Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Retornar a Troia

Da Historia ao Mito

Heinrich Schliemmann (1822-1890)

Non sería casualidade que o berce da literatura europea sexa a cidade de Troia e mais a guerra que padeceu. Situada estratexicamente na cosa occidental de Anatolia, tratábase dun dos elos nas rutas marítimas que desde Oriente percorrían o Mediterráneo cara a Occidente, importancia xa recollida nas crónicas hititas coetáneas á guerra que a fixo famosa. As súas ruínas foron escavadas por primeira vez en 1871 por Schliemann, quen espoliou o chamado tesouro de Príamo, depositado en Berlín e levado a Moscova polos soviéticos en 1945.

Recentemente, investigadores turcos veñen de descubrir uns restos que pertencerían a un nivel anterior á chamada Troia I (que tería nove niveis máis por riba), o que situaría a súa existencia hai cinco mil quiñentos anos, seis séculos antes do que se pensaba ata agora. E aínda queda por estudar o nivel máis recente, a da etapa bizantina, recoñecía Rüstem Aslan, da universidade de Çanakkale.

A cidade cantada por Homero na Ilíada non sería tan importante como a mitificación posterior que presentou. Na guerra que contra Troia tivo lugar no século XIII a. C., aínda non se sabe con certeza quen foron os atacantes. Na xénese do mito hai dúas fontes: a mitolóxica grega, que estableceu que os fundadores da familia real troiana foron Zeus e Electra, e a literaria (cincocentos anos despois), con Homero e a Ilíada e a Odisea, que cantaron os heroes que participaron e morreron naquela contenda. Xa en época romana, Virxilio, coa Eneida, deulle un eco que fixo universal o mito de Aquiles, Héitor, Paris e Helena.

O principal herdeiro literario daqueles cantares épicos foi Ulises, con obras tan diversas como os famosos poemas de Joachim du Bellay "Feliz quen como Ulises, fixo unha boa viaxe" e de Kavafis "Camiño a Itaca", ou a novela de Joyce, Ulises. E derivado da poema homérico, a lenda das sereas, entre outras. E xa nos nosos días, o concepto "troiano" aplicado a quen -como fixeron os gregos co cabalo de madeira- é capaz de entrar nun ordenador persoal alleo.

No Museo Británico vén de inaugurarse (deica marzo de 2020) a exposición Troia, mito e realidade, a máis importante feita ata hoxe no Reino Unido sobre o asunto. Percorre, co punto inicial nas escavacións de Schliemann hai cento cincuenta anos, desde o cabalo que permitiu a entrada de soldados gregos na cidade sitiada, e a Troilo e Cresida, ata a visión que dos feitos fixo Hollywood. Papel importante teñen os heroes, especialmente Aquiles, o mellor deles. E por iso estivo presente na escultura na cultura greco-romana e, séculos despois, nas manifestacións que se basearon nela (Renacentismo e Neoclasicismo): como mostra, velaí a figura de Albacini Aquiles ferido. Pero na construción dos mitos foron elementos fundamentais as reaccións humanas. Así, a petición do rei Príamo feita a Aquiles para recuperar o corpo do seu fillo, ao que o heroe accede, co cal lle son restaurados a compaixón e a humanidade, acción representada por unha copa romana de prata.

Pero se nese estudo dos comportamentos humanos cabe salientar a astucia de Ulises, que combate as súas esperanzas e os seus medos, non podemos esquecer que o detonante da guerra de Troia foi unha muller, Helena, levada a Troia por Paris. Alén da súa condición de aparente botín e de sedutora temida, chegou como esposa do seu raptor. E na exposición, como personaxe con vida propia, Helena está presente co cadro Xuízo de Paris (despois de Rubens), de Eleanor Antin, cunha visión que revisa o papel pasivo que sempre lle foi atribuído e que agora troca falando con voz propia, na montaxe Odisea de Helena (2007).

Revisar a guerra de Troia -con independencia da falta de historicismo que teñan os poemas homéricos- é analizar -e nunca acabaremos- os comportamentos humanos, incluso por parte daqueles que, como Aquiles, estarían dotados dunha dimensión divina, mitolóxica. É comprender que os amigos de hoxe poden seren inimigos mañá, e que os adversarios tamén sofren, rin e senten coma nós. E niso fundamentan, precisamente, a grandeza e mais a permanencia das obras de Homero.

Compartir el artículo

stats