Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con O home traveseiro

Arredor do teatro de Martin McDonagh

Martín Mc.Donagh. Foto: Aitor Uve

Con Sarah Kane, debbie tucker green (sic.), Mark Ravenhill, Nick Grosso, Jez Butterworth, Rebeca Prichard ou Alex Jones, Martin Faranan McDonagh (Londres, 1970) forma parte dunha das máis importantes xeracións da literatura dramática británica, que emerxe con forza ao longo nos anos noventa do pasado século, conformando o que Alex Sierz ten denominado I n-Yer-Face Theatre, unha etiqueta que nin todos nin todas aceptan pero que ten collido pulo entre a crítica. Moitos dos textos que conforman o movemento foron presentados por vez primeira no Royal Court Theatre, un espazo que ao longo de toda a segunda metade do século XX ten promovido unha importante renovación da escrita dramática. Así, presentou na escena a obra de autoras e autores que configuran xeiras sucesivas e moi notables das letras británicas, como poidan ser John Osborne, Shelagh Delaney, Caryl Curchill, Sarah Daniels ou Andrea Dunbar. A nómina é tan impresionante coma o traballo desenvolvido por ese dinámico viveiro das letras. Un exemplo a seguir, tamén en Galicia.

As pezas de McDonagh, non obstante, non foron estreadas, de primeiras, no Royal Court, senón en Irlanda, país de onde procedían seu pai e súa nai, inmigrantes que vivían no sur de Londres, onde se cría, e desde onde todos os anos polo verán viaxa para pasar unha pequena tempada en Connemara, na costa oeste desa illa de santos e poetas. Alí aquel mozo anglo-irlandés, vai coñecer un mundo ben diferente ao da capital británica, que recrea nas súas pezas máis notables, que se estrean co Druid Theatre de Galway ( A raíña da beleza de Leenane, 1996; Oeste solitario, 1997) ou no Town Hall Theatre de Galway ( Un cranio furado, 1997). Porén, pezas coma O tolleito de Inishmaan (1997) ou The Lieutenant of Inishmore (2001) foron presentadas por primeira vez co National Theatre de Londres e co Other Place Theatre, de Stratford-upon-Avon.

Autor de éxito, as estreas referidas foron acompañadas de non pouca polémica, moi especialmente debido á imaxe de Irlanda que nos espectáculos se trasladaba ao espectador, pois certamente o que emerxía na escena era un país primitivo e atrasado, habitado por xentes dominadas por instintos primarios e pola avaricia, a luxuria e o resentimento. En boa medida as críticas foron semellantes ás que recibira John Millington Synge a principios do século XX cando presenta co Abbey Theatre espectáculos que reflectían unha Irlanda ben similar. E se Synge recreaba un país tan primitivo no momento en que se estaba conformando o movemento de liberación nacional, McDonagh fai o propio cando en toda Europa se comeza a falar do poder do "Celtic Tiger", con independencia da sorte do tal felino economico. Por iso, unha parte da crítica lamentou que nas pezas se mostrase unha imaxe tan descarnada de Irlanda, que foi recibida con ledicia e unha certa rexouba polo público anglosaxón.

Co texto que agora presentamos, editado por Galaxia, o noso autor dá un xiro notable, se ben hai datos que indican que O home traveseiro, malia ser estreado en 2003 polo Royal National Theatre de Londres, deriva de varios contos que McDonagh tería escrito moito antes de apostar por esa materia gaélica en cru, pero tamén de películas coma Closet Land (1991) de Radha Bharadwaj. A pegada de creadores coma Jacob e Wilhelm Grimm, Jorge Luís Borges, Franz Kafka ou Quentin Tarantino resulta evidente, malia que consiga imprimir nesta peza unha mirada á realidade e á condición humana tan orixinal coma inquietante.

A trama constrúese con dúas historias imbricadas. Dunha banda o interrogatorio ao que son sometidos dous irmáns debido á desaparición de tres meniños, nunha vila chamada Kamenice. Da outra, a emerxencia das historias que escribe un dos irmáns, que recrean mundos estraños e arrepiantes, magníficas na súa brutalidade. Así o diálogo dos irmáns cos policías vaise complementar coa lectura dunhas historias que, insistimos, provocan espanto e pavor pero tamén moitas preguntas que non teñen resposta, como acontece co enigma contido no Conto da Encrucillada das tres Forcas. Un texto magnífico, que provoca unha lectura inesquecible, das que deixan pegada. Non tarden en botarlle o ollo.

Entre nós

  • A obra de McDonagh chegou a Galicia da man de Avelino González, actor vinculado ao grupo vigués A Farándula ou nesa magnífica aventura que foi Ollomoltranvía, con Cándido Pazó, Santi Prego, Evaristo Calvo, Marcos Orsi, Nuria Sanz ou Victor Mosqueira. Primeiro chegou A raíña da beleza de Leenane, producida por Teatro do Atlántico, con dirección de Xulio Lago, que acadaría varios premios María Casares na súa edición de 2007. Igualmente premiado foi o espectáculo Un cranio furado, estreado en 2010, e presentado por Excéntricas, con dirección de Quico Cadaval. Logo virían Oeste Solitario, dirixido tamén por Cadaval e O tolleito de Inishman, con dirección de Cándido Pazó. Anos despois Il Maquinario, presentaría o espectáculo O home almofada, asentado no texto que agora presentamos, con dirección de Tito Asorey, e no que se propoñía unha interesante reviravolta na presentación da historia ao converter os dous irmáns en dúas irmás, o que esixía un traballo interpretativo notable e moi ben desenvolvido por Laura Miguez, Melania Cruz, Fran Lareu e Fernando González. Así, en poucos anos, McDonagh converteuse nun dos autores máis queridos e premiados do teatro galego, malia que entre este texto e aqueles haxa mundos e mundos de distancia, ben que todas esas pezas teñan unha elevada calidade literaria. Sería por iso.

Compartir el artículo

stats