Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sport e Política

Andrés Rodríguez Barbeito, xornalista

A redacción de Céltiga (1926). Na fila de pé, Barbeito é o terceiro, comezando pola esquerda.

No comezo ninguén sabe onde chegará. O único certo é a morte, "azar inevitable" que definiu un pesaroso escritor, cuxo nome non lembro, pero que de certo foi louvado por Aquilino Iglesia Alvariño (excelso poeta!) nalgunha nenia. Os nosos paisanos, de proverbial sabedoría e intelixencia milenaria, dínolo ao seu xeito: "Mortos estamos, só nos queda enfriar".

Hoxe resucitamos nestas crónicas de Lázaro (érguete e anda!) a Andrés Rodríguez Barbeito. Rescatámolo das marxes da historia de Vigo por onde deambulan ghichos de vidas e contributos excepcionais.Trátase dun vigués nado no fatídico 98 (fatídico para España, fosforescente para Cuba) que, aínda pícaro, emigrou a Bos Aires. Aprendeu letras, que é un dos seguros da vida, e fixo delas un oficio.Foi, entón, reporter de crónicas futbolísticas ou puxilísticas en FARO DE VIGO e Céltiga. Esta revista foi senlleira en América por contidos, deseño e colaboradores coma Blanco-Amor, Suárez Picallo ou Eliseo Pulpeiro: unha tríade republicana, nacionalista e de esquerdas que é o trespés, nesta Galiza con pulso, dunha corrente de pensamento enraizada séculos atrás e vizosa coma a fontenla de Rande.

Barbeito retornou a Vigo en 1926, onde foi fundar Sprint, periódico deportivo, impreso nas máquinas de FARO. O cabezallo foi dos primeiros deste tipo no hinterland atlántico e, coma hoxe, o fútbol ocupaba case a metade das follas. Neste tempo ingresa, co nome de "Pi i Margall", nunha das loxas masónicas da cidade.

A República alborexa. Andrés fixa residencia en Madrid. Colabora con Crisol e Luz, publicación dentro da constelación de Ortega y Gasset e da Agrupación al Servicio de la República, que integrou vigueses coma Gómez Román ou González-Pastoriza. Voga, daquela, polos ambientes de aroma socialista. Aparece como redactor de Avance que, editado en Oviedo sob a dirección de Javier Bueno (fusilado no 39), chegou a acadar cifras de distribución, dentro de Asturias, inimaxinables: 25.000 exemplares diarios. O impulso dáballo o Sindicato de los Obreros Mineros, adherido á UXT; o sostén económico recaía no PSOE.

A prensa realizaba importantes funcións organizativas e político-ideolóxicas. Por iso, cando a revolución de 1934, foron por eles. Andrés é detido. A Asociación de la Prensa de Madrid axiña mobiliza plumas e manifestos a prol da súa liberdade. Ceibárono ante a falta de probas. Luis de Araquistáin impulsa Claridad, portavoz da fracción esquerdista do PSOE liderada por Francisco Largo Caballero. Andrés R. Barbeito, militante do PSOE e da UXT, será redactor. Atrás quedou a prensa deportiva para deixar paso á prosa política. Durante a guerra, Claridad pasaría a ser o órgano da UXT, e aínda o é na actualiade,

Julio Aróstegui, autor de Francisco Largo Caballero. El tesón y la quimera (biografía con acenos haxiográficos narrada en case un milleiro de páxinas) relátanos a chegada de Largo á presidencia do Goberno, que leva canda el ao noso protagonista, como responsable de prensa. Por certo, que no libro descubrimos que o primoxénito de Largo Caballero, de nome Ricardo, foise vivir a Monforte de Lemos tras saír da cadea e alí disque morreu.

Andrés R. Barbeito marchou a Santos (Brasil) en xaneiro do 37 co cargo de vicecónsul (a carón de Julio Álvarez del Vayo, futuro fundador dos FRAP), favorecido polo seu saber da lingua galega. No chan do pau-brasil tivo unha actividade intensa con conferencias, artigos ou fundando centros republicanos. Denunciou asemade a ditadura de Vargas e pelexou cos franquistas até rematar expulsado, sospeitoso de comunista e vítima da traizón, en novembro do 37.

Derrotado, comezou o periplo do exilio (Panamá, Estados Unidos, México, Guatemala), indo recalar en Bos Aires. Alí mantivo o oficio de xornalista, escribindo en Opinión Gallega, de combustión nacionalista, dirixida por Rodolfo Prada e próxima a Castelao. Ao mesmo tempo, colaborou na radio en programas coma "España eterna" ou "Galicia en el aire". En fin, a morte foino apañar por volta de 1968. Mais a súa memoria permanece.

Compartir el artículo

stats