Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pola Vía Mariana

Camiños de peregrinaxe

Casco, leme e vela da barca de pedra na que viaxou a Virxe María: a pedra de abalar onde o santuario de Muxía, na Costa da Morte.

"Os camiños da terra galega senten cada ano o paso un tanto inquedo e o agudo troupelar dos romeiros" que viaxan moitas leguas para cumprir unha oferta ou rezar unha pregaria. Velaí a axeitada descrición da nosa xeografía escrita polo profesor Antonio Fraguas no seu libro Romarías e santuarios (1988).

O apóstolo Santiago é o eixe vertebrador da maioría das rutas de peregrinación que na actualidade atravesan Galicia: os camiños de Santiago francés, do norte (pola costa e primitivo), mozárabe, portugués (pola costa e polo interior) e inglés, todos eles con destino en Compostela, a cidade na que se conserva o sepulcro no que a lenda di que se atopan os restos do apóstolo traídos dende Palestina polos seus discípulos Atanasio e Teodoro; tamén dende Santiago, a modo de prolongación do camiño, segue unha ruta a Fisterra, onde se atopaba unha ara solar que o propio Santiago destruíu coas súas mans e que foi substituída por unha igrexa románica anos despois.

Con todo, en Galicia existen outros moitos santuarios aos que acoden todos os anos millares de romeiros e que deron orixe a importantes festas populares, nas que se combinan lendas, crenzas e tradicións vencelladas ao santo ou a santa, como os ritos de invocación da choiva ou do sol no monte Aloia de Tui ou a romaría dos salvados de morrer en honra de santa Marta en Ribarteme ou as romarías na honra de san André de Teixido ou do santo Cristo de Fisterra.

A vía mariana: Existe, polo demais, un culto mariano que percorre toda a xeografía galaico-portuguesa e que é herdeira dunha tradición precristiá que se pode facer chegar aos cultos de fertilidade e das deusas nai do Neolítico. Velaí están os ritos de fertilidade na praia da Lanzada e as pedras furadas na Pastoriza ou as fontes que brotan por desexo da virxe, como a do monte Faro, ou os desexos concedidos pola Virxe de Cristal.

Precisamente para recuperar a vella devoción mariana, esquecida tras unha activa promoción institucional das peregrinacións xacobeas, dous veteranos da recuperación de rutas en Galicia e Portugal, Luís do Freixo e José Antonio de la Riera, presentaron unha nova vía: a vía mariana, que pretende conectar algúns dos máis importantes santuarios marianos de Galicia e do norte de Portugal que xa contaban coas súas propias rutas e nos que aínda está vivo o culto á Virxe e ancestrais cultos ás pedras e as augas. Neste sentido, o itinerario proposto, alén de recuperar vellos camiños rurais, busca dinamizar o gran 'deserto verde', que é o abandonado rural da vella Gallaecia, no que se conserva unha gran riqueza etnográfica, arqueolóxica e artística, alén de ecolóxica.

A vía, que consta de 17 etapas, parte do santuario de Sameiro, o gran centro mariano de Braga, para continuar por Goaes, Ponte da Barca e Soajo até chegar ao santuario da Nosa Señora da Peneda, atravesando rutas ben establecidas do Parque Nacional da Peneda-Gerês. A seguinte parada, logo de cruzar o Miño por Melgaço, é o santuario da Nosa Señora da Franqueira, a onde se ascende seguindo os camiños que seguen os cursos dos ríos Deva e Calvos. A ruta segue polos ríos Tea e Alén e logo de percorrer o camiño dos arrieiros, detense no santuario de santa Mariña de Augasantas, ao que se chega logo de cruzar o río Lérez. O seguinte alto é o santuario dos Milagros de Amil e, logo, seguindo o curso do río Valga e cruzando o río Ulla pola Barca, a onde chegaran Atanasio e Teodoro co corpo do Apóstolo, se chega ao santuario da Virxe da Escravitude, tamén relacionado con augas milagreiras e, xa en Santiago, a Belvís, onde se rende culto á Virxe do Portal, situada nunha capela enriba dunha fonte. O último treito leva á meta do camiño: o santuario da Nosa Señora da Barca, en Muxía.

As barcas de pedra

  • Conta a lenda que Santiago Bonaerxes, un día que estaba contemplando o mar dende algún lugar da fin do mundo, viu chegar unha barca de pedra na que viaxaba a Virxe María, quen viña coa intención de darlle azos na súa tarefa evanxelizadora. De volta a Palestina a Virxe viaxou polo ceo, deixando naquelas terras muxiás, como testemuña permanente da súa visita, as tres pedras das que se compuña a barca: o casco, o leme e a vela, convertidos na pedra de abalar e mais na pedra dos cadrís, que teñen propiedades curativas, adiviñatorias e mesmo fecundatorias. No imaxinario colectivo galego, ademais, existen tamén outras barcas de pedra: a barca na que os santos Atanasio e Teodoro trouxeron o corpo decapitado do seu mestre, o apóstolo Santiago, quen regresara a Palestina logo de predicar en Galicia; a barca na que chegou san André á nosa terra e que se converteu en illa ao chegar aos pés da serra da Capelada, a illa da Barca de Santo André; a imaxe do santo Cristo chegou tamén ás terras do fin do mundo nunha barca de pedra á deriva que a marea trouxo á praia. As barcas de pedra teñen unha orixe prerromana pagá que se pode identificar nas fisterras atlánticas (Galicia...), nas que o alén era unha illa situada mar dentro ao que se chegaba nunha barca de pedra, que servía de vencello coa terra.

Compartir el artículo

stats