Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O caso da Rúa Travesa, de Labiche

Unha versión de Fran Peleteiro

O escritor francés Eugène Labiche (1815-1888), sen dúbida un dos máis destacados creadores do xénero teatral do vodevil.

Alá polo 2006 Teatro do Morcego, a compañía do malogrado Celso Parada, presentaba un espectáculo que, con dirección de Xan Cejudo -quen tamén nos deixou-, traía á escena galega un texto dos máis importantes autores da literatura dramática francesa no século XIX e que ademais tiña contribuído de forma moi notable ao desenvolvemento dun modelo de composición que mesmo hoxe ten utilidades moi diversas nas liñas dominantes da creación audiovisual, moi especialmente naquelas en que a trama aparece moi marcada pola necesidade de manter ao espectador nun estado permanente de angustia ante o desenvolvemento dos feitos. Falamos do vodevil, que ten en Eugène Labiche (1815-1888) un dos seus máis consumados autores, e creador, con Marc-Michel (1812-1868) e Auguste Lefranc (1814-1878), da denominación Paul Landré, pseudónimo literario que os tres utilizaron para asinar os seus primeiros traballos en colaboración. Un modelo de peza dramática no que tamén se incluían números musicais, e que nos Estados Unidos de América derivou en teatro de variedades, pois eran moi variados os números que se presentaban nas escenas, desde a maxia e o ilusionismo á exhibición de animais ou persoas con diversidades varias.

Entre os trazos que mellor definen o vodevil na súa cerna literaria e francesa, e para alén do uso de cantigas aquí e acolá, temos como elemento central unha fábula integrada por un conxunto de feitos que provocan ora un enredo ora unha visión equívoca da realidade, pero tamén anuncian unha catástrofe. Así acontece en Un chapeu de palla italiana, traducido para o galego por Ana Luna e publicado na Universidade da Coruña en 2004 e 2014, onde a perda dun sombreiro, supostamente deglutido por un cabalo, ameaza por desbaratar o día máis fermoso na vida de Fadinard, aquel no que vai casar coa súa querida Hélène, pero tamén desvelar confusos amoríos, revelación que pode ser prexudicial para non poucas persoas. E así a procura do sombreiro acaba por crear unha manchea de situacións e accións que se superpoñen cun ritmo frenético, e cun tránsito procesional dunha manchea de xente, sen que asome unha solución ao conflito, que só abrollará no último lance, xusto cando a intriga semella máis inextricable e a catástrofe parece inevitable.

Labiche escribiu máis de cento e medio de pezas, entre as que está a que agora nos chega da man de Fran Peleteiro, publicada por Edicións DaCasa, e que xa tiña sido traducida por Henrique Harguindey para aquel espectáculo de Teatro do Morcego, editada por Laiovento en 2008 na colección "Cadernos de Teatro." Temos pois unha versión do orixinal, O caso da rúa de Lourcine, e agora esta nova versión que sitúa a acción en Santiago de Compostela, propoñendo un anosamento pleno da xeografía física, cultural e humana do texto que en francés se titulou L'Affaire de la Rue Lourcine (1857). Na peza Labiche contou, como era habitual, coa colaboración de Albert Monnier (1815-1869) e de Édouard Martin (1825-1866), cos que asina outros títulos.

Como se dixo, a esencia do vodevil reside en presentar situacións insólitas, imprevistas ou marcadas por algún incidente que sitúa os seus protagonistas ante un grave conflito. No chamado O caso da Rúa Travesa, Patiño esperta na súa cama acompañado dun carniceiro chamado Bastos, os dous sen pantalóns e sen saber o que aconteceu nunha noite de festa rachada na que compartiron aventura e na que semella que alguén foi asasinado, ao tempo que a muller de Patiño lle reclama un paraugas do seu primo Miguel, que Patiño tería levado con el na noite de farra. Finalmente todo parece indicar que tanto Patiño coma Bastos estarían implicados na morte acontecida na rúa Travesa, algo que non poden desmentir nin confirmar ao non lembrar nada. E a policía chega... Velaí un vodevil en estado puro.

Un modelo perfecto

  • Unha das cousas máis rechamantes do vodevil é o de posuír unha maquinaria precisa, que cando se sabe manipular adecuadamente, produce efectos magníficos, pois así se consegue que o lector ou o espectador non poidan deixar de querer saber o desenvolvemento dos acontecementos e o desenlace dun enredo imposible que se vai argallando utilizando moi poucos recursos, pero moi efectivos. E ao remate descubriremos que a causa dos males todos que ameazan a nosa existencia, acaba por ser unha mirada incompleta ou equívoca á realidade na que vivimos, trasladando unha interesante lección para os tempos que andamos, nos que adoito nos afogamos nun vaso de auga, mesmo que saibamos nadar. Filosofía popular. En ocasións o vodevil supuxo unha dura crítica social aos usos e costumes da burguesía máis dada a replicar o espectáculo das aparencias propio da casta aristocrática, seguido a estela marcada por Molière no seu Tartufo (1664), ou por Beaumarchais en As vodas de Fígaro (1778). Aínda que buscando outros antecedentes teriamos que chegar aos chamados "mimiambos" nos que destacou o alexandrino Herodas no terceiro século antes da nosa era ou Plauto, un dos comediógrafos máis notables en todos os tempos, que escribe dous séculos antes da chegada do Mesías. Un modelo que segue vixente milenios despois, por explorar onda nós, e máis aínda se reparamos nos tempos que vivimos e nos seus personaxes todos. Tráxico vodevil.

Compartir el artículo

stats