Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da amnesia de Clío

Ópera, transversalidade, moda

Da amnesia de Clío

O compositor Fernando Buide del Real (Santiago de Compostela, 1980) vén de presentar o seu último traballo en Galicia: A amnesia de Clío é unha ópera en tres actos que conta con libreto de Fernando Epelde e dirección escénica e escenografía de Marta Pazos. A Real Filharmonía de Galicia estivo dirixida por Paul Daniel. O rol feminino principal, Clío, foi interpretado pola soprano Raquel Lojendio. A ópera contou asemade co barítono Sebastiá Perís, no rol de George W. Bush, e da mezzosoprano Marina Pardo nos papeis duplos de Merkel-Zimmerman. O Orfeón Terra Nosa estivo dirixido por Miro Moreira. O vestiario foi creado por Pier Paolo Alvaro; a coreografía de Rut Balbís estrutura a continuidade entre escenas, que aparecen ensartadas coa actuación dos bailaríns Diego Buceta e Fran Martínez. Trátase dunha produción de Voadora que tivo de contar co apoio dunha panoplia de institucións para poñerse en escena (Consorcio de Santiago, Real Filharmonía de Galicia, Xunta de Galicia, Asociación de Amigos de la Ópera de Santiago). Esta imperativa integración de esforzos evidencia a complexidade e dificultade de representar ópera.

O título da obra -de irónica tranversalidade postmoderna ou mesmo hipermoderna- incorpora a forma narrativa e non soamente poética. Clío é a musa que leva, como atributos, loureiros na testa, instrumentos musicais e un libro de historia, escrito por outro Tucídides, o historiador grego, nas mans. Representa a universalidade e ubicuidade da historia.

A Clío desta ópera confróntase ca paradigmo masculina do poder sen deixar de ser inspiradora para o artista. Na súa posmodernidade, compositor e libretista pensaron mesmo en convocar o espírito "jeffkoonsniano" da actriz, musa e política Ilona Staller Cicciolina. Fronte a ela xorden os "homes borrosos", aqueles heroes da guerra de Irak que un ex presidente George W. Bush en senectude retrata con maníaca reiteración. Velaquí o nodo deste melodrama, logo temos de describir outros recursos intrínsecos na narrativa do espectáculo. A ópera ten escenas íntimas como no Brokeback Mountain de Charles Wuorinen. E ten na alegoría que se acada coa escenografía, os traxes e as coreografías, un elemento narrativo axial que evoca a outra obra que é da preferencia do compositor, La Conquista de México de W.Rihm. Quen escribe estas liñas atopa relación, ademais coa J.F. K. de David T. Little e con The Perfect American de Philip Glass polo emprego de época e protagonistas contemporáneos, o tratamento de cuestións políticas, os mitos universais e o hieratismo nas coreografías

Hai na partitura un estilo neoclásico con formas liberadas dos extremos das vangardas e, de certo, escoitamos abstraccións pero atendemos sobre maneira a un equilibro entre as formas do arioso e do recitativo ou formas faladas. Hai excelencia nos corais, nas formas orquestrais e hai claridade na dicción, o cal é unha peculiaridade da ópera contemporánea. O recurso a versos con textos numéricos ou vocativos non fai senón incidir na simbiose entre texto e música. Mesmo até facernos sentir un certo serialismo musical que, por mor doutros efectos evoca a Peter Greenaway e as súas liaisons musicais con Wim Mertens, Michael Nyman.

No discurso alegórico da ópera aparecen a pintura de Artemisia Gentileschi cunha visión dun cadro Susana e os vellos. Tamén se poden ver uns Raptos e a Venus de Tiziano e Tintoretto (se non è vero è ben trovato). Hai unha cita a Edward Hopper na concepción da escena e gravita sempre o espírito da estética camp explicado de xeito tan clarividente pola filósofa Susan Sontag no seu texto Notes on Camp do ano 1964. Asemade rexistramos recursos de simetrías nos bailaríns, de formación militar no coro, de delirantes vestiarios, de emprego da cor vermella e, en fin, do recurso á estética cowboy e ivy league.

A ópera A amnesia de Clío tivo tres representacións en Santiago, A Coruña e Ourense, ademais dun ensaio xeral con público e vestiario na véspera compostelá. Trátase dunha deliciosa creación musical e unha folie escénica brillante que nos permitiu por catro noites formar parte das sólidas pilastras de cultura de vangarda internacional.

Vestir as musas

  • Entre os recursos creativos empregados cómpre subliñar o do vestiario creado por Pier Paolo Alvaro: así, a heroína viste de cor vermella con perruca loura; noutra escena aparece en crepé de gasa de seda cunha bata de azul nube. Aínda xorde asemade como bailarina en puntas e tutú, cun tocado caprichosamente oriental, ruso ou chinés evocador dos espectáculos de Diaghilev. En fin, sae pretendéndose espida nunha faixa nude que cita a Jean Paul Gaultier ou envolta nunha serea para asistir a unha puxa de arte noutro momento no cal se acompaña do coro, vestido este en estilo ecléctico pero constantemente sofisticado, con lazos, turbantes, xastres e glamour. Xélida, hierática, rubrica a representación entronizada nunha escena final que a envolve en azul Klein. Esa composición última sitúa no centro, entre nubes barrocas, a Clio cuberta dun manto azul como una fantasía celestial de Thierry Mugler. A cada lado, os outros personaxes principais en roupas de estilo mad men e folies de uniforme. O coro asemade vestido unhas veces en xastre outras en uniforme. É como se fosen dúas gornicións dunha cornixa haussmaniana, velaí os dous bailaríns espidos arrastrando metros de tecido en papel branco a modo de nubes enmarcando o coral final.

Compartir el artículo

stats