DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gángsters e alcohol

Cen anos da Lei Seca

Gángsters e alcohol

Gángsters e alcohol

A experiencia demostra que abonda con prohibir algo para que resulte máis atractivo. Esta premisa non foi tida en conta cando o Congreso dos Estados Unidos aprobou, en 1917, a Emenda XVIII pola cal non se permitía a venda, importación, exportación, elaboración e transporte de bebidas alcohólicas. Non prohibía explicitamente o consumo pero tal circunstancia resultaría innecesaria ante a ausencia de calquera produto no mercado.

Esta modificación constitucional viña impulsada por sectores prohibicionistas, moitas veces opostos ideoloxicamente entre si. Así, o puritanismo relixioso dos primeiros territorios coloniais do Atlántico, nomeadamente Nova Inglaterra. De base calvinista, consideraba que Deus premia os virtuosos e que, por contra, castiga con vicios como o alcohol os que non merecen a salvación. Entre os activistas favorables á prohibición cómpre sinalar a Carrie Nation, impulsora do Movemento pola Temperanza.

Esta idea dos primeiros poboadores chocou coa chegada das grandes migracións do século XIX, especialmente as de base católica (xa que logo irlandeses). Ante a ausencia endémica de viño, o consumo era de bebidas de alta gradación, circunstancia que supuña importantes niveis de alcoholismo. Este castigo entre as masas traballadoras -que a máis de problema de saúde supuña unha drenaxe nos salarios- motivou que sectores de esquerda tamén se unisen á cruzada antialcohólica. Campaña que en Europa, tamén se daba e así, en Cataluña, temos a Josep Clavé e as súas corais obreiras para apartar os traballadores das tabernas.

En 1919 a emenda foi ratificada por trinta e seis estados, o que permitía que adquirise rango de lei federal. A chamada lei Volstead foi aprobada, incorporada á constitución e comezou a ser vixente o 20 de xaneiro de 1920. Malia a oposición que tivo, o certo é que nos anos seguintes o consumo de alcohol descendeu á metade, instalando uns certos hábitos de moderación. Porén, a demanda existía e aparte da destilación local (clandestinas e ás veces perigosa), a importación fíxose de contrabando desde Europa e o Canadá.

Os altos prezos que adquiriron as bebidas alcohólicas levaron a que se tratase dun negocio cunha boa marxe de beneficios. Por iso, en cidades con porto -como Nova York- ou veciñas á fronteira canadense apareceron grupos criminais dedicados ao contrabando. Negocio ilegal e con importante respaldo social e, obviamente, con ganancias que non podían aflorar de maneira regular.

Tal comercio supuña dominar áreas de clientela e de distribución polo cal a rivalidade entre as bandas levaba importantes actos de violencia dunha banda, e subornos a policías e gobernantes, doutra. Entre os gángsters que dominaron o negocio cabe salientar a Al Capone en Chicago. Nesta cidade Capone rivalizaba coa banda do North Side dos irlandeses Dean O' Banion, Bugs Moran e o polaco Hymie Weiss.

Cando Capone quixo eliminar a competencia irlandesa, non dubidou en vestir de policías a algúns membros da súa banda e simular unha redada o 14 de febreiro de 1929. Rendidos os do North Side e en espera de seren detidos, foron eliminados sen compaixón. Foi a chamada matanza do día de San Valentín. Estas ofensivas contaron coa utilización dunha nova arma de fácil manexo e gran potencia de fogo: o subfusil Thompson.

Nos anos da Prohibición proliferaron os bares e locais clandestinos cun carácter socialmente transversal: desde pseudotabernas nos máis diversos negocios a maneria de tapadeira legal ou en almacéns, ata locais de categoría con dobre capacidade: a legal e a clandestina.

En 1932, o candidato Franklin D. Roosevelt prometeu anular a prohibición se chegaba á Casa Branca. Non é que fose un tolerante do alcohol pero a desaparición deste dos mercados supuña unha importante perda de eventuais impostos, daquela necesarios para combater a Gran Depresión posterior á crise de 1929. En decembro de 1933, o Senado dos Estados Unidos aprobou a Emenda XXXI que deixaba sen efecto a prohibición. Quedou o alcohol e quedaron os capitais obtidos polas mafias, que pasaron a dominar outros sectores do lecer.

Compartir el artículo

stats