Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No arquipiélago das tertulias

Eugenio Montes, desgarrado e excéntrico

No arquipiélago das tertulias

Juan Manuel de Prada, autor brillante nas actuais letras hispánicas, ofrécenos un libro ( Las máscaras del héroe), acompañado dun complemento ( Desgarrados y excéntricos), que narra as falcatruadas de seres atravesados polas vangardas. Adestrador de imaxes e metáforas, poderosas coma son de volcán insular, Prada relátanos a vida de ritmo desenfreado facendo que o grosor da novela se converta en papel de fumar. Así, en Desgarrados hai biografías nas marxes da bohemia, pero con dons insólitos e disparatados. De entre elas, xorde, entón, a sombra -de corpo espirgado e rostro lonxincuo, coma de nube elástica- de Eugenio Montes. Un ghicho, pois ser é de Vigo malia criarse dende idade impúbere en Bande, que flirteou coa literatura das vangardas transgresoras e puxo en galego letras literarias. Tamaño intelectual foi quen de evoluír, coma un asubío que escapa dos beizos, até traspasar as fronteiras feixistas e acudir en primeira hora, resolto e unido a Primo de Rivera (junior, non o senior), para fundar Falange Española.

A vida de bohemia foi en Madrid unha rotonda de extravagancias. Había mitocondrias regadas en alcohol, células malabaristas de substancias psicoactivas ou funambulistas por riba de repisas á beira do tren ou en pontes esvaradías. O sexo incluía a sedución por enfermidades venéreas como parte dun límite da vida, coma quen xoga co tambor do revólver e unha soa bala. Porque, certamente, mobilizar os circuítos sanguíneos dun falo coa posibilidade de contaxiarse de sífile é para min, e agardo que pra a maioría, pouco estimulante.

Montes, Eugenio, aparece, pois, nalgunha escena de Máscaras e podía ocupar capítulo en Desgarrados. No Café Europeo (espazo inspirador de La colmena de Cela), con azulexado de nicotina e bafo carca, gastaba horas entre charlas e notables balbordos que vivía ao carón de Jardiel Poncela ou César

González-Ruano, cando non á beira de Sánchez Mazas ou Ridruejo, patas negras do feixismo español. Pero Montes era máis recatado, se cadra polo peso moral do catolicismo que lle limitaba sob medo da pauliña, pero non por iso ausente no proselitismo de Falanxe. No Colonial chuchou, coma fai un becerro das cochorras matriciais, da voga ultraísta que difundían Cansinos Assens ou Guillermo de Torre. Tamén tivo tempo, que as horas eran eternas, para parolar con Gómez de la Serna no Pombo. Custa imaxinar o perfil de Montes traspasado aos ambientes literarios, algo sabichóns, de Madrid, inicio e fin da cultura para toda mente atrofiada.

As inquedanzas, insubmisas, xuraban no seu corpo. Andaba pola Residencia de Estudantes, Ateneo, La Ballena Alegre ou Revista de Occidente, de Ortega Gasset (titor da súa tese). Era un tipo curioso, gran lector, amante do saber: "Me gusta la pedantería". Compartía voz con adversos, coma Alberti ou Lorca, quen lle dedica un poema de Cante jondo cos versos iniciais: "Van cien jinetes enlutados?". Traballou para ABC Europa adiante: na Alemaña nazi e na Italia de Mussolini, a quen admiraba máis ca o primeiro. Escribiron, que eu o lin nalgures, que Montes tiña no salón da casa unha imaxe do Duce dedicada, de letra manuscrita. En ambos países levou de ganchete, por prazas e travesías, Primo de Rivera nunha tourné de estimulación ideolóxica.

A relación galaica chega con Vicente Risco, mascarón do vangardismo de noso. Esta conexión explica a participación de Montes en Nós, La Zarpa ou El Pueblo Gallego. Puxo en galego Estética da muiñeira e redactou algúns contos

Hai cen anos distribuíase o manifesto Ultra. Entre os pioneiros estaban Cansinos, Torre e Xavier Bóveda, oriúndo de Celanova que está á carreira dun can de Bande. Porque naquel arquipiélago de tertulias, coma escribiu Montes, estaba a maior universidade cultural. E alí, formado á calor do ultraísmo e prendido polo hilozoísmo, Montes deixounos poemas para lustrar a literatura galega. Un título de exemplo: Versos a tres cás o neto (1930). Léano para coñecer o vangardismo alén de Manuel Antonio, Cunqueiro ou Amado Carballo.

Compartir el artículo

stats