Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Obxecto entre suxeitos

Na misteriosa velocidade do silencio

Obxecto entre suxeitos

A herba de namorar, o último volume publicado por María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976), reúne os poemas seleccionados pola autora desde a publicación de O estadio do espello (1998) até Soños. Arquivos.Cartas (2018). Trátase, entón, dunha antoloxía persoal onde conviven moitas velocidades, moitos incendios, ningunha posesión. Porque a poeta sabe que o poema é un obxecto entre suxeitos (unha especie de noite anterior ao día), como unha flor se ergue para que en nós se acenda a idea suave da flor extraída de todos os ramallos (de aí que a poesía sexa unha linguaxe en estado de nacemento, como quería Manuel Gusmão), mais tamén un fogo en anunciación e, en simultáneo, unha queimadura na entraña. Por último, a poesía rouba á música o seu dicir humanamente aéreo, con vontade de se desatar do tempo e instaurar un outro tempo fóra da rotina do ar e da cadea das horas.

De todo isto atopamos nesta extensa escolla que debemos saborear vagarosamente. Pois se demoramos nela acabaremos morando nos seus versos: "E aquí, xa non na carne nin nos días, aquí, na fin/do amor, que é o único comezo posible do amor,/aquí e en ningún outro lugar nos encontramos". É así que atopamos que a artista edifica con ar (con sopro articulado) a habitación do mundo, a súa habitación. Por iso o que aquí acontece é sempre froito do dicir, madeixa de metáforas que tecen ese aquí transmitido en fulgores: "O millo gaña peso en vertical/e a suor perde o medo no meu corpo".

A poesía ensina a caír nas cousas que nos transportan (e nas cousas que nos importan). Algo que se pode sintetizar nos versos que un día comentei (e louvei) desta escritora: "Hai encontros que duran unha vida/e hai conversas que fan que a vida se deteña". Un verso, un bo verso, fai que a vida se deteña e que ese instante dure o mesmo que unha existencia (e durante un existir), como acontece na cantiga CIII de Afonso X, o Sabio. Pois quen demora se namora. Como a herba que docemente se remexe na misteriosa velocidade do silencio.

CEBREIRO, María do, Aherba de namorar, Ed. Galaxia, Vigo, 2019, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats