), editada en Valencia e logo en Barcelona, e libros como Romancero de mujeres libres (1938) de Lucía Sánchez Saormil, unha escritora anarquista que foi dirixente da organización "Mujeres Libres" e compañeira de Cándido Fernández Mazas na revista Umbral. Os debuxos do pintor galego desenvolven en plena guerra dous tipos fundamentais de temáticas. Primeiramente adopta unha visión que recrea ambientes da sociabilidade na Valencia desa altura, capital da República: cafés, trens, espazos de lecer, mesmo con figuras femininas en traxe de baño, lonxe do terror da guerra, conservando o artista a lei ao seu estilo dun elegante e vistoso linealismo, unha joie de vivre que tamén é unha contribución desde o vitalismo á causa da liberdade. Así ilustra en Umbral tres relatos satíricos do escritor Jaime Espinar ("Vodka a las 7", nº 8; "El tren de las 8", nº 9 e "El domingo de los burócratas" nº 14), reproducindo escenas relaxadas da vida cotiá da retagarda, son historias onde se cruzan persoas diversas, entre eles burócratas trasladados do Madrid sitiado, máis preocupados polo ascenso do traballo, o baño do domingo ou o encontro no bar que pola sorte da República. Unha segunda temática é a que caricaturiza o militarismo golpista e a corrupción burguesa, representando os terratenentes, os banqueiros, a igrexa, a monarquía, os falanxistas, os xenerais sublevados ou as tropas africanas dos fascistas. Exemplos excelentes, publicados en 1937 no semanario do P.O.U.M El Combatiente Rojo, que dirixía Eugenio Fernández Granell, son "Trío de Reyes", onde representa a caricatura da igrexa, a burguesía e o exército con trazos afíns á ilustración xermana ou "¡Muera la inteligencia!", con Millán-Astray detrás dunha cruz.

Compartir el artículo

stats