Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No corazón das lembranzas

Un poeta esencial

No corazón das lembranzas

Chega ás miñas mans Diario da Casa grande, último poemario dado ao prelo por Arcadio López-Casanova (Lugo, 1942), sen dúbida un dos autores esenciais na historia da nosa poesía. Desde Mesteres (1976) todas as súas obras -entre elas, Noite do degaro (1994), Herdo do canto (2006) ou As voces da máscara (2014)- veñen observar o mundo desde a pupila de quen padeceu os íntimos exilios. Velaí, pois, lonxe dos pais, lonxe do país, lonxe do lonxe até sentir a soidade ontolóxica e convocando, en consecuencia, o furor da saudade e mais a imprecación do abatido. Tamén asemade o regreso emocional ao fértil territorio da nenez.

Prolongando a súa peregrinaxe interior, o poeta lugués pisa nesta nova entrega o corazón das lembranzas. E faino sempre con tenrura, con anhelo e, como non podía ser doutro xeito, así mesmo coa carga da dor. Adentrámonos, entón, no escuro depósito dos recordos que nos levan ás casas que habitou e ás súas cicatrices.

Así, na sección "Pórtico", entre sombras fuxidías, entre humanas congoxas, na Casa Paternal, como se compuxese un visitante sonámbulo, o suxeito lírico escoita o seu pasado que se fai presente: "'Meu fillo, dime,/por que me abandonaches?', mais el cala,/cala o seu corazón pois sabe certo/que respostar non pode a esa pregunta".

Logo en "Presenzas" falan agora os familiares como máscaras do teatro grego, aquelas que, ocultando, mostran. Lemos, xa que logo, no estremecedor poema que termina: "Ai, ben o recordo agora,/entrei descalza dun pé naquel destino de luz,/si, naquela Terra do Alén que arelara!". Máis adiante, transitando xa polos versos de "Celebracións", o noso poeta rescata os gozosos ámbitos da infancia e da adolescencia para, a seguir e nesoutros que conformar "Revelacións", asistirmos despois á reflexión sobre os vestixios que fican cando a morte enche as moradas. Ou, mellor dito, cando os mortos veñen encher o espazo baleiro que o escritor evoca, sufocado pola presenza dos ausentes. Porque o exilio confirma unha ausencia que se fai presenza cando se retorna aos lugares amados.

Xa no "Epílogo" López-Casanova anota como as relembranzas asaltan o seu peito, o peito do poeta. E ocorre tal con patetismo de incendio, pois nel conviven ao tempo a felicidade e mais a tebra, o gozo e aínda os sufrimentos numerosos. E lemos daquela: "ai, perto estás, estás perto, -a onde volves?-/ai, ruína de pedras derrubadas na Sombra!". Aquí temos a sombra que nos ensombrece e, ao mesmo tempo, paradoxalmente nos ilumina.

LÓPEZ-CASANOVA, arcadio, Diario da Casa grande, Ed. Pen Club, Santiago, 2019, PVP. 18 ?

Compartir el artículo

stats