Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ars dedicandi

"Con todo o cariño para..."

Francisco Umbral (1932-2007).

A arte de dedicar libros é tan antiga como as propias obras literarias. Nos tempos do Imperio Romano xa Marcial, Horacio, Lucrecio, Cicerón ou Virxilio dedicaron textos seus na procura da protección e o favor dos mecenas, unha práctica que se estendeu durante toda a Idade Media, durante o Renacemento e aínda ata os tempos da Ilustración. Ao longo de todos estes séculos, os benfeitores dos escritores compartiron o protagonismo da dedicatoria con deuses, virxes e santos e non foi ata modernamente que estes textos cabezaleiros pasaron a ter un carácter máis persoal e privado.

En moitas das dedicatorias que lemos os autores poñen de manifesto algún tipo de recoñecemento intelectual, sentimental, institucional ou doutro xorne, ofrecendo, simbolicamente, o froito da súa escrita. Mais o certo é que existen moitos exemplos nos que a dedicatoria ten servido para fins ben máis singulares.

Un autor paradigmático no uso incisivo das dedicatorias foi o narrador estadounidense de orixe alemá Charles Bukowski. Na súa obra Servizo de correos puntualizou: "Isto preséntase como un libro de ficción e non vai dedicado a ninguén". Anos despois, na novela Pulp atreveuse cun: "Dedicado á mala escritura".

Entre os dedicadores curiosos existe un nutrido grupo de descridos. Velaí o polémico Francisco Umbral, quen cando publicou o seu Dicionario de literatura antepuxo ao texto: "Aos que non len dicionarios". Nesta mesma liña, un caso extremo constitúeo o californiano Tad Williams, creador da exitosa saga Otherland. No primeiro libro desta pentaloxía estampou: "Este libro está dedicado a meu pai, Joseph Hill Evans, con amor. En realidade, papá non le ficción, así que, se ninguén lle conta isto, endexamais o saberá". Na segunda das entregas continuou: "Este libro está dedicado a meu pai, Joseph Hill Evans, con amor. Como xa teño comentado, papá non le ficción. Aínda non se decatou de que isto vai dedicado a el. Este é o segundo volume. Imos ver cantos fan falla antes de que caia na conta". A terceira parte engadía: "Isto aínda vai dedicado a xa sabedes quen, aínda que non o saiba. Quizabes poidamos mantelo en segredo ata o derradeiro libro". Na cuarta parte sumou: "Meu pai segue sen abrir ningún dos libros, así que non, aínda non se decatou. Coido que vou ter que llo dicir. Quizabes debería de contarllo con delicadeza". E xa na quinta e última entrega concluíu con sorna: "Todos os presentes aos que nunca lles dedicasen un libro que dean tres pasos adiante. Alto, papá! Agarda un intre?!".

Outra sorte de escritores con orixinais dedicatorias confórmana os autorreferentes. Poderían aducirse moitos exemplos, mais abondarán agora un par deles. O primeiro corresponde a Babe Walker na súa obra Psicose: o libro dos problemas dunha rapaza branca: "Dedicado á persoa máis forte que coñezo: eu". O segundo deslizouno Enrique Jardiel Poncela nun libro de título abondo provocador: Pero... houbo algunha vez once mil virxes?, que acompañou desta dedicatoria: "A Enrique Jardiel Poncela, o meu maior inimigo, coa adhesión, a simpatía e o afecto de Enrique Jardiel Poncela".

Agora ben, se hai un perfil verdadeiramente temible entre os dedicadores este é o do clan dos polemistas. Velaí o está, poño por caso, o Camilo José Cela que na edición de A familia de Pascual Duarte de 1973 cravou o aguillón: "Dedico esta edición aos meus inimigos, que tanto me axudaron na miña carreira".

Non menos célebre foi o arrauto reparador do poeta E. E. Cummings, quen logo de rodar por toda parte cun seu libro que ía titularse Setenta poemas que non quixo publicarlle ninguén, pediu prestados a súa nai trescentos dólares e autoeditouno co novo título de Non, graciñas e unha dedicatoria na que figuraba o nome das catorce editoriais que rexeitaran a obra formando coas súas letras unha urna funeraria.

Vínculos familiares

  • Así e todo, penso que entre os máis intensos dedicadores están aqueles que aproveitaron para amosar os complexos vínculos que os unían coas súas familias. Tal fixo o escritor humorístico británico P. G. Wodehouse, quen ao publicar o libro de relatos O corazón dun parvo dedicoullo: "Á miña filla Leonora, porque sen a súa simpatía e estímulo inquebrantables tería rematado este libro na metade do tempo". E idéntica vivencia plasmou Joseph J. Rotman ao dedicar os F undamentos da topoloxía alxebraica: "Á miña muller Marganit e os meus fillos Ella Rose e Daniel Adam, sen os cales remataría este libro dous anos antes". De desencanto puro ten que se cualificar a decisión do poeta Rubén Bonifaz Nuño, quen cando xa tiña para entrar no prelo o seu libro O manto e a coroa, que ía dedicado á muller que amaba, ao saber que esta decidira casar con outro, mudou no último momento a dedicatoria que ficou nun: "Aquí debería estar o teu nome". Irónica lembranza tivo tamén Tobias Wolff ao publicar Vida deste rapaz, que se editou coa seguinte dedicatoria: "O meu padrasto adoitaba dicir que con todo o que descoñezo podería encherse un libro. Velaquí o está". E aínda nunha máis acusada deriva de crítica familiar pode amentarse a dedicatoria de Chelsea Handler en Chelsea Chelsea Bang Bang: "Aos meus irmáns e irmás. Vaia panda de imbéciles". Houbo tamén escritores en extremo atentos ás peticións, como o mexicano Juan José Arreola, quen no moi creativo Palindroma aclarou: "A dedicatoria suprímese a petición de parte". E é que dedicar ben é un dos maiores retos dun libro. Se non que llo digan a Antoine de Saint-Exupéry, autor da máis célebre das dedicatorias, a que abre O principiño, que comeza recoñecendo o veterano escritor Léon Werth, o seu mellor amigo, e remata por regalar o libro, luminosamente: "A Léon Werth, cando era neno".

Compartir el artículo

stats