Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nome e identidade

Das denominacións das colectividades

Fronteira entre Macedonia do Norte e Grecia.

Calquera grupo humano establecido de maneira permanente nun territorio desenvolve unha identidade de seu que lle permita diferenciarse dos seus veciños. E tal vez, por riba de elementos como a historia, a organización política, a relixión, as tradicións folclóricas e mesmo a lingua, a denominación para ese colectivo é o principal factor de identidade. Nese senso, mal o teñen -o temos- aqueles que pertencemos a un estado -como é España- que establece tal identidade como accidental.

Como se Galiza, por exemplo, coas variacións territoriais que sexan, non tivese unha identidade de seu (Gallaecia) desde os tempos do Imperio Romano. Sorte aínda que o Estatuto recoñeceu que Galiza -ou Galicia- xa era nacionalidade histórica. Sen esquecer no caso valenciano, dramático polas accións de comandos fascistas contra persoas e entidades que defendían a denominación de "País Valencià", común ao conxunto de forzas democráticas. Non é por consolarse pero cómpre recoñecer que peor é o caso dalgunhas rexións portuguesas, bautizadas desde Lisboa como o Alentejo ou Tras-os-Montes.

Xa sabemos que unha vez rachado un obxecto, resulta moi difícil a súa reconstrución idéntica. Foi o que sucedeu en Francia coa división igualitarista en departamentos. Dous séculos despois, a vitalidade rexional continúa malia os intentos de borrar calquera diferencia entre territorios. Unha vitalidade, tal vez morna, pero que levou a que o goberno de París tivese que admitir que as matrículas dos coches incorporasen as bandeiras rexionais ou que nalgúns casos o réxime republicano tivese que aceptar a fusión de departamentos para a formación dun organismo rexional único (Córsega).

A proposta de rexionalización aprobada por François Hollande, con Manuel Valls de ministro de Interior, chocou con aqueles territorios que desapareceron como tales no seo das novas súper-rexións. Foi o caso da Cataluña Norte dentro da nova rexión de Occitania ou de Alsacia, subsumida na rexión artificial Grand Est (Alsacia-Lorena e Champaña-Ardenas).

Alsacía, pois: un territorio cunha personalidade de seu como poucos hai en Francia. Alsacia, que foi moeda de cambio nos conflitos armados entre Francia e Alemaña, ten lingua propia (un dialecto alemán) e tradicións pouco homologables co resto da República francesa, a quen Alsacia sempre manifestou unha fidelidade irreversible. Unha reordenación territorial que acordou a conciencia contra as aldraxes do centralismo e o orgullo de pertenza a unha identidade rexional -co partido autonomista Unser Land ('O noso país') á cabeza- ata o punto que a Asemblea Nacional francesa tivo que aprobar a conversión alsaciana en 2021 en "Comunidade Europea de Alsacia" (coa fusión dos dous departamentos), a partir da figura Colectividades con estatuto particular recollida na constitución francesa.

Na mesma liña de nome de identidade territorial, cómpre saudar a habelencia do anterior primeiro ministro grego, Alexis Tsipras, para negociar e acordar co goberno de Skopje que a coñecida como "antiga República Iugoslava de Macedonia" pasase a denominarse Macedonia do Norte, para evitar a coincidencia coa rexión grega de Macedonia, berce de Alexandre o Grande, entidade unitaria que foi obxecto de disputa conforme o imperio otomano entrou en decadencia.

Tanto Tsipras como o seu homólogo macedonio, Zoran Zaev acordaron o cambio de denominación, contra a oposición dos sectores máis nacionalistas de cadanseus países. Había varios motivos para a nova denominación: obviamente, a plena homologación nominativa internacional do país balcánico, pero máis importancia tivo a súa vontade de ingresar de maneira efectiva na UE e na OTAN.

Mapas trazados con regra

  • O colonialismo europeo trazou os mapas de África en función das circunstancias da ocupación e da evolución das hexemonías das metrópoles. Na maioría de casos a denominación dos territorios foi a dada polos colonizadores sen ter presente as agrupacións naturais dos habitantes orixinarios. Unha vez descolonizados, algúns países comezaron a adoptar o recuperar denominacións de orixe local aínda que iso agochase dominacións ditatoriais, como no caso da R. D. do Congo, chamada Zaire durante o mandato de Mobutu Sesé Seko. Outro caso curioso foi o do único estado africano formado por escravos liberados, que adoptou un nome de resonancias latinas: Liberia. Entre aqueles que recuperaron denominacións de matriz africana cabería sinalar Benin, Zambia, Zimbabwe e Burkina Fasso. Ou Namibia, cunha situación paradoxal, cuxa guerrilla independentista se chamaba co nome colonial: SWAPO (Organización Popular da África do Sudoeste). Polo contrario, o Frente Polisario incorporaba no seu nome os dous principais topónimos do Sáhara español (Saguiat el-Hamra e Río de Oro) pero bautizou o territorio reivindicado como República Árabe Saharaui Democrática. Ou o Camerún, nome dado polos portugueses en 1472 ("Rio dos Camaroms") pola abundancia destes crustáceos na zona.

Compartir el artículo

stats